Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 256 - 19/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  • OPINIÓN . Isaac Rosa
 

Dáme un pouco da túa liberdade e dareiche máis seguridade

Estás no salón da túa casa, vendo na tele o asalto en directo ao supermercado parisiense, e nisto chaman á porta. Abres, e encóntraste o ministro de Interior. Por suposto, déixalo entrar, invítaslle a sentarse no salón, ofréceslle un café.

 

  • Noticias relacionadas

O ministro, con sorriso comercial, diche que tes unha casa moi bonita, que os teus fillos están moi altos, que vaia inverno atípico que temos, e, unha vez roto o xeo, sóltache a oferta: Propóñolle un trato ao que non poderá dicir que non: un pouco da súa liberdade a cambio de máis seguridade para vostede e os seus. Así de doado: vostede dáme un pouquiño de liberdade, eu doulle un pouquiño máis de seguridade. Que me di? ".
 
Ou dito con palabras do propio ministro nunha entrevista o domingo: "Ata agora tiñamos un determinado equilibro entre liberdade e seguridade. Agora hai un incremento da ameaza polo terrorismo yihadista e hai que conseguir un novo equilibrio. Ese é o debate". Aí segue o ministro, sentado no teu sofá, e preguntándoche: " Que me di? ".
 
Ti dislle que si, claro. Faltaría máis. Se a cambio de que non te maten ou non entre un tolo con kalashnikov no colexio dos teus fillos, tes que espirte no aeroporto ou deixar que te piquen o teléfono ou o correo, non parece mala oferta. Total, ti non es un terrorista, non tes nada que ocultar. Así llo oíches a un tertuliano na tele, onte mesmo: "A min non me importa que saiban onde viaxo ou que páxinas visito, porque non teño que ocultar nada. " Pois iso.
 
Xusto cando estás a punto de estreitar a man do ministro, chega á casa a túa muller, que ten a virtude de aparecer sempre no momento en que están a punto de venderche outra enciclopedia ou un apartamento en multipropiedade. " Que está a pasar aquí? ", pregunta desconfiada, pois coñecéndote témese o peor. " Que che está vendendo este? ", di sinalando o ministro, que asubía mirando para outra parte.
 
Entón a túa muller recórdache que esa moto xa cha venderon outras veces, e acabou sendo un engano. Cediches liberdade, pero a cambio non está moi claro que obtiveses máis seguridade. " Non asinamos ese mesmo contrato hai catorce anos, cando o 11 S? Non o renovamos hai dez, cando o 11 M? Non levamos aceptando tres lustros recortes en liberdades e, polo mesmo prezo, guerras, invasións, torturas, cárceres secretos? Acaso o mundo é hoxe un lugar máis seguro? ".
 
A túa muller vénse arriba, e encárase co sufocado ministro: "Por esa regra de tres, os países con menos liberdades serían os máis seguros. É así? Pois resulta que onde máis atentados hai é en países militarizados, en estado de excepción permanente, sen liberdades,".
 
O ministro despídese á présa e marcha, non sen antes deixarte un catálogo dos seus produtos, por se o pensas mellor. Durante a cea, vedes a tele e falades de calquera cousa. É ao entrar no cuarto dos nenos para arroupalos, cando te acordas da visita do ministro, da súa oferta, da razón que ten a túa muller. Seguridade, liberdade, vaia engano, ris. Pero tamén te acordas do medo destes días, e do que nos queda, e desta fodida sensación de que pode pasar calquera cousa en calquera momento, que somos vulnerables, e algo haberá que facer. Esta noite custarache durmir.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript