Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 259 - 09/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  CRISE. QUE CRISE?
 

Os grandes bancos españois aumentan un 27% os seus beneficios en 2014

Os cinco grandes bancos españois, Santander, BBVA, Caixabank, Sabadell e Popular, rexistraron un beneficio neto de 9.756,1 millóns de euros en 2014, fronte ás ganancias de 7.674 millóns de euros obtidas un ano antes.

 

  • Noticias relacionadas

 

Este cálculo non inclúe os resultados de Bankia, que decidiu aprazar a publicación das súas contas correspondentes a 2014, prevista inicialmente para o pasado 2 de febreiro, á espera da decisión do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) sobre quen asumirá a compensación aos accionistas polas continxencias derivadas da súa saída a Bolsa en 2011.
 
Todas as entidades bancarias lograron mellorar os seus beneficios respecto ao pasado ano. En conxunto, o aumento dos beneficios dos cinco grandes bancos que publicaron ata agora os seus resultados é do 27,1%.
 
O Santander liderou a marca de ganancias en 2014. O seu beneficio supón algo máis do todo o gañado polo sector: Obtivo un beneficio neto atribuído de 5.816 millóns de euros, cifra un 39% superior á de 2013 e aumentou negocio en todos os seus mercados por primeira vez dende que a economía mundial entrou en crise. O resultado do banco presidido por Ana Botín débese ao aumento dos ingresos básicos nun 3%, ao descenso dos custos de case un 1% e a unha baixada do 14% nas dotacións para insolvencias con respecto ás realizadas en 2013. Dende o Santander resáltase que a entidade tomou o camiño cara á normalización dos seus resultados.
 
Pola súa banda, BBVA gañou 2.618 millóns de euros en 2014, un 25,7% máis que en 2013, grazas á boa evolución da marxe de intereses, o control dos gastos e os menores saneamentos. O banco rexistrou un beneficio despois de impostos de operacións continuadas -sen incluír o resultado de operacións corporativas- de 3.082 millóns de euros, un 53,1% máis que en 2013.
 
Caixabank obtivo un resultado neto atribuído de 620 millóns de euros en 2014, un 23,2% máis que o beneficio presentado hai un ano e un 96,3% máis tras a reexpresión das contas de 2013 pola nova normativa contable. A entidade catalá aplicou unhas dotacións de 2.084 millóns, unha caída do 48,4%.
 
Mentres, Banco Popular rexistrou un beneficio neto de 330,4 millóns de euros en 2014, un 31,4% respecto ao ano anterior, tras reducir as súas dotacións un 15%. O banco que preside Angel Ron anunciou, ademais, que volverá ao pagamento do dividendo en efectivo, seguindo así o ronsel de Santander.
 
Por último, Banco Sabadell obtivo un beneficio neto atribuído de 371,7 millóns de euros en 2014, un 50% máis que o ano anterior, tras aumentar en todas as marxes e destinar 2.499,7 millóns a dotacións.
 
LIBRERED

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript