Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 257 - 26/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  DEREITOS HUMANOS
 

Mozo saharauí condenado a cadea perpetua será expulsado do Estado Español en dúas semanas

A cuestión parece estar clara. Nin o PP nin o PSOE teñen os suficientes arrestos para enfrontarse coa monarquía feudal marroquí. Son os intereses económicos das grandes empresas capitalistas españolas as que determinan a conduta dun e outro partido.

 

  • Noticias relacionadas

Dicimos  isto porque este mesmo luns, un mozo saharauí Hassana Aalia, de só 26 anos, recibiu unha comunicación do Ministerio do Interior a través da cal se lle informaba que a súa petición de asilo político quedara rotundamente rexeitada e que, por tanto, dispuña de 15 días para abandonar o territorio do Estado español. O grave da cuestión é que  este mozo saharauí pode acabar, se ninguén o remedia, nunha dos miserables cárceres do réxime marroquí, xa que pesa sobre el unha sentenza pola que se lle condena a cadea perpetua pola súa participación no campamento saharauí de protesta pacífica de Gdeim ,- o famoso Campamento da Dignidade  - no ano 2010.
 
"A min detívome a policía no 2010, no desaloxo do campo de refuxiados. Xulgáronme en dúas ocasións, saín libre, non había ningunha proba contra min; por iso vin a España; mesmo me deron o visado sen problemas. Despois condenáronme por algo que antes non consideraran que fixera”.
 
Foi a finais do ano 2011, mentres  Hassana Aalia se atopaba estudando no País Vasco cunha bolsa, cando se deu conta que o seu nome figuraba entre os acusados polos feitos ocorridos durante o violentísimo desaloxo do Campamento da Dignidade por parte das forzas de ocupación marroquí.
 
Ante ese panorama, o mozo saharauí, ao comprobar que o seu nome figuraba nas listas dos acusados, tomou a determinación de pedir asilo político ao Goberno español. Hai dous anos, en febreiro do 2013, o Tribunal militar ditou unha durísima sentenza en contra de 25 civís saharauís, entre os que se atopaba o seu nome. Dado que Aalia optara por refuxiarse en España, os militares ocupantes marroquís xulgárono en rebeldía e condenárono, - sen que no xuízo se achegase  proba algunha sobre a súa  actuación no campamento - nada menos que a cadea perpetua.
 
Observadores internacionais e membros de entidades relacionadas coa Xustiza, seguiron o xuízo, no que puideron comprobar “a escasa solidez das probas acusatorias”.  "Foi un xuízo político en contra da resistencia saharauí  - dixo un dos observadores internacionais presente no seu desenvolvemento -  Eu presencieino. Todo é un teatro de Mohamed VI para tentar escarmentar á rebelión do Sahara Occidental. É ao rei marroquí ao que se debería sentar no banco por ocupar violentamente o Sahara Occidental”.
 
A partir dese momento, Hassana Aalia converteuse nun prófugo da Monarquía feudal marroquí. Parece preciso aclarar que o mozo saharauí non ocultou nunca as súas posicións anticolonialistas e recoñece, ademais, estar estreitamente comprometido con todas aquelas loitas que propugnen a liberdade e autodeterminación para a súa patria ocupada.
 
En declaracións a un medio dixital español, Hassana Aalia confesou que lle sorprendeu a dureza da sentenza ditada contra el mesmo e 25 saharauís máis. Está convencido de que o Goberno marroquí pretende con iso enviar unha clara mensaxe ao pobo saharauí que loita pola súa liberación. "Queren meter medo ao noso pobo. A min a condena a cadea perpetua non me doe; dóeme máis non poder volver para ver aos meus pais e irmáns”, asegura Aalia.
 
De acordo coa resolución do Ministerio do Interior español, encabezado polo opusdeista Fernández Díaz, o próximo 3 febreiro Hassana Aalia terá que abandonar este país. Permitiremos que este mozo saharauí termine nas mans sanguinolentas do déspota de Rabat ? Non correspondería que de maneira urxente se constituísen Comités de Solidariedade para impedir que este mozo sentenciado a cadea perpetua sexa finalmente atrapado por quen coa complicidade dos sucesivos gobernos españois, ocuparon a súa terra? En momentos como estes valería a pena que reflexionásemos sobre os nosos deberes solidarios co pobo irmán do Sahara.

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript