Decembro de 2014
 
 

NÚMERO 252 - 01/12/2014

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

Os inspectores de traballo progresistas alertan de que o Goberno se centra en vixiar parados con prestación parcial

Un informe da Unión Progresista de Inspectores de Traballo di que o "sesgo ideolóxico" do Executivo fai que se ignore a fraude crecente nas contratacións a tempo parcial

 

  • Noticias relacionadas

Crece o malestar entre o corpo de elite do ministerio de Emprego, os inspectores de traballo, polo que interpretan como unha dirección política das súas tarefas cara á vixilancia de parados, mentres se descoidan outras formas máis importantes e crecentes de fraude, como a contratación a tempo parcial que oculta longuísimas xornadas. Dio a Unión Progresista de Inspectores de Traballo nun informe que se apoia nos datos oficiais para avalar as súas afirmacións.
 
Así, coas cifras do Informe anual da Inspección correspondente a 2013, a UPIT sinala que os máis de 500.000 controis de emprego que se fixeron o ano pasado só deron con 11.689 casos de persoas que compatibilicen prestación e traballo (unha taxa de éxito do 2%). Unhas cifras que contrastan coas actuacións realizadas en materia de tempo de traballo: aínda que se fixeron moitas menos investigacións (só 14.097), acháronse casos de fraude no 40% delas.
 
Á luz destes datos, a UPIT subliña que, malia a énfase que se pon en controlar aos desempregados, a fraude neste ámbito é mínima: os casos detectados -destacan- supoñen só un 0,4% da media anual de beneficiarios de prestacións. Tampouco o recadado xustifica a cantidade de esforzos que lle dedica a Inspección: "as prestacións recuperadas en todos os ámbitos só supoñen como máximo o 2,79% [do total do recuperado pola Inspección], quedando constatado unha vez máis que a fraude principal [...] non está nos perceptores de prestacións".
 
Máis grave aínda, di a UPIT: esta énfase na vixilancia aos parados estase a realizar "baixo a óptica da criminalización dos desempregados", producindo unha "estigmatización dos perceptores de prestacións". Por iso, conclúen: "Non" podemos seguir contemplando "como se utiliza [a Inspección de Traballo] para a estigmatización e criminalización de colectivos tan afectados pola crise como os desempregados ou estranxeiros, sen que os datos avalen tal tese,".
 
Para a UPIT, as cifras mostran que hai un "nesgo ideolóxico" polo que o Goberno marca o obxectivo de controlar os parados mentres que "desdeña o resto" de formas de fraude, "obviando que a principal fraude ao sistema hoxe en día se centra sobre todo na infracotización derivada dos excesos de xornada e na utilización fraudulenta do contrato a tempo parcial".
 
O informe destaca que este tipo de fraude está a aumentar, entre outras cousas, pola reforma laboral de 2012 e a normativa de emprego posterior, que potenciou a contratación a tempo parcial. "A pesar de que o tempo de traballo é un dos problemas que se fixo máis relevante tras a reforma laboral, incrementándose os contratos a tempo parcial que enmascaran xornadas completas (mesmo en ocasións 10 ou 11 horas de traballo diario), só o 1,13% das actuacións se destinan a perseguir esta nova fraude".
 
Por todo iso, o texto da UPIT pide un cambio nos obxectivos que se asignan á Inspección: "A actuación da Inspección de Traballo, nesta situación de precarización das condicións de traballo e vulneración da regulación laboral, debería terse centrado en combater a explotación laboral en todas as súas formas, e efectuar actuacións específicas en materia de contratación a tempo parcial, excesos de xornada, excesos de horas extraordinarias e verificación do cobramento dos salarios debidos,".
 
MÁIS INFORMACIÓN
 
Consulta o informe (páxina da UPIT)
 
Recollido da Cadena Ser.

 

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript