Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 257 - 26/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - PROLINGUA
 

Outra traizón da Xunta á lingua galega

A Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas.

 

  • Noticias relacionadas

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
X. M. Díaz Castro
 
Aproveitando a presentación da edición bilingüe en galego-éuscaro da obra de Díaz Castro Nimbos/Argi-koroak, o goberno vasco anunciaba unha proposta (https://www.irekia.euskadi.net/es/news/23710) conxunta coa Generalitat de Cataluña e a Xunta de Galicia para instar o Goberno de España a poñer en marcha unha iniciativa para a edición multilingüe (catalán-castelán-éuscaro-galego) de obras literarias representativas das linguas minorizadas.
 
De poñerse en práctica esta iniciativa só se derivarían consecuencias positivas. Exteriormente incrementaríase o coñecemento e o aprecio polos nosos escritores, pois tal e como dicía o Viceconselleiro de Política Lingüística vasco Patxi Baztarrika, “non se pode amar o que non se coñece”. Internamente, cando se percibise esa valoración e recoñecemento foráneos, incrementaríase o orgullo e a autoestima pola nosa lingua, do que se derivan  evidentes efectos normalizadores.
 
Sorprendentemente desde a Xunta de Galicia ocultouse a iniciativa das edicións multilingües. Non hai ningunha referencia a ela na nota de prensa da Consellería de Educación (http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/3650) na que (só) se informa da edición e presentación en Euskadi de Nimbos/Argi-koroak.
 
Tendo en conta que a proposta anunciada por Patxi Baztarrika só pode ter beneficios para Galicia e para os galegos é difícil de xustificar a actuación do Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García na presentación do poemario de Díaz Castro. A súa intervención consistiu en dar un paso atrás para despois pasar a atacar e desvirtuar a proposta da edición multilingüe. O Secretario Xeral argumenta que as competencias en materia de linguas propias son das Comunidades Autónomas co cal lle retira ao Estado toda responsabilidade no uso e difusión de ningunha outra  lingua que non sexa o castelán.
 
É simplemente escandaloso que se nos impoña o coñecemento da literatura española cando a un tempo nunca se abordou seriamente nin tan sequera a difusión das culturas galega, vasca e catalá fóra  dos seus respectivos territorios. Este tipo de actitude esnaquiza a convivencia ao establecer xerarquías racistas entre as persoas consonte a súa lingua, co que se instauran cidadáns de dúas categorías, e os representantes galegos apúranse a apuntarnos entre os de segunda clase. Ninguén debe estrañarse, xa que logo, de que os galegos abandonemos perigosamente a nosa lingua, é o que se está a incentivar desde as estruturas de poder.
 
Tampouco se arrubiou  Valentín García cando afirmou que Galicia ten unha vantaxe comparativa respecto de Euskadi e Cataluña no relativo á difusión exterior da nosa lingua. Nós contamos cos Centros Galegos, asegurou, e contamos tamén cunha enorme cantidade de emigrantes que levan o galego por toda a xeografía española. Continuando con esta liña argumentativa é de supoñer que deberiamos fomentar a emigración para así espallar máis e mellor a nosa cultura. Velaí como unha perversa interpretación do triste fenómeno da emigración galega converte a nosa desgraciada febleza económica nunha macabra vantaxe cultural. Con esta actitude  apártase o galego da reivindicación dun estatus coa mesma categoría que o éuscaro e o catalán e o que é peor, esta retirada faise a costa da dignidade do pobo galego.
 
Outra vez se consumou unha traizón á lingua propia de Galicia
 
ProLingua, 16 de xaneiro do 2015

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript