Decembro de 2014
 
 

NÚMERO 252 - 01/12/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGUÍSTICA
 

Marcos Maceira pídelle á Xunta que acepte o ofrecemento das universidades para avaliar a implantación do decreto de plurilingüismo

O presidente da Mesa fixo este chamamento na súa intervención nas XI Xornadas sobre lingua e usos. Lingua e universidade, organizadas polo SNL da Universidade da Coruña.

 

  • Noticias relacionadas

A Coruña, 28 de novembro de 2014.- O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participou esta mañá nas XI Xornadas sobre lingua e usos. Lingua e universidade, organizadas polo SNL da Universidade da Coruña, onde reclamou que a Xunta acepte o ofrecemento feito polas universidades para avaliar a implantación do “mal chamado” decreto de plurilingüismo.
 
O presidente da Mesa introduciu a palestra arredor do “Compromiso social das universidades na normalización lingüística”, na que participaban tamén Filipe António Fernández Diez, pefesor e exalumno da UDC, e Nel Vidal Barral, presidente da CTNL e técnico de normalización no Concello de Carballo.
 
Maceira destacou na súa intervención o importante papel que a Universiade ten que desenvolver para lle devolver á lingua de Galiza o prestixio social que lle foi arrebatado tras séculos de imposición do español e exclusión do galego de todos os ámbitos de prestixio, tamén dos relacionados co saber e o coñecemento científico, sobre todo nun contexto como o actual no que prexuízos que criamos superados “reverdeceron con forza en determinados ámbitos da sociedade galega nos últimos anos grazas á irresponsabilidade do PP, que non dubidou en os axitar para xustificar as súas regresivas políticas contra o galego, por exemplo prohibindo que se utilice a nosa lingua no ensino das matemáticas ou das áreas científico técnicas en toda a educación obrigatoria”.
 
Maceira sinalou que este compromiso social obriga as universidades a actuar, paralelamente, nunha dimensión interna e noutra externa. Na interna, a da normalización do uso do galego no seo da propia universidade, para “rectificar os séculos nos que se mantivo de costas ao país e polo tanto á súa lingua”. Esta rectificación precisa non só do simple recoñecemento do galego como lingua oficial –tal e como se recolle nos estatutos das tres universidades galegas-, tamén da “asunción práctica e consciente do que iso significa”, lembrando que a oficialidade do galego na universidade será só unha declaración de intencións “mentres a nosa lingua siga expulsada da maior parte das aulas, dos proxectos de investigación, das teses e tamén, sen ánimo de ser exhaustivo, da sinaléctica ou da publicidade dalgúns cursos e actividades da universidade”. Moitos destes aspectos aparecen sinalados nos plans de normalización das universidades que están en aplicación nestes momentos. Porén, Maceira lembrou que os avances neste sentido non están só en mans da universidade, e afirmou que esta ten que demandar das administracións regulacións que favorezan o uso normalizado do galego no interior da propia universidade e que favorezan tamén a corrección das eivas citadas anteriormente.
 
Mais o presidente da Mesa defendeu que a carón dese traballo interno a universidade debe actuar tamén nunha outra dimensión externa, como é a súa obriga se apelamos ademais ao seu necesario compromiso e función social. Neste sentido, Maceira aproveitou a ocasión para parabenizar en nome da Mesa pola Normalización Lingüística os Servizos de normalización das tres universidades polo seu ofrecemento para avaliar os efectos da implantación do decretazo contra o galego no ensino feito en xullo deste ano, ao tempo que censurou a resposta da Xunta, “que consistiu en atacar os Servizos de Normalización pola situación do galego na propia universidade, cun pouco educado “ocupádevos dos vosos asuntos” como se a Universidade non estivese para estudar o que acontece na sociedade”. Segundo o presidente da entidade en defensa da lingua, o goberno, a través das Consellaría de Educación e da SXPL apañou, máis unha vez, a bandeira da irresponsabilidade, obviando ademais que se ben é certo que as universidades teñen moito traballo por facer para mellorar a situación da lingua no seu seo, é a Xunta quen ten a capacidade lexislativa e executiva sobre as políticas de normalización e que porén, nos últimos cinco anos se distinguíu non por facilitar a normalización do galego na universidade, mudando por exemplo o marco normativo adverso co que baten as iniciativas máis ambiciosas, senón por encabezar importantes retrocesos, ou por “tolerar que o Goberno español rexeite solicitudes de bolsas predoutorais polo feito de os títulos académicos estaren en galego”.
 
Maceira defendeu que a Xunta debe rectificar e aceptar o ofrecemento das universidades para facer unha avaliación seria de como está a funcionar o decreto no ensino: “En calquera outro país do mundo non habería tal ofrecemento, senón unha solicitude directa do propio goberno para o facer, máxime cando o propio decretazo 79/2010 na súa disposición adicional quinta estabelece a necesidade de avaliar anualmente os resultados derivados da aplicación deste decreto.”
 
Este ofrecemento dos Servizos de normalización produciuse tras o estudo que elaborou A Mesa sobre o uso do galego nas aulas de infantil das cidades galegas, estudo que mostraba como o galego está practicamente desaparecido neste ámbito. Na propia presentación pública deste informe A Mesa fixo un chamamento a que a Xunta dese a coñecer estes datos no conxunto do país, que se elaborasen estudos máis exhaustivos e completos para avaliar detidamente os efectos do decreto no conxunto do distema educativo e se se cumpría o obxectivo de que o estudantado abandonase o ensino obrigatorio cun nivel suficiente de competencia oral e escrita en galego. A Mesa considerou lamentábel que a estas alturas a Xunta se negue a aceptar a colaboración das universidades nunha cuestión central de tanta relevancia para o futuro do idioma de Galiza, e destacou que a día de hoxe só se coñezan os datos que puido recoller a Mesa (coas limitacións derivadas dos escasos medios cos que conta) e a resposta meramente propagandística axitada pola Consellaría e a SXPL no Parlamento e medios de comunicación. “Non hai dúbida de que se a Xunta non acepta a colaboración das universidades neste asunto é porque non lle interesa que existan estudos rigorosos e obxectivos que evidencien as nefastas consecuencias que para o galego está a ter a súa política lingüística” sentenciou Maceira.

 

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript