Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 258 - 02/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Juan Torres López
 

A Universidade de Rajoy, outro negocio para a banca

O Goberno acaba de aprobar (un vez máis por decreto) outra importante reforma educativa que tamén nesta ocasión ten significativos efectos colaterais, agora en forma dun novo negocio para a banca.

 

  • Noticias relacionadas

 

O que propón o goberno é que a actual estrutura dos estudos universitarios (catro anos de grao máis un de máster) pase a ser (en principio de modo voluntario segundo o criterio de cada universidade) de 3 máis dous.
 
A proposta non é en si mesmo boa ou mala senón que, como adoita acontecer case sempre, depende do contexto e as condicións en que se leve a cabo.
 
Outros países europeos teñen esta estrutura e non son precisamente os que teñen un peor sistema universitario, de maneira que pode ser que a fórmula tamén puidese ser a máis apropiada para España.
 
Pero hai razóns para pensar que o modo en que se levará a cabo no noso país vai xerar graves custos sociais e moi poucos resultados positivos.
 
En primeiro lugar, hai que lamentar que de novo se proceda a implantar un cambio desta envergadura sen apenas debate previo, sobre todo, cando hai tan pouco tempo que se optou por un modelo distinto. Gobernando con présas e por decreto o goberno de Rajoy demostra unha vez máis que o que busca non é encontrar as mellores solucións senón poñer en marcha canto antes e a calquera prezo as medidas que, como neste caso, benefician a uns poucos grupos e intereses sociais.
 
En segundo lugar, hai que ter en conta que os cambios no sistema educativo non se poden levar a cabo considerando só a súa propia estrutura senón que hai que poñer sobre a mesa o financiamento que van á necesitar para evitar que a súa provisión se deteriore, como creo que será inevitable que aconteza neste caso.
 
Nun momento en que as bolsas se reducen e soben constantemente os prezos públicos universitarios, optar por esta fórmula só pode levar a que se agudice o xa forte proceso de expulsión de alumnos do sistema educación superior.
 
A estratexia que hai detrás desta nova estrutura dos estudos é ben clara. O grao, que ata agora é o que está asociado a prezos públicos máis reducidos, acúrtase e faise máis elemental para pasar canto antes á fase de máster que se pode e vai ofrecer a prezos moito máis elevados e libres.
 
Fortalécese así a provisión do ensino universitario como un simple negocio que vai excluír bo número de estudantes e non só por razóns de capacidade ou excelencia. E así se beneficia ás universidades privadas que poderán especializarse -con menos competencia dende as públicas- na oferta educativa máis cara e dirixida aos grupos sociais con recursos abondo para poder pagala.
 
Pero o que realmente creo que se esconde detrás desta medida é un negocio que xa empezou a forxarse hai anos e que moi posiblemente sexa agora cando comece a desenvolverse en toda a súa extensión: o dos préstamos a estudantes universitarios.
 
Adóitasenos dicir sempre que a débeda é o resultado do noso comportamento culposo, do noso afán por vivir con máis do que temos. Pero a verdade é que a débeda é o negocio da banca.
 
Os bancos dedícanse constantemente a encontrar os camiños que poden permitirlles aumentar a débeda, posto que é só con ela como gañan diñeiro (en contra do que se cree, arruinariamos a un banco non só por deixar de depositar alí o noso diñeiro senón, sobre todo, por non lle solicitar créditos). Para iso promoven políticas de adquisición de vivenda e non de aluguer, salarios máis baixos e unha política económica xeneral que mingúe os ingresos dispoñibles en fogares e empresas para que teñan que recorrer permanentemente aos seus préstamos.
 
Dende hai anos os bancos (e no noso caso especialmente o Banco de Santander) veñen desenvolvendo unha estratexia lenta pero efectiva de penetración na vida universitaria e agora están preto de alcanzar o seu verdadeiro obxectivo: poñer en marcha en España o negocio dos préstamos que permitan aos estudantes financiar os seus estudos universitarios cada vez máis caros e grazas a medidas como a que hoxe se aprobou.
 
É un fenómeno que xa se viviu noutros países e sabemos, polo tanto, como empeza e como remata: elevando pouco a poucos os prezos públicos, reducindo as bolsas e ampliando a franxa (posgrao) de matrículas máis altas. E todo iso, mentres que se difunde a idea de que sen un máster é imposible encontrar traballo, o que obriga a que os universitarios entendan que realmente non o son e que non están preparados para afrontar o seu futuro sen realizalo.
 
En Estados Unidos, onde o negocio adquiriu unha dimensión xigantesca, o negocio en torno aos préstamos a universitarios é de 1,3 billóns de dólares e a débeda media creceu case un 60% dende que empezou a crise. Tanto así, que a morosidade oficial é do 11-12%-12 pero a real estímase que podería ser do 20%.
 
A explicación de por que se chegou a esa situación é elemental e anticípanos o que acontecerá en España. Sóbese o custo medio das matrículas (en Estados Unidos un 141% nos últimos 30 anos e un 70% de 2001 a 2011) mentres que baixan os recursos nacionais ou locais con que se financia á universidade (caeu un 25% nese mesmo período) e tamén os ingresos dos fogares (baixaron un 7%).
 
Cando todo iso acontece, a cada vez maior proporción de universitarios non lles queda outro remedio que endebedarse para poder pagar os seus estudos. En Estados Unidos, o 94% dos estudantes que obtiveron unha licenciatura tiveron que pedir prestado para pagar unha educación universitaria, case un 45 por cento máis que hai vinte anos, o que fai que a débeda (é dicir, o negocio da banca) creza a razón de 3.000 dólares por segundo (Stephen Lendman, How Wall Street fleeces America Privatized Banking, Government Collusion and Class War).
 
O problema estala cando tamén hai cada día máis antigos estudantes que non teñen traballo nin ingresos para pagar os préstamos estudantís que arrastran ou que teñen empregos tan precarios que non lles dan para iso. Exactamente o que lle acontece a uns 7 millóns de antigos estudantes e ao 53,6% dos graduados menores de 25 anos en Estados Unidos. E o curioso é que case catro de cada 10 (o 38%) teñen traballos para os que non é necesaria a formación que os obrigou a endebedarse.
 
O fenómeno non é propio soamente de Estados Unidos (onde o presidente Obama tivo que tomar medidas de rescate para evitar unha auténtica hecatombe financeira). Aconteceu igual en Chile, onde hai entre 100.000 e 200.000 antigos estudantes atrapados por créditos, literalmente acosados polos bancos e que agora deben tres veces máis contía da contía inicial dos préstamos que recibiron (O millonario roubo do Crédito Corfo: Máis de 100 mil ex estudantes viven acosados polos bancos). Tamén en Inglaterra, onde se calcula que tres cuartas partes dos estudantes non serán capaces de pagar a súa débeda e que o 73% dos egresados non rematará de pagala antes de cumprir 50 anos (Tuition fees: Three quarters of students won't be able to pay off their debt). Ou en Francia, onde o 12,5% dos estudantes están endebedados para pagar os seus estudos mediante préstamos que xa se poden pedir a través dunha simple páxina web (http://www.financetesetudes.com)
 
Isto é o que pasará a partir de agora en España: comezaron a subir matrículas, caeu a renda familiar e as bolsas, agora reestrutúranse os estudos para que vaia predominando a etapa máis cara e pronto se estenderá a oferta de préstamos estudantís. Os bancos, como en Estados Unidos, multiplicarán o seu negocio dando créditos e converténdoos en novos produtos financeiros derivados, ata que de novo estale a burbulla, volvan quebrar e empecemos de novo.
 
Entón tamén dirán que foi porque estudamos demasiado e nos endebedamos por enriba das nosas posibilidades. Salvo que se poña fin a esta loucura.
 
Enlace co artigo
 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript