Decembro de 2014
 
 

NÚMERO 253 - 08/12/2014

   CUTUDC / Novidades

  MARCHAS DA DIGNIDADE
 

A clase traballadora galega esixe no Obradoiro Pan, Traballo e Teito

Máis de sete mil persoas ateigaron a praza compostelá para amosar o seu rexeitamento ás políticas antipopulares e regresivas ditadas polos gobernos monicreques do Gran Capital en Bruxelas, Madrid e Raxoi.

 

  • Noticias relacionadas

A CUT valora moi positivamente a manifestación das Marchas da Dignidade do pasado 29 de novembro no Obradoiro que baixo o lema: Pan, traballo e teito convocou en Compostela máis de sete mil persoas procedentes dunha multitude de organizacións sindicais, políticas, sociais e cívicas que reclamaron, de xeito unitario, o seu dereito a unha vida digna.
 
Colectivos en defensa dunha sanidade e unha educación pública gratuítos e de calidade, organizacións feministas e ecoloxistas, sindicatos clasistas e asemblearios, traballadores e traballadoras dos sectores de correos, da industria, do tren, bombeiros, estudantes,… A gran concentración do pasado 29 de novembro no Obradoiro amosa que as Marchas da Dignidade vai ampliando cada vez máis a súa base social en Galicia, que cada vez son máis as persoas e os colectivos que as adhiren e ven nelas unha ferramenta para o cambio político, para pórlle freo ás políticas antipopulares ditadas desde os gobernos de Bruxelas, Madrid e Raxoi, que cada vez máis xente en Galicia comprende que o mellor xeito de reclamar o seu dereito a unha vida digna é esixíndoa de xeito unitario mediante a mobilización masiva na rúa.
 
A CUT parabeniza a súa afiliación e simpatizantes polo gran esforzo militante, entusiasmo e compromiso amosado ao longo desta longa campaña de mobilización, e declárase, así mesmo, orgullosa de formar parte, xunto con outras organizacións irmás, deste movemento popular e masivo encamiñado a cambiar un modelo económico e social que condena á meirande parte da poboación á precariedade, a exclusión social e a pobreza. A CUT lembra,neste sentido, que a gran manifestación do pasado 29 de novembro en Compostela non é un fin en si mesmo, senón un paso adiante máis na conquista do noso dereito a unha vida digna.
 
Pan, traballo e teito!
 
Venceremos nós!

 
Nesta ligazón podes acceder a unha galería de imaxes da manifestación publicada por Galiza Contrainfo.
 

 


 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript