Xaneiro de 2015
 
 

NÚMERO 256 - 19/01/2015

   CUTUDC / Novidades

  OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS - COIA
 

O labirinto do emprego e a precariedade laboral como ferramenta de exclusión e miseria

Cara a finais do verán a Xunta de Galicia aprobou unha partida orzamentaria (5 millóns de euros) para a contratación de persoas que cobraban a RISGA por parte dos concellos (un total de 126 administracións locais). Un contrato de sete a nove meses, inferior á xornada completa e para o desempeño de perfís de baixa cualificación... é unha oportunidade de emprego? NON! Condicións miserentas que implican a extinción da prestación por ter un contrato superior ao permitido pola lexislación vixente: seis meses.

 

  • Noticias relacionadas

E todo isto nun escenario caracterizado pola falta de transparencia e a total desinformación, pois moitas das persoas que asinaron o contrato non sabían da incompatibilidade coa RISGA. A día de hoxe, logo de varios meses traballando, aínda non saben das súas consecuencias.
 
As posibilidades de emprego que ofreceron desde as administracións públicas foron en sectores de ocupación como, por exemplo, os servizos de limpeza. Isto limita a experiencia profesional a empregos que teñen convenios laborais con condicións moi precarias. Ademais, diferencian e perpetúan unha división entre mulleres e homes no traballo; así, en varios dos concellos son limpadoras de edificios elas e varredores eles.
 
Ao finalizar o contrato, a saída económica pasa por volver a solicitar a RISGA, no mellor dos casos, con oito meses de demora na tramitación; ou o acceso a un subsidio do cal, desde o propio servizo público de emprego, non se confirman as contías irrisorias a cobrar, contías que, por outra parte, constitúen o único diñeiro co que as familias contarán para cubrir as necesidades básicas.
 
Estes contratos son un exemplo máis do perverso labirinto do empobrecemento e da exclusión social, onde se pasa de cobrar unha prestación de esmola a cumprir cun contrato temporal con condicións indignas. Utilízase o emprego como mecanismo de control do sistema capitalista en que estamos a vivir.
 
O obxectivo está claro: reducir o número de persoas que cobran a RISGA no noso país e ocultar unha realidade de desigualdade e necesidade extrema, onde moitas familias non poden pagar o alugueiro, alimentos, facturas de electricidade ou medicamentos.
 
E para o próximo ano, máis, pois o goberno do PP enche a boca dicindo que duplicarán este orzamento no 2015 con 10 millóns de euros para acadar 1.200 contratacións máis con condicións ruíns.
 
Estamos fartas de condicións de miseria e esmola, esiximos rendas económicas que garantan a cobertura das necesidades básicas para todas!
 
Esiximos deixar de falar de necesidades, de emerxencias, de axudas de miseria, de precariedade... para falar de dereitos, de xustiza, de autonomía, de proxectos persoais e colectivos.
 
Esiximos o dereito a unha vida digna, plena e en liberdade!

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript