Decembro de 2014
 
 

NÚMERO 253 - 08/12/2014

   CUTUDC / Novidades

  ECONOMISTAS SEN FRONTEIRAS
 

Políticas de emprego con perspectiva de xénero

España é un dos países da UE onde a brecha salarial aumentou nos últimos anos, situándose nun 17,8%. A taxa de desemprego feminina segue por enriba do 25% e por cada cinco empregos novos só un é feminino.

 

  • Noticias relacionadas

Hai uns meses presentouse o informe Sombra 2008-2013 sobre a aplicación en España da Convención para a eliminación de toda forma de discriminación contra as mulleres. Non é a miña intención repasar o informe, abonda dicir que pon en evidencia como a perspectiva de xénero está a abandonar o seu obrigado carácter transversal en todas as políticas do Estado español. Con este panorama gustaríame centrarme na esfera do emprego e os dereitos económicos.
 
As últimas reformas laborais despreocupáronse da perspectiva de xénero. Cun aire de neutralidade non fixeron máis que poñer de manifesto a gran discriminación preexistente no mercado laboral e dende logo non axudaron a reducila. España é un dos países da UE onde a brecha salarial aumentou nos últimos anos, situándose nun 17,8%.
 
A idade e o nivel de estudos inflúen nesta brecha salarial. Tanto unha maior idade coma un maior nivel de estudos increméntana. A diferenza chega a un 30,3% entre homes e mulleres licenciados universitarios e doutorados en España, segundo o propio ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Outros dous factores que agravan esta brecha salarial son a aplicación nos centros de traballo de convenios de ámbito reducido e a maior competitividade empresarial. Os acordos de empresa impóñense sobre os convenios colectivos sectoriais o que fai que os traballadores sexan máis vulnerables ao poder despótico de certos empregadores.
 
Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre deste ano son elocuentes. A taxa de desemprego feminina segue por enriba do 25% e só outro dato para non aburrir, por cada cinco empregos novos só un é feminino.
 
Outra constatación é a inmobilidade en canto á segregación laboral. É un feito tanto a segregación vertical como a horizontal. E coas políticas de emprego que se están a implementar non se avanza na súa desaparición. O coñecido teito de cristal segue sendo unha realidade e a feminización dalgúns sectores, altamente coñecida. A feminización dos coidados, por exemplo, está en España por enriba da media da UE.
 
A desigualdade na conciliación laboral e familiar tamén persiste. Son as traballadoras as que levan aínda o peso das tarefas domésticas polo que a flexibilidade en horarios, a modificación da xornada, a esixencia de realizar horas extras mesmo en contratos a media xornada fan que a situación das mulleres se precarice de forma manifesta. Esta flexibilidade mal entendida fai que as traballadoras non poidan negociar as súas condicións de traballo para poder concilialas coas súas obrigas familiares.
 
A desaparición de comedores escolares, o seu alto custo e a redución de bolsas comedor fan que o traballo dedicado á familia aumente e tamén dificulta a conciliación laboral e familiar. O desmantelamento da lei de Dependencia por outra parte fixo que moitas mulleres teñan que asumir ademais as tarefas de coidado dos dependentes da familia. Este feito supón en moitos dos casos a renuncia obrigatoria ao acceso ao mercado de traballo, cuestión esta que ningún Estado europeo pode permitirse nestes momentos.
 
As medidas que se tomaron en materia de emprego non melloran a situación das mulleres senón que a agravan. A conxelación do salario mínimo interprofesional ou o aprazamento na mellora das pensións de viuvez se xa son moi cuestionables como políticas acertadas para a sociedade española en xeral, o resultado da súa aplicación sobre as mulleres fai que sexan desvastadoras. A esta situación de precariedade manifesta engádense os baixos salarios e as lagoas nas cotizacións. Pero a precarización do traballo non só significa empobrecemento na actualidade. Esta precarización vai repercutir nas prestacións por desemprego e nas futuras pensións.
 
As recomendacións da UE de flexibilización do mercado de traballo e acentuación das políticas activas son aplicadas no Estado español sen ter en conta a situación e as necesidades dos e as cidadás. Basear unicamente as políticas de emprego en flexibilización das condicións de traballo sen ter en conta a necesidade de seguridade das e os traballadores contravén o principio de flexiguridad que supostamente defende a Unión Europea.
 
A situación de crise actual propiciou que se fagan recortes en materias que supostamente son pouco importantes. Reduciuse o gasto en educación, sanidade, dependencia pero non en defensa por exemplo. Non paga a pena entrar a comentar semellante insensatez. As políticas de igualdade tamén foron consideradas como algo pouco importante para a cidadanía e o presuposto dedicado a elas sufriu unha baixada substancial. Para que a igualdade sexa real hai que facer un esforzo tanto en presuposto coma en actuacións concretas por parte das Administracións Públicas. Recordemos que son os poderes públicos os que deben incorporar a perspectiva de xénero en todas as súas políticas tanto na planificación coma na execución e a avaliación. Buscar solución ao desemprego sen ter en canta as necesidades das cidadás é desaproveitar o potencial da metade da cidadanía. Esta fonte de talento non se pode desaproveitar se pretendemos avanzar cara a unha sociedade xusta e solidaria. Nestes momentos de crise non nos podemos permitir ignorar as propostas innovadoras que as mulleres poden ofrecer. Se de verdade queremos unha economía xusta e social as mulleres debemos formar parte do mercado laboral en igualdade de condicións.
 
Podemos empezar con cousas moi sinxelas que noutros Estados europeos están xa reguladas, como a prohibición de mencionar nunha oferta de traballo o sexo do candidato que se busca ou preguntar a situación familiar ou o desexo de ter descendencia. Cousas tan simples e tan censurables son o pan de cada día para as paradas que teñen aínda forzas para intentar entrar no mercado laboral. Podemos seguir con cousas algo máis complicadas como mellorar as condicións dos postos de traballo para que o desgaste físico sexa menor. Neste caso todos os asalariados saen beneficiados pero dáse a posibilidade a que máis mulleres accedan a estes postos.
 
Podemos, para rematar, reclamar ao empresariado un compromiso de igualdade efectiva entre homes e mulleres nas súas empresas. Que contribúan significativamente a desenvolver a paridade nos distintos postos da súa empresa adoptando medidas concretas de sensibilización, emprego ou formación, por exemplo. E en caso de non cumprir cos termos do compromiso eliminar as axudas que o Estado poida outorgarlles. Aínda que parece ciencia ficción, noutros Estados europeos estase a intentar. Porque non debemos esquecer que as empresas teñen unha responsabilidade económica para os accionistas pero tamén para os seus traballadores e coa sociedade na que se establecen.
 
Estaría ben que os partidos políticos que están agora a preparar os seus programas electorais para as próximas eleccións teñan en conta a perspectiva de xénero. E non só nas políticas de emprego, senón en todas as políticas.
 
Rosario Goñi

 

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript