Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 257 - 26/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

RPT. Persoal dos servizos de conserxaría de Ferrol

Como xa denunciamos con anterioridade a proposta de RPT presentada pla Xerencia cébase dun xeito especial co persoal das conserxarías, onde, ao noso entender, de levarse a termo o que nesa proposta se establece estariamos diante dun Plan de Emprego. A proposta é especialmente prexudicial para @s compañeir@s de Ferrol que veñen asinar un documento no que plasman as súas consideracións sobre a súa situación e que enviaron ao reitor, Xunta de Persoal e Comité de Empresa. Como o consideramos de especial relevancia reproducímolo.

 

  • Noticias relacionadas

Consideracións sobre o cambio da dependencia orgánica e a redistribución do persoal dos servizos de conserxaría no campus de Ferrol que inclúe a proposta de relación de postos de traballo para o ano 2015 presentada pola Xerencia da Universidade da Coruña
 
Como traballadores de servizos de conserxaría de diferentes centros situados no campus de Ferrol1 desexamos, por medio deste documento, expresar o noso rexeitamento á unificación de todas as conserxarías deste campus baixo a dependencia orgánica da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, e á redistribución dos efectivos destas conserxarías, ambas incluídas na proposta de relación de postos de traballo (RPT) para o ano 2015 presentada pola Xerencia da Universidade da Coruña (UDC), con base nas seguintes premisas:
 
a) En primeiro lugar, entendemos que a dirección e xestión dos seus recursos humanos é un elemento clave no funcionamento e a proxección da UDC –en realidade, de calquera universidade–, en especial no tocante ao persoal de administración e servizos (PAS), como queda de manifesto nos Estatutos desta institución:
 

Artigo 89
 
(...)
 
2. Correspóndenlle ao persoal de administración e servizos as funcións de xestión, apoio, asistencia e asesoramento para a prestación dos servizos universitarios que contribúen á consecución dos fins propios da Universidade da Coruña.

 
Xa que logo, o PAS debe ser tratado con igual atención, seriedade e respecto que o resto da comunidade universitaria. 
 
b) En segundo lugar, a UDC –como calquera outra administración pública– ten que ser capaz de mellorar as súas prácticas en materia de recursos humanos, así como de estimular os seus empregados no cumprimento eficaz das súas funcións e responsabilidades, tamén en particular no que ao PAS se refire.
 
Velaquí as nosas razóns:
 
De acordo coa memoria titulada «Revisión da relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña», presentada pola Xerencia da UDC no marco das negociacións coa representación dos traballadores dunha nova RPT para o ano 2015 (sic):
 

Abórdase tamén a necesaria reorganización dos servizos de Conserxaría coa finalidade, por unha banda, de substituir a prestación de servizos externos neste ámbito de traballo con efectivos do propio cadro de persoal da UDC, o que de xeito significativo redundadará na reducción de custos en servizos externos e, por outra, de reforzar servizos comunes que o veñen demandando, asi como atender as necesidades de conserxaría dos novos edifícios de apoio á investigación, como son a Área Científica posta recentemente en marcha ou o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas de próxima apertura.

 

(...)

 

Como se indicou ao inicio desta memoria, procédese á redistribución do persoal adscrito ás conserxerías de acordo coa relación de postos a readscribir e postos a cubrir relacionados no anexo I. Nos centros docentes do campus da Coruña garántese unha dotación mínima de catro postos de traballo, dous en quenda de mañá e dous na quenda de tarde.
 
Refórzanse as unidades de conserxería que atenden a varios centros e que viñan suplindo estas carencias con servizos externos (Elviña 2 e Centro Universitario de Riazor/Normal), así como aqueles centros que tamén viñan sendo atendidos por persoal externo ou que son de nova apertura (Terapia Ocupacional, Área Científica e CICA).
 
No Campus de Ferrol, que se reforza con dous postos vacantes que proveñen do Campus da Coruña, a mellor prestación de servizos de Conserxaría e a substitución de servizos externos implica adscribir todos os postos orgánicamente á vicerreitoría do campus, sen prexuizo da necesaria adscrición funcional a cada centro docente.

 

É preciso notarmos, antes de máis, que a mencionada necesidade de «substituír a prestación de servizos externos neste ámbito de traballo con efectivos do propio cadro de persoal da UDC» constitúe unha reivindicación histórica do persoal das conserxarías que esta institución, ata o momento, nunca quixo facer súa, sen aducir ningún argumento. 
 
Descoñecemos cantos cartos leva gastado a UDC ao longo dos seus vinte e cinco anos de vida na contratación de empresas de servizos que solucionasen as lagoas de persoal nas conserxarías, mais si sabemos que eran cartos que poderían terse aforrado de se levar a cabo unha planificación efectiva do persoal con que veu sendo indispensable contar nestas unidades de traballo. 
 
De por parte, cómpre notarmos tamén que nestes vinte e cinco anos a UDC nada fixo no referente á organización, promoción e consolidación dos servizos de conserxaría, mentres o resto dos servizos creados –incluso con posterioridade– contan hoxe en boa medida con cartas de servizos, manuais de funcionamento, sistemas de organización interna e outras ferramentas que lles axudan a realizar o labor que a sociedade demanda dunha universidade pública e poñen en valor o seu traballo dentro da estrutura da propia UDC.
 
Queremos salientar que desde a creación desta universidade, o persoal das conserxarías sempre demandou –e estivo aberto a cooperar nela– a elaboración dun manual de funcións que reflectise a realidade do traballo diario destes servizos e servise como instrumento para melloralo e organizalo dun xeito racional. A pesar das tentativas que se produciron neste sentido, sempre, e dun xeito unilateral, os responsables da institución ben por activa ou ben por pasiva impediron que o citado manual de funcións chegase a existir.
 
En calquera caso, agora, alén de seguirmos a carecer destas ferramentas de que vimos falando, preténdese que o persoal dos servizos de conserxaría do campus de Ferrol, xa minorado nas sucesivas RPT dos últimos anos e reducido na práctica totalidade dos centros a unha persoa por quenda malia a apertura de dous novos centros –o Centro Cultural Universitario e a Residencia Universitaria–, sexa intercambiable e asuma funcións cando se estime oportuno de xeito discrecional como se todos os centros fosen iguais e neles se realizasen as mesmas actividades cos problemas que isto podería ocasionar:
 
a) Dificultades na adaptación dos traballadores ás peculiaridades de cada centro, pois teremos que enfrontar en solitario tarefas que van desde a busca de chaves para abrir as portas á localización de cadros eléctricos, tubaxes etc. cuxa situación descoñeceremos, pasando polo manexo dos equipos de apoio á docencia con que se conte, o recoñecemento do persoal do centro, a preparación, recollida e repartición da correspondencia etc.
 
b) En consecuencia, o traballo realizado desde os servizos de conserxaría será menos eficiente, o que repercutirá no bo funcionamento dos centros e posiblemente dará lugar a non poucas incidencias. Así mesmo, isto comportará de xeito ineludible a falta de motivación e baixo rendemento dos traballadores, cos problemas psicolóxicos que poden derivarse segundo o Equipo de Investigación Cisneros2: procesos depresivos, maiores niveis de estrés e alteracións inmunolóxicas e neuroendócrinas.
 
c) Complicacións á hora de cumprir normas que afectan a todos os centros e que comportan unha importante responsabilidade, como é o caso dos plans de autoprotección existentes e futuros e doutros procedementos de prevención de riscos laborais.
 
Non son estas, con todo, as únicas cuestións problemáticas que se derivarían da posta en práctica da proposta da Xerencia da UDC:
 
a) Nos Estatutos da UDC establécese o seguinte:
 

Artigo 91
 
1. O persoal de administración e servizos dependerá organicamente da Xerencia da Universidade e funcionalmente da Secretaría Xeral, vicerreitorías, decanos e directores de centros, de departamentos, de servizos ou de entes a que estea adscrito.

 
Así, calquera cambio na dependencia orgánica do PAS, de que forma parte o persoal dos servizos de conserxaría do campus de Ferrol, vulnerará os Estatutos desta universidade, non sendo que os devanditos estatutos se modificasen.
 
b) Nas estipulacións do Acordo de funcionarización do persoal laboral de administración e servizos da Universidade da Coruña, asinada polo actual reitor, disponse o seguinte (sic, a letra grosa figura no orixinal):
 

1ª.- Habilitación do proceso de funcionarización e principios:
 
(...)
 
As premisas do proceso son (...) a non discriminación, o proceso ábrese a todas as categorías laborais baixo uns parámetros homoxéneos aínda que adaptados ao grupo; (...) a garantía de dereitos, ningún traballador verá mermados os seus dereitos, a súa antigüidade nin as súas retribucións; a coherencia e racionalidade, polo que se refire á catalogación de grupos e niveis profesionais, evitando diferenzas non xustificadas entre categorías; especificidade profesional, que se plasma na creación de escalas e subescalas adaptadas ás actuais categorías profesionais (...).
 
5ª.- Adscrición aos postos funcionarizados e asignación de niveis e complementos.
 
Segundo o establecido na nova RPT, a Xerencia comunicará individualmente a cada traballador laboral fixo afectado por este proceso a súa adscripción ao novo posto funcionarial, que lle permitirá optar ao proceso de funcionarización.


Por tanto, a proposta que agora presenta a Xerencia da UDC infrinxe as condicións do proceso de funcionarización, pois tiñamos un destino fixado como persoal laboral que ía ser e ten que ser respectado.
 
c) Quedará comprometido o acceso do persoal dos servizos de conserxaría do campus de Ferrol aos sistemas de provisión e promoción, isto é, aos procesos de carreira e promoción profesional, aplicados ao resto do colectivo de PAS. Na práctica nunca poderemos optar a novos destinos, xa que o noso destino pasará a estar en calquera centro en que se precise cubrir calquera posto do servizo de conserxaría.
 
d) Quedará comprometido, así mesmo, o noso dereito, recollido nos Estatutos desta universidade (art. 31) e na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU, arts. 6.3 e 78), a formar parte dos órganos colexiados de goberno e representación das facultades e escolas, a pesar de que seguiremos prestando os nosos servizos nos centros.
 
e) De partida constituímos en exclusiva a escala afectada por esta mobilidade discrecional intracampus –dentro do campus de Ferrol– que se propón, mais ábrese a porta a que en futuras RPT non xa só se vexan concernidas outras escalas, mais se recolla unha nova mobilidade intercampus –entre os campus de Ferrol e A Coruña e viceversa– que atinxa o persoal dos servizos de conserxaría, pois abondará con adscribilo simplemente onde conveña.
 
f) Non se pode ter a certeza de que a redución dos custos en servizos externos con que se xustifican o cambio de dependencia orgánica e a redistribución do persoal dos servizos de conserxaría no campus de Ferrol se producirá de xeito efectivo. De feito, de se implantaren estas medidas, cando o devandito persoal –xa daquela de feito reducido a unha persoa por centro e quenda– padeza calquera enfermidade ou queira gozar das súas vacacións ou días de asuntos propios, por citar casos que a ninguén poden causar estrañeza, á UDC non lle quedará máis alternativa que, como veu facendo ata o momento, facer uso de tales servizos externos, ou ben pechar os centros.
 
Unha proposta similar a esta que agora semella vai ser aplicada de maneira forzosa foi presentada, aínda que con carácter voluntario, hai apenas un ano e xa naquel momento a rexeitamos. Arestora segue a ser, segundo entendemos, un novo experimento desregulador da situación laboral de certos traballadores e non unha opción meditada para garantir que a UDC ofreza á sociedade uns servizos de calidade.
 
De por parte, uns cambios desta índole cando menos deberían vir preceptivamente acompañados dunha memoria explicativa e argumentada tanto do punto de vista organizativo como orzamentario que os xustificasen con razóns de peso, por non falarmos do proceso que se establece no capítulo III do texto consolidado do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de función pública de Galicia, titulado «Relación de postos de traballo, plans de emprego e oferta de emprego público», de non difícil adaptación e adopción pola UDC:
 

Artigo 30 bis       
 
3. Cando as necesidades de servizo ou funcionais xustifiquen a modificación da adscrición dos postos de traballo a unha consellaría, unidade, organismo, axencia ou entidade distinta da que figure na relación de postos de traballo, o Consello da Xunta de Galicia aprobará un plan de ordenación de recursos humanos, oída a comisión de persoal e logo da negociación sindical e do informe da consellaría competente en materia de función pública e da consellaría competente en materia de orzamentos.

 
Polo anteriormente exposto, solicitamos que a universidade modifique a súa proposta de RPT por entender que lesiona gravemente os intereses e dereitos dos traballadores que prestan servizo nas conserxarías do campus de Ferrol.
 

    
1 As persoas asinantes deste escrito sinalan como enderezo para os efectos de notificación o seguinte:
Conserxaría da Facultade de Humanidades e Documentación, r/ Doutor Vázquez Cabrera s/n, 15403 Ferrol.
 
2 EQUIPO DE INVESTIGACIÓN CISNEROS (dir.) (s. d.) [en liña] Libro Blanco «Los riesgos psicosociales en la administración. Los riesgos del Mobbing y el Burnout en la Agencia Estatal de la Administración Tributaria (AEAT) y en la Intervención General de la Administración del Estado (IGAE)». Dispoñible no enderezo web <http://www.gestha.es/archivos/informacion/monograficos/barometro_cisneros_v/2005/informe20050211.pdf>

 

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript