Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 257 - 26/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  ASEMBLEA ABERTA DE COIA
 

Estamos a construír soños colectivos!

En Ferrol, non nos son alleas as políticas de malgasto desde os gobernos municipais, para proba o que nos malgoberna na nosa cidade, o do Partido Popular de José Manuel Rey Varela.

 

  • Noticias relacionadas

O malgasto de máis sona foi a Praza de España que aínda seguen gastando moito diñeiro ano pos ano. Agora saltan-nos cun ascensor panorámico para subir desde as inmediacións da Alameda do Carbón até os xardíns de San Francisco, nos baixos da costa de Mella. Ou os cambios innecesarios de mobiliario urbano, ... Todo nunha cidade co 32% de desemprego e cun montón de necesidades a nivel social, ... cidade que conta cun parque de case 1000 vivendas municipais abandonadas a súa sorte en Recimil, ou mesmo o que pasa co Mercado Municipal de Caranza moi deteriorado e en case total abandono, ...  polo que a nosa solidariedade coa veciñanza de Coia é moi consciente e sentida. Desde Ártabra 21 amosamos o noso total apoio. As veciñas e veciños de Coia levan moito tempo na loita veciñal por mil motivos de malgasto e malgoberno, o da loita contra a decisión municipal de impoñer un gasto innecesario na rotonda ven a amosar un barrio disposto a loitar. A resposta represiva do Alcalde Abel Caballero, con porradas e multas non quedou sen resposta, este venres 16 de xaneiro a veciñanza saíu masivamente á rúa pedindo "xustiza socia, nin cartos na rotonda , nen estado policial".
 
Comunicado lido na manifestación que rematou na rotonda de Coia
 
Estamos a construír soños colectivos! Nunha asemblea, convocada de urxencia o 3 de decembro, decidimos parar as obras da rotonda; e conseguímolo. Foi a primeira vitoria, pero non a máis importante. Sen decatármonos, no rexeitamento da veciñanza á instalación do Bernardo Alfageme na rotonda, estabamos a expresar cos nosos corpos en desobediencia que SI, SI SE PODE!
 
Non sabemos se ao final chantarán o barco na rotonda, pero si temos claro que no seu intento están dispostos a empregar todos os medios que teñen á man: represión, criminalización, multas, mentiras... Nestas semanas golpeáronnos con forza, pero non acalaron, nin acalarán, a nosa resistencia; porque nós temos razóns, forza colectiva, constancia, poesía, mandarinas ecolóxicas... para continuar cunha loita que hai tempo superou a cuestión do barco.
 
Esta loita destapou o seu “malgoberno” e tamén o desastre dunhas políticas sociais que deixan a moitas persoas sen luz, sen vivenda, sen alimentos básicos, sen o local de Sereos...; en definitiva, sen dereitos sociais.
 
O alcalde e os seus concelleiros falan de agresións, vandalismo e minoría marxinal para non ter que falar e afrontar o colapso do departamento de Benestar Social, dos meses de espera nas UTS, das protestas das propias traballadoras sociais, da falla de orzamentos, das denegacións inxustificadas das axudas de emerxencia, da miseria e precariedade da cidadanía...; en resumo, da arbitrariedade, inxustiza e ineficacia da política social deste Concello.
 
As relacións humanas, as reflexións, as experiencias, os coidados... son algúns dos fíos que estamos a empregar para tecer redes fortes que desde abaixo, desde a xente, vaian construíndo o barrio, a cidade, a terra que precisamos. Espazos onde a VIDA e as necesidades das persoas sexan o centro das políticas.
 
Os únicos barcos que queremos na rotonda son de papel. Barcos cheos de poesía, de beleza en que coller o impulso que precisamos para poñer os nosos corpos e as nosas mentes ao servizo doutra cidade máis humana.
 
Que o noso berro se escoite ben forte:
 
XUSTIZA SOCIAL!!
 
NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!!
 
Vigo, xaneiro de 2015
 
ASEMBLEA ABERTA DE COIA
nonarotonda@gmail.com  |  @AsembleaDeCoia  |  facebook.com/asembleaabertacoia
 
Recollido de Ártabra 21

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript