Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 257 - 26/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMÍA - LABORAL
 

O Comité Europeo de Dereitos Sociais denuncia que o salario mínimo no Estado Español non garante un nivel de vida digno

O salario mínimo establecido no Estado Español para os traballadores do sector privado e dos contratados da función pública “non garante un nivel de vida digno”, segundo reflicten as conclusións do Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa, que avaliou o cumprimento da Carta Social Europea e do seu protocolo adicional.

 

  • Noticias relacionadas

Na súa análise sobre España, o Comité conclúe que a situación non está conforme co recolleito no artigo 4 da Carta de 1961, xa que “o salario mínimo dos traballadores do sector privado non garante un nivel de vida digno”, algo que tamén é aplicable para “o persoal contratado na función pública”.
 
A análise sostén tamén que en España a xornada laboral pode exceder as 60 horas semanais nalgunhas categorías de traballadores e denuncia que non se estableceron medidas compensatorias para todos os traballadores expostos ao tratamento de residuos de risco.
 
Así mesmo, o Comité do Consello de Europa conclúe que o Estatuto dos Traballadores non garante en España un incremento da remuneración ou do tempo de libranza polas horas extras.
 
Por outra banda, as conclusións do informe sosteñen que a situación en España non é conforme ao contemplado no artigo 4.4 da Carta de 1961 ao considerar que o preaviso esixido nos contratos de traballadores indefinidos e temporais “non é razoable” en distintos casos, incluíndo o despedimento cando un contrato expira ou os seus obxectivos foron alcanzados, así como tampouco na terminación de contratos pola morte ou retiro dun empregador que é unha persoa física ou pola liquidación dun empregador que é unha persoa xurídica.
 
NON DISCRIMINACION SALARIAL POR XENERO.
Por contra, o Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa considera que en España cúmprese co principio de non “discriminación entre homes e mulleres en canto á remuneración”.
 
Neste sentido, o informe destaca que o Estatuto dos Traballadores considera nula e sen efecto calquera disposición ou acordo se dan lugar a situacións de discriminación directa ou indirecta na remuneración por razón de sexo. Así mesmo, sinala que o Estatuto establece que o empregador está obrigado a pagar a mesma remuneración por un traballo de igual valor.
 
A Carta Social Europea é un tratado do Consello de Europa que garante dereitos sociais e económicos como vivenda, saúde, educación, emprego, protección social e xurídica, o movemento de persoas e a non discriminación.
 
Este texto foi aprobado en 1961 e revisado en 1996. A Carta Social Europea revisada, que actualizou o tratado orixinal e incluíu novos dereitos como o dereito á vivenda, entrou en vigor en 1999 e está a substituír gradualmente o tratado de 1961. España só ratificou o primeiro tratado. Asinou a carta revisada en 23 de outubro de 2010, pero non a ratificou aínda.
 
Axencias

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript