Febreiro de 2015
 
 

NÚMERO 258 - 02/02/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE. 26F, FOLGA ESTUDANTIL
 

26F: contra os recortes, por un ensino popular, antipatriarcal, galego científico e de calidade

A través dun proceso de diálogo, debate e deliberación asemblearia, diferentes axentes estudantís que actúan en Galiza en defensa dun ensino para as clases populares, analizamos a necesidade de convocar unha folga estudantil no noso país.

 

  • Noticias relacionadas

Recortes, miseria e a cada vez máis falta de expectativas que as estudantes temos de cara ó noso futuro, son os motivos que nos levan a ter que saír á rúa e mobilizarnos para parar os ataques que dende os gobernos do Partido Popular en Madrid e na Xunta se levan a cabo contra o ensino público. Queremos reivindicar dende o local até o nacional, visibilizando e socializando entre as nosas compañeiras problemáticas que nos afectan no noso día a día nos centros de estudo, pero que veñen ditadas dende moi lonxe por poderes completamente antidemocráticos.
 
Queremos unha xornada de folga na que cunha soa voz berremos contra os recortes na educación, contra a masificación das aulas, contra a precarización da situación laboral do profesorado e contra que a universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar. Opoñémonos xuntas a que nos quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas, cunhas infraestruturas avellentadas e cun profesorado que cada vez é menos e cunhas condicións de traballo máis duras.
 
Contra un ensino que cada vez nos custa máis pagar ás clases populares e cunha calidade cada vez menor, reivindicamos un ensino público e gratuíto. Reivindicamos o común como algo a  defender de xeito colectivo por todas as estudantes e polos milleiros que xa non o son porque non tiveron a oportunidade de acceder a unha bolsa.
 
Apostamos por liscar das aulas ao patriarcado,e por iso nos opoñemos a un goberno que fomenta con sumas indecentes de cartos aos colexios que segregan por sexos. Reivindicamos un ensino que nos eduque en igualdade, que sirva de motor para unha mudanza de valores que axuden a extinguir a opresión sobre as mulleres. Mentres eles impoñen relixión, negación do corpo e de nós mesmas e perpetuación de vellos valores, nós loitamos por unha educación en igualdade que nos axude a construír novas relacións.
 
O número de falantes da nosa lingua é cada vez menor, quedando reducido a 1 de cada 4 persoas que falan só galego entre os 9 e os 15 anos. O galego está a sufrir a súa peor crise da historia mentres o goberno autonómico se parabeniza pola harmonía e o bilingüismo imperante na nosa terra. Así, no ensino medio cada vez ensínase menos en galego e fálase de ridículos e insultantes decretos cos que imos rematar sabendo falar mal tres linguas. O idioma está en perigo, tanto no ensino como na sociedade, e nós, como estudantes galegas, reivindicamos un ensino monolingüe, no que se nos ensine a nosa historia e non se perda o noso pasado colectivo.
 
Por todo isto, as organizacións, asembleas e colectivos que asinamos este manifesto queremos facer un chamamento a todo o estudantado a defender o que é noso, e impedir que quede cada vez en menos mans. O 26 de febreiro saímos á rúa contra os recortes no ensino, por unha educación popular, non patriarcal, galega, científica e de calidade!
 
Liga Estudantil Galega

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript