Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 251 - 24/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  25 ANOS DE RENDAS MÍNIMAS NO ESTADO ESPAÑOL
 

Das rendas mínimas á Renda Básica das Iguais e moito máis

Achegamos un artigo que leva por título: "25 anos de Rendas Mínimas no Estado español: Das rendas mínimas á Renda Básica das Iguais e moito máis" escrito por Enrique García Escamilla, María Arrabali Márquez, Manuel S. Bayona e David Muñoz Rodríguez. Todas elas compañeiras de Baladre.

 

  • Noticias relacionadas

Aquí deixamos o texto:
"25 anos de Rendas Mínimas no Estado español: Das rendas mínimas á Renda Básica das Iguais e moito máis"
 
Unhas notas previas
A revista “Laberinto” proponnos escribir un texto sobre as Rendas Mínimas de Inserción (RMI). Despois de falalo, as persoas que asinamos o artigo chegamos á conclusión de facelo desde o percorrido histórico que explica a lóxica das loitas e buscas da xente de Baladre. Por iso, o artigo realiza un percorrido desde as RMIs até as loitas polo dereito á Renda Básica das Iguais (RBis) e moitísimo máis! Para nosoutras, estas letras son parte das nosas vidas, unhas vidas que compartimos na Coordinación Baladre: un espazo de apoio mutuo para persoas e grupos, a través do cal son xa 31 anos loitando contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social.
 
1. A orixe das RMI: fin do emprego para todas no contexto da U€.
A Acta Única concretaba a vontade dos países asinantes (entre eles o Estado español) de abrir as fronteiras para mercadorías e capitais o 1 de xaneiro de 1993. Igualmente, convíñase chegar, antes desa data, a un acordo sobre as políticas económicas dos que daquela aínda se denominaban Comunidade Europea. Desde ese mesmo momento concretábanse os primeiros pasos do que logo será chamado Tratado de Maastricht de 1992, cos seus claros obxectivos de parir un Banco Central Europeo e pór en marcha unha moeda única común.
 
Neste contexto, os distintos gobernos europeos daquela U€ (de doce) comezan a debater xa sobre o qué facer coas persoas máis empobrecidas. Asúmese con clareza que xa nunca volveriamos coñecer sociedades de pleno emprego e que desde agora en diante debiamos aprender a convivir co desemprego. Enténdese que xa chegara o momento de encontrar fórmulas para “atender” a quen vai quedar fóra do mercado laboral de maneira prolongada e/ou permanente. Dese modo evidénciase o que xa era un problema estrutural da orde social capitalista e que implicaba que as sociedades da U€ debían acostumarse a convivir coa falta de emprego (Fernández Durán, 1996). Este é o punto de partida das chamadas Rendas Mínimas de Inserción (RMI), que debían nacer como dereito subxectivo para atender as persoas máis empobrecidas (a chamada pobreza extrema).
 
Entre 1986 e 1989 os debates centráronse sobre que modelo de RMI se debería aconsellar para pór en marcha nos Estados membros da futura U€. Foi durante 1989 cando se chegou ao acordo entre os diferentes gobernos que a proposta ideal debía ser a Renda Mínima de Inserción (RMI) francesa que nacera o ano anterior. Deste xeito, péchase o debate e establécese esa proposta como referente (Sáez, 2004).
 
Evidentemente este consello desde a U€ formulouse como un desexo, como unha recomendación, algo así como dicir aos estados membros: “gustaríanos que vostedes puxesen en marcha nos seus países unha medida similar ou parecida á RMI francesa”. O Estado español –daquela xestionado en parte polo PSOE (goberno central)‒ lanzou a responsabilidade de pór en marcha unha RMI insulsa ás recentemente nacidas Autonomías e eludíase calquera compromiso desde o goberno central. Dese maneira, iníciase un proceso de creación de RMI desiguais no Estado español. Na súa maioría son Axudas de Emerxencia Social disfrazadas, onde o cambio fundamental reside simplemente no enunciado, é dicir, no nome da prestación e en que a novidade vai consistir na incorporación ou contrapartida. Só a Comunidade Autónoma Vasca poría en marcha en 1989 unha RMI semellante á francesa e sumábase ás Axudas de Emerxencia Social xa existentes nesa comunidade con anterioridade. Iso modificaba a realidade das medidas habidas para atender as persoas en situación de pobreza extrema nese territorio (Sáez, 2004).
 
Desde entón até hoxe, as mudanzas nos enunciados de leis ou decretos de gobernos autonómicos non conduciron a un cambio no resto das autonomías que permitise falar da existencia real dun dereito subxectivo en forma de RMI (nin sequera cando a tendencia é denominar agora estas prestacións “Rendas Básicas”, como o caso da recente creación en Estremadura da “Renta Básica Extremeña de Inserción” que segue estando moi lonxe da RMI francesa).
 
Igualmente, no marco da actual U€, esa recomendación/desexo lanzado en 1989 para todos os Estados, levou á non implantación deste dereito subxectivo (RMI) na maioría dos 27 actuais países membros da U€. En consecuencia, increméntanse as desigualdades nos marcos lexislativos dos distintos países (Iglesias Fernández, 2006). Desde os seus órganos de xestión cotiáns, a U€ segue a falar en 2014 do desexo de implantar as RMI en cadanseu Estado membro pero sen dar un só paso nin tomar medidas para facelas realidade.
 
2. Pero que son as RMI?
En cada comunidade autónoma esíxense requisitos diferentes e tamén difire a contía das prestacións e a duración destas (o período de tempo durante o cal poden ser percibidas pode oscilar entre 12 e 24 meses). Non obstante, pódese dicir que todas as RMI teñen uns principios básicos. As características fundamentais das RMI son as seguintes:
 
- Son subsidios diferenciais ou complementarios.
- Os receptores son as unidades familiares ou unidades económicas de convivencia.
- Requírese a demostración de necesidade e a comprobación de necesidade e medios.
- Requírese un período de empadroamento.
- Incorporan de forma expresa os chamados dispositivos de inserción coñecidos como itinerarios de contraprestación, establecidos entre o beneficiario e a Administración Pública, co obxectivo declarado de “promover accións de desenvolvemento e busca da autonomía social, de formación e perfeccionamento da cualificación profesional, actividades de interese xeral ou ben de inserción no medio profesional.
- Estas características facilitan a existencia de “trampas” nas RMI. Estas perversións das RMI (que explicamos nas seguintes liñas) fan deste tipo de subsidios unha ferramenta disciplinaria en mans dos xestores políticos de cada comunidade autónoma:
- As RMI non son un dereito senón un subsidio que se outorga á familia ou que se concede de forma asistencial. Non todos os cidadáns poden beneficiarse delas, unicamente poden as familias pobres que se encontren dentro da definición oficial. Non se erradica senón que permanece o estigma da pobreza.
- As RMI non son incondicionais, xa que a súa concesión está suxeita ao compromiso de inserción no mercado de traballo e ao nivel de ingresos da persoa ou da familia beneficiaria. Non se erradica senón que permanece o estigma do parado e xeneralízase o estigma do subsidiario, isto á súa vez estimula as trampas da pobreza e do paro.
- Introducen un custo social, en termos de control, e un custo económico moi elevado, en termos de administración burocrática, xa que han de cumprir os requisitos deseñados de demostración de orixe e nivel de ingresos, así como tamén someterse á obriga xenérica de busca de emprego, á realización de traballos de “utilidade social” ou á participación de actividades "formativas", ou daquelas outras moitas condicións que o contrato de contraprestación determine.
 
En resumo podemos dicir que as RMI atropelan os principios de universalidade e incondicionalidade e, parcialmente, de individualidade.
 
3. 25 anos de Rendas Mínimas, a mesma desigualdade
Desde 1989 até hoxe pasaron 25 anos de RMI (simuladas maioritariamente, pois como tal nunca chegaron a selo, xa que carecen das características fundamentais) cunha abusiva énfase na contraprestación e un excesivo clientelismo. Mais sobre todo son anos dun aumento constante da DESIGUALDADE e a exclusión social. Até o ano 2007, os incrementos de persoas empobrecidas, foron pequenos, pero constantes. Durante este período os chamados servizos sociais van privatizándose ao mesmo tempo que se precariza ás súas traballadoras. Distintas multinacionais ven no empobrecemento un nicho de mercado e esixen quedarse con el. Todo foi moi diferente desde 2008 en adiante, o mercado sae espido, elimina vestidos de lexitimación, pecha a billa dalgunhas faragullas e deixa de falar de partenariados e simulacións de dereitos, para entrar de cheo a esixilo TODO: a mesma vida das persoas sobrantes, excedentes do mercado laboral precarizado.
 
Aséntanse unhas relacións clientelares que rompen os colectivos de persoas empobrecidas e excluídas. Coas RMI e outros dispositivos poténciase a loita entre si das persoas de abaixo para facerse ocos temporais no mercado laboral hiperprecarizado. Consolídase o papel de moitas persoas chamadas traballadoras sociais (con empregabilidades diferentes) como mediadoras, orientadoras e represoras. Fano desde os chamados servizos sociais que maioritariamente se someten ao papel que o mercado ten destinado para as novas traballadoras sociais e son, en demasiados casos, as novas policías do capitalismo, frean os desbordamentos posíbeis das persoas de abaixo, a disciplina, divídeas e obrígaas a competir entre si coa gran arma da CONTRAPRESTACIÓN ou contrapartida.
 
Rescatamos neste artigo as palabras dunha desas persoas empobrecidas (Mesaba) que escribía, ao inicio dos anos 90, o que segue no número 20 da revista Ekintza Zuzena. Tristemente reflectía unha realidade que, antes e agora, rompía a alianza entre empregadas do mercado e persoas empobrecidas e excluídas de abaixo. O texto titúlase: “A nosa pobreza dá de vivir a moitos/as”:
 
“Comezar cun bo título que sintetice o contido é importante e asegúrovos que desbotei moitos até chegar a este. Un dos últimos que tiña na cabeza era: “O seu benestar: o noso malestar” [...] Imos refrescar a memoria. Na década dos anos 70, sobre todo na súa última parte, no Estado español desde moitos sectores (case todos) anticapitalistas e naqueles momentos rupturistas co franquismo, falábase de suxeitos revolucionarios ou de cambio. Eran como especies de deuses que ían transformar a nosa triste realidade, había diferenzas sobre o formato de aparición do suxeito, se ía vir en forma de vangarda, de amplo movemento social ou entrelazado a outros suxeitos menos puros en forma de fronte nacional... Naqueles anos existían nas nosas sociedades persoas empobrecidas que non tiñan emprego e estaban á marxe das loitas sociais do momento, eran persoas excluídas da posíbel historia que se iría fraguar, eran lumpen, persoas de pouco fiar, moitas delas co seu nulo interese polo cambio social da loita de clases... Naquela época o chamado “lumpen” era atendido nas igrexas a través das Cáritas parroquiais que se ocupaban de desenvolver unha política asistencialista nefasta, pero, non o esquezas, a única que existía neses momentos. Daquela pouca xente ou case ninguén vivía daquel chamado lumpen. Eran uns servizos mínimos baseados en persoas que liberaban conciencias ou en moitos casos asumían compromisos de solidariedade coas persoas máis débiles. Os distintos grupos e tendencias políticas anticapitalistas tiñan as súas propias redes de solidariedade para os seus e nas fábricas e choios dábanse fondos de solidariedade para apoiar loitas e para ser solidarios coas irmás de clase de tal ou cal fábrica en pelexa.
 
O FIN DO «SOÑO»
Tras a nefasta Constitución, os pactos do AME, ANI e, sobre todo, a chegada do PSOE a tarefas de xestión política as cousas foron cambiando paulatinamente, apareceu como alcanzábel o «soño» europeo, a modernidade, o desenvolvemento, o crecemento económico... Todo había que supeditalo ante esas novas palabriñas máxicas. Así, na primeira metade dos anos 80, as paradas loitadoras de Asembleas de parad@s apareceron reivindicando, nada máis e nada menos, que o emprego de oito horas que viría a dignificar as súas vidas e sobre todo que faría posíbel o anhelado salario suficiente para sobrevivir. Mais nas rúas aumentaban as persoas empobrecidas que se buscaban a vida de maneira individual, xeralmente pasando de entrar en ningunha experiencia colectiva. Son os aniños en que se reivindicaban os 800.000 postos de traballo asalariado (emprego) prometidos polo PSOE e que, logo, foron de picoletos. Falábase de que canto peor, mellor para todas e o emprego para todas víase como algo alcanzábel. Mentres, as persoas empobrecidas comezaban a ser atendidas nos novos e flamantes servizos sociais dos concellos. As traballadoras sociais comezaban a intervir ante a pobreza existente como empregadas de concellos que querían, coma fose, quitar as persoas pobres da rúa. Nestes anos prodúcese o cambio de mentalidade en moitas parroquias que se negan a seguir atendendo a pobres e esixen ás institucións políticas respostas adecuadas e que asuman a súa responsabilidade política. Parello a isto, moitos daqueles partidos e grupos dos setenta e os seus herdeiros naturais traballan e fan presión a través de diferentes loitas para ampliar os dereitos das persoas empobrecidas. Son anos en que se fala de convivir co paro como falta de emprego. Moitas Asembleas de Parad@s morren na segunda metade dos anos oitenta, produto do incumprimento de obxectivos marcados, do cansazo, mais sobre todo, da finalización de apoios sindicais e políticos de persoas das chamadas organizacións de esquerda; literalmente deixóuselles ao seu libre destino, sen recursos, cuestionándoas permanentemente e sen entender como non se metían en cadanseu sindicato ou grupo [...] Falábase a miúdo da picaresca das persoas pobres perante os servizos sociais que xa medraran de abondo como para levar ese nome. Pero o conto europeo e os seus parabéns xa non encaixaban, pois oito millóns de pobres cuestionaban o suposto desenvolvemento, o crecemento económico e demais cantos de serea. Nos anos noventa naceron as Rendas Mínimas de «inserción», arroupadas en Plans de Loita Contra a Pobreza onde se recollía que estabamos ante unha sociedade fracasada que tiña ante si problemas estruturais como o paro, irresolúbeis, por iso xustificábase a creación de rendas incondicionais como o IMI (Ingreso Mínimo de Inserción) ou prestacións como o AES (Axuda de Emerxencia Social).
 
A caída do muro e a súa conseguinte depre ideolóxica causou a moitas persoas zurdas un enorme despiste e confusión ante a realidade que tiñamos e temos diante do nariz.
 
PROFESIONAIS DA POBREZA
[…] Pero nestes anos sucederon cousas curiosas, cada vez son máis as persoas descendentes daqueles grupos anticapitalistas dos setenta que se dedican e viven (mellor ou peor segundo os casos) da nosa pobreza ou, para evitar ferir sensibilidades, viven como profesionais que interveñen en proxectos contra a pobreza, a exclusión social, a marxinación, sexa en formatos de iniciativas de formación para o emprego ou ocupacional, sexa a través de grupos de intervención de rúa; profesionais case sempre, como son educadores, animadores... Outras instaláronse nos servizos sociais como traballadoras sociais, sociólogas, psicólogas sociais ou pedagogas especializadas en marxinación.
 
As que vivimos estes últimos catorce anos na loita contra o paro, a pobreza e a exclusión social dentro de procesos de autoorganización de persoas afectadas, como persoas empobrecidas, non acabamos de dixerir tanto cambio persoal [...] e tanta reviravolta das persoas que nos acompañaron [...]Vaia por diante que as verdades deixaron de venderse hai tempo e que, ao máis que se adoita aspirar, é a ter unha parcela que estimule a busca, o cuestionamento da realidade actual, que axude a interpretala e, o que é máis importante, que esa parcela de verdade estimule a necesidade dun verdadeiro cambio social con maiúsculas. Aclarado isto podemos seguir esmiuzando, introducindo a nosa perplexidade ante tantas novas profesións do social e o que elas trouxeron consigo. Un pregúntase se a pobreza retrocedeu con tantas intervencións programadas ou se, simplemente, as persoas empobrecidas axudamos coa nosa existencia a que outras persoas encontrasen un emprego remunerado que ten o atractivo de “ir de colegueo” coas persoas pobres, máis desfavorecidas e excluídas. O certo é que somos moitísimas máis as persoas pobres (case toda a xuventude que nos rodea). Creáronse máis servizos ca nunca e son moitísimas as faunas diferentes que exercen como profesionais do social, do cal, alegrámonos e agardamos que siga a crecer, pois sería sinal dalgún tipo de vontade de intervir sobre as consecuencias do empobrecemento masivo.
 
Ante a falta de saídas colectivas, de rupturas de cambios sociais reais, tod@s fomos restaurando para a longa ou eterna espera dun parto que resulta difícil de crer. Pouquiño a pouco o «sentido común» da xente conduciunos a un «sálvese quen puider» ou a un «primeiro eu e logo xa veremos» [...] O fundamental é o goce persoal, cubrirmos a nosa necesidade persoal, para iso as «ciencias sociais» axudaron a dar saltos importantes nas nosas actitudes persoais. Aquelas militantes do cambio fóronse convertendo en novas e eficaces profesionais do social que saben diferenciar, en xeral, as súas oito horas de traballo da necesaria vida privada que o axude a «equilibrarse», a «non descompensarse». Eu, quer pouco, quer moi ignorante, pregúntome como é posíbel vivir equilibradiños e compensados cando a nosa sociedade é unha completa desorde, un caos cargado de dor e sufrimento para millóns de persoas. Desexo que me expliquen, para poder entender, tanta esquizofrenia.
 
De momento o que penso é que se produciu un corte, unha ruptura de intereses entre @s que seguen empobrecid@s e son nov@s pobres e @s que son profesionais traballador@s do social. Acéptase o feito de traballar sobre as consecuencias que ocasiona o noso empobrecemento, como son moitas das chamadas condutas desestruturadas [...] Estas iniciativas e, en xeral todos os profesionais que traballan nelas, non queren ir máis alá do seu servizo que lles permite un salario que merecen como persoas e non como coñecedoras de tal ou cal profesión [...] As persoas pobres pasamos de lumpen a suxeitos posíbeis de cambio para agora ser menos suxeitos sobre os que intervir a fin de que deixemos libres as rúas, non molestemos, aceptemos a nosa pobreza ou sinxelamente nos axeonllemos por unhas farangullas de prestacións sociais ás chamadas contraprestacións sociais.
 
DEBATER E CUESTIONAR
Non desexo cargar as tintas sobre a miña idea da profesionalización terapéutica e asistencialista, que é un desenvolvemento necesario dos servizos sociais para consolidar esta sociedade fracasada, caótica e excluínte. Só desexo debater, crear dúbida, cuestionar [...] Como di un amigo, nestes casos o mellor é «colle o diñeiro e corre»: cobra o teu salario como profesional pero foxe de integrarme, reinsertarme na sociedade que me/nos exclúe e empobrece masivamente. Reivindica e loita polo teu dereito como persoa a ter recursos suficientes e estábeis para vivir con dignidade, sexa en forma de salario ou de especies (vivenda, transporte, cultura, alimentación...) pero non xustifiques o teu dereito a vivir dignamente coa nosa suposta «salvación», «reinserción». Únete a nós, déixate os miolos, dálle voltas até encontrar camiños que nos axuden a superar este horríbel pesadelo que é o capitalismo. Necesitamos alianzas, compañeiras de busca de loita e non persoas que vivan exclusivamente de servizos de atención ás consecuencias que carrexa o noso empobrecemento.
 
Mención á parte merecen as persoas profesionais do poder, do capital, @s reformistas de laboratorio que deseñan plans e iniciativas baixo o lema «cambiar para que nada cambie»; que ademais de adorar o diñeiro, o consumo sen límites e o seu desenvolvemento persoal «autocentrado», insúltannos e calumnian as persoas empobrecidas, deste modo fomentan en nós a visión de fracasadas, derrotadas e culpábeis da nosa situación. A estas persoas que conscientemente viven das nosas miserias e carencias temos que darlles leña até arrincalos das súas poltronas de asesores, directores, acompañantes, acólitos e sobre todo voitres. Esta fauna de profesionais do social profundamente constitucionais e monárquicos, asome como ideario a construción da Gran Europa con muros para as persoas pobres, sexan nativas ou foráneas. Apoian entusiastamente sociedades policiais e represivas para frear a «violencia» das persoas desestruturadas e pícaras que se negan a ser inseridas na súa única sociedade posíbel: o capitalismo [...] Descoñezo se chegaremos ou non a tempo de podermos frear a desorde social e parir unha nova sociedade, o que demando é discutir os valores que se desenvolven con eses traballos profesionais de asistencia. O que máis urxe e necesitamos a moreas é desenvolver camiños baseados en valores como a solidariedade, igualdade, antimilitarismo, a non explotación nin exclusión... Considero que xa chega de cobrar un salario amparándose nos problemas das persoas empobrecidas, é un reto que os propoñemos: que vos diluades con nosoutras nos nosos grupos de persoas afectadas, que creemos redes ou coordinadoras en que funcionemos entre iguais [...]
 
Non vale dicir que é difícil cambiar, deixar de facer, xogarse o posto de traballo... iso non nos serve como escusa, non deberían esquecer os profesionais que interveñen en programas e proxectos contra a exclusión social ou a pobreza que as nosas situacións son fundamentalmente de carencia, de falta de recursos. Aquí temos que xogárnola xuntiñas todas aquelas persoas que dicimos que esta sociedade fracasou, que só crea sufrimento, opresión e mortes. Pola nosa parte, mentres non nos xuntemos, seguiremos denunciando, discutindo, buscando, loitando e desenvolvendo proxectos autónomos e anticapitalistas. É evidente que nos equivocamos, pero se iso sucede é porque o seguimos tentando”.
 
En resumo, durante os anos setenta e oitenta o mundo do traballo social ponse ao servizo da loita contra as consecuencias do empobrecemento e desenvolve marcos teóricos de interpretación que presentan o empobrecemento e a desigualdade como consecuencias non desexadas do capitalismo. Así, dan paso a liñas e actuación sobre as persoas/colectivos en exclusión para inserilas de novo nas sociedades capitalistas. Preséntase con forza o “caso individual” e trátanse os problemas das persoas empobrecidas de xeito illado, mediando con elas e someténdoas á lóxica dunha absurda inserción que nunca puido, nin poderá ser, a través do minimísimo emprego digno existente e en todas as súas variedades de precarización laboral.
 
Ponse ás persoas empobrecidas debaixo dos cabalos do capitalismo; preséntaselles aos chamados servizos sociais dos países centrais a necesidade dos percorridos de inserción, desde o control e o sometemento das persoas empobrecidas e excluídas. Estas persoas son subdivididas en múltiples subgrupos e aténdeselles como clientes dos Servizos Sociais co método da atención con cita previa. Progresivamente, os SS convértense no búnker dos pouquiños caramelos que o capitalismo globalizado e financeiro está disposto a que retorne ás persoas empobrecidas e excluídas.
 
É a posta en marcha do terror, do sometemento para a xente empobrecida e excluída destes países centrais, convertidas en clientes dos SS, illadas e soas en barrios papeleira que acumulan un terzo da poboación que se fai invisíbel para o resto da sociedade. As CONTRAPRESTACIÓNS fan o resto, someten a familias enteiras, por acceder a uns minimísimos recursos, déixanas a mercé dos cabalos dos SS do capitalismo globalizado e financeiro.
 
4. As Rendas Básicas: das RMI aos ingresos necesarios
Foi en 1984, na cidade de Gasteiz, onde as persoas da Asemblea de Paradas desta cidade se propuxeron lanzar a proposta de Ingreso Social Universal, nome que lle daban á Renda Básica, como dereito de cidadanía universal, incondicional e suficiente, sen contraprestacións, por ser persoa; un dereito por estar/ser/existir. Aquela reflexión saía durante un peche de sesenta e tres días na Igrexa de S. Vicente, na cidade de Gasteiz. Este colectivo entendía que era o momento de centrarse na loita contra o enriquecemento, a acumulación de recursos en poucas mans; propuñan comezar, entre outras, con loitas por propostas como o Ingreso Social Universal, a través da denuncia da perversión da chamada loita contra a pobreza, as súas orixes en mans de McNamara (primeiro presidente do Banco Mundial) que buscaban lexitimación social, contrapartes e partenariados que axudasen a consolidar o Capitalismo e centraron as súas actuacións sobre as consecuencias do mesmo (empobrecemento, desigualdade, exclusións...) e entre as distintas ferramentas que se consideran, están as chamadas Rendas Mínimas de Inserción que xa comentamos.
 
Foron amigas feministas alemás as que deron inspiración ás propostas da Asemblea de Paradas de Gasteiz. Estas feministas, nos anos setenta, falaban da importancia de centrarse en satisfacer as necesidades desde o traballo, que non desde o emprego, á vez que mencionaban a importancia de asegurar a vida de todas as persoas polo feito de existir. Aquelas fontes serviron de inspiración para, canda a outras, chegar en 1984, durante o peche da parroquia de S. Vicente de Gasteiz, a aquel enunciado de Ingreso Social Universal.
 
No ano 1994 aparecen xa propostas escritas que usan o enunciado ou nome de Rendas Básicas de Cidadanía e que tratan de superar as anteriormente descritas rendas mínimas, pois pasan de poñer a centralidade no emprego á centralidade na persoa.
 
De maneira xeral concíbese a Renda Básica de Cidadanía como un ingreso de carácter individual, universal, incondicional e suficiente para toda persoa polo feito de selo. Agora ben, cómpre distinguir entre as diferentes Rendas Básicas, nomeadamente os modelos febles e fortes:
 
- En función de se buscan unha reforma do sistema ou a transformación social.
- Se a contemplan coma un fin en si mesma ou como un instrumento anticapitalista.
- En definitiva, se parte de modelos de corte liberal e asistencial ou de modelos de xustiza social (Sáez, 2003).
- Así existen modelos febles, fundamentalmente vinculados a espazos académicos que tratan de xustificar a súa viabilidade para “vendela” como proposta parlamentaria. Unha vez máis, unha implantación social desde arriba (o cal perpetúa a base das relacións de poder que nos levan ao mesmo lugar do que partimos, con ingresos ou sen eles).
 
Os modelos febles poderían ser considerados positivo sempre que supoñan un paso cara á consolidación do modelo forte (como veremos máis adiante). É dicir, unicamente poden ser aceptados sempre e cando cumpran estas condicións mínimas:
 
- Han ser concedidos individualmente a cada persoa, polo menos a partir dos 16 anos.
- Non han de esixir ningunha contrapartida, tanto en termos de traballo, como de estudos etc.
- A contía a percibir ha de ser, polo menos, igual á determinada polo limiar da pobreza.
- Han de recoñecer e estar encamiñados cara ao modelo forte e, dese modo, basear a súa implantación en todo un proceso de debate e mobilización desde a base social para que supoña realmente o cambio de modelo social e non só un mecanismo dentro do sistema capitalista (Iglesias Fernández, 2004).
 
5.- A Renda Básica das Iguais para transformar a sociedade
Os modelos de renda básica que chamamos “febles” poden ser facilmente incorporados aos valores do sistema, como un elemento máis da asistencia social, alén de conter contradicións e portas falsas. Así, desde Baladre propoñemos unha ferramenta para a transformación do sistema capitalista: a Renda Básica das Iguais (RBis).
 
Se é o propio modelo o que produce e necesita a pobreza e a exclusión social, temos que afondar en espazos de autonomía que nos leven cara a un horizonte de sociedade diferente. Desde Baladre entendemos a RBis non como un fin en si mesma, senón como un instrumento fundamental que nos axude a romper os mecanismos de explotación. Por unha parte, deixar de estar atados á escravitude do salario para satisfacer as necesidades materiais fundamentais.; por outra, construír outras relacións sociais á marxe da lóxica do produtivismo e o consumismo, en que o valor do traballo sexa social e non individual. Finalmente, afondar na liberdade real das persoas, xa que asegura a base material para poder gozar de todos os demais dereitos humanos.
 
As características instrumentais e políticas que definen a RBis fronte aos modelos febles son:
- Individual: a persoa coma suxeito de dereito en igualdade, non a familia.
- Universal: para todas, sen motivos de exclusión, independente da situación persoal.
- Incondicional: isto é, non suxeita a contrapartidas nin laborais nin de ingresos.
- Equitativa: a contía será igual para todas as persoas, como mínimo, o equivalente ao limiar da pobreza (50% da renda per cápita).
- Refundición das prestacións actuais (ingresos de inserción, subsidios de desemprego ou agrarios, pensións...)
- Fondo social: unha porcentaxe da RBis individual iría constituír un Fondo de Renda Básica para mellorar os bens colectivos. Todas as persoas terían o dereito a participar e decidir como se asignan as partidas.
- Desde a base social: a RBis nace cunha idea fundamental de mobilización desde as persoas e movementos sociais, de abaixo a arriba (Iglesias Fernández, 2003).
 
Así pois, esta proposta será válida en tanto nos sirva para artellar procesos sociais antagonistas, que vaian construíndo aquí e agora os retallos de algo novo, máis xusto e igualitario para todas.
 
Porque entendemos que vivir con dignidade é un dereito fundamental que non se pode acadar sen eliminar de raíz as profundas desigualdades que nos oprimen, mais que tampouco pode chegar se as persoas non nos facemos protagonistas da nosa propia emancipación.
 
6. A necesaria mobilización cara á RBis
Vimos as características e diferenzas entre as rendas mínimas de inserción, as diferentes rendas básicas e a RBis. Pero, como formulamos o paso dos dispositivos do estado de benestar de sometemento e control a instrumentos que xeren cambio social e contribúan coa emancipación?
 
As maiores dúbidas e reticencias neste camiño cara á proposta da Renda Básica das Iguais veñen sempre polas cuestións da posta en marcha e do financiamento (que esconden detrás procesos de arriba-abaixo, sen a xente e cunha actitude caritativa e reformista). Ante isto xa existen, desde a proposta de RBis, distintas ferramentas como os estudos de viabilidade, as oficinas e puntos de información ou as campañas polos dereitos sociais e a redistribución da riqueza, que demostran as posibilidades e que nos dan moitas pistas de cales son os pasos iniciais para desenvolver a proposta desde a mobilización social.
 
Os estudos de viabilidade preséntanse como procesos de reflexión, enfocados para a acción, útiles para as persoas e os grupos que xa realizan un traballo concreto na súa realidade social. Non debemos caer nas investigacións simplemente académicas ou nos estudos formulados como simulacións, senón no estudo da viabilidade social da RBis, que parte da realidade que xa existe nos nosos barrios, vilas e cidades, e así xerar relacións e tecido no propio proceso de investigación.
 
Un exemplo destes procesos de investigación para a acción sería o estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Alfafar (Valencia), onde desde a realidade da localidade se presentan propostas para a posta en funcionamento. O estudo é utilizado dentro da engrenaxe de loitas colectivas e de traballo desde o comunitario para facer a vida viábel ás persoas que forman parte do barrio. É o complemento dunha loita máis global e, de seguro, será unha ferramenta útil nas loitas e mobilizacións que se propoñan no futuro. Máis recentemente, na mesma liña, realizamos un estudo para o conxunto de Galiza.
 
Por outro lado, as oficinas ou puntos de información pretenden achegar a información sobre os recursos e as axudas sociais á xente, sempre partindo de que son un dereito, ao igual que o son a educación ou a saúde. Romper a idea de “culpabilización individual” que socialmente se lles presenta e devolvela desde a lóxica da inxustiza social.
 
As oficinas e puntos de información sobre dereitos poden ter unha dobre función: por unha banda, ofrecer información de utilidade ás persoas que buscan unha axuda, en clave colectiva; e por outra banda, permite conectar coa realidade que vive moita xente e de que maneira se está dando resposta desde os servizos sociais e os seus actuais recursos para a inclusión social.
 
Este é o aspecto que permite xerar o paso seguinte e que nos parece que é o outro punto forte das oficinas, o de xerar mobilización social a través da visualización e a denuncia. Facer visíbeis as situacións inxustas e denunciar que son insuficientes as respostas que se dan se queremos camiñar cara á xustiza social.
 
Esta visualización e denuncia, articuladas en campañas polos dereitos sociais ou pola redistribución da riqueza, son as que empurran a pasar das RMis como instrumentos de cohesión e control social da RBis como ferramenta para o cambio social.
 
Iniciativas deste tipo que xurdiron e que están a traballar neste liña na actualidade serían: en Barakaldo, a oficina do colectivo “Berri-Otxoak” que leva funcionando desde novembro de 1997; en Málaga, no barrio de Palma Palmilla, localízase o punto de información “Encontraste”; en Xixón atópase a Oficina de Información sobre dereitos e recursos sociais “La Espiral”; en Vigo, a “Oficina de Dereitos Sociais” de Coia; na Orotava (Tenerife), desde “La Casa”, a Asemblea Canaria pola redistribución da riqueza; ou nas distintas oficinas en diversos lugares de Cataluña e tamén persoas de Zambra en Cuenca. Son iniciativas que desde realidades e contextos concretos e particulares (cidades, vilas, barrios ou comarcas) propoñen a mobilización cara á Renda Básica das Iguais desde a esixencia dos dereitos a uns ingresos suficientes.
 
7. RBis e moito máis
Como vimos ao longo de todo o texto, se cremos na posibilidade de transformar a realidade e darlle a volta a este modelo social, vemos que a Renda Básica das Iguais pode ser unha ferramenta útil para camiñar cara a ese obxectivo.
 
Se entendemos a proposta, dámonos conta de que o camiño cara a esa transformación ten que ir acompañado dun cambio de valores vinculado ás características que lle dan sentido á RBis e que a fan diferente a outras propostas.
 
Agora ben, desde Baladre sempre dicimos que a RBis por si soa non ten sentido, porque non ten porque supor cambio ningún; cómpre acompañala doutras moitas iniciativas e loitas que a complementen e que favorezan o cambio social, aquí e agora, cara a esa outra sociedade que soñamos e que nos permita facernos conscientes de que outra sociedade é posíbel.
 
Por iso, sempre falamos de Renda Básica das Iguais e moito máis, porque entendemos que hai distintas propostas e formas de organizarnos que son útiles nese camiño a percorrer (como xa vimos anteriormente). Iniciativas, en definitiva, que buscan xerar conciencia e mobilización social desde as persoas. E é que cómpre poñer en marcha propostas que fagan conscientes as persoas da realidade que vivimos e partícipes das mudanzas que se vaian logrando. Temos que ser capaces de xerar cambios no próximo, xa que é no próximo onde as persoas nos sentimos máis vencelladas e onde recoñecemos aquilo que nos afecta (Muñoz, 2009).
 
Na realidade actual, ante os problemas e as desigualdades que vivimos, cada día cobra máis sentido mobilizarnos e reivindicar unha Renda Básica das Iguais, inventar novas propostas que sexan unha alternativa ao xa existente. Cómpre defender o dereito á RENDA BÁSICA DAS IGUAIS E MOITO MÁIS!
 
BIBLIOGRAFÍA
FERNÁNDEZ DURÁN, R. (1996). Contra la Europa del Capital. Madrid: Talasa Ediciones.
IGLESIAS FERNÁNDEZ, J. (2006). ¿Hay alternativas al capitalismo?: La Renta Básica de las Iguales. Xàtiva: Baladre / Zambra.
IGLESIAS FERNÁNDEZ, J. (2004). La cultura de las rentas básicas: historia de un concepto. Barcelona: Virus Editorial.
IGLESIAS FERNÁNDEZ, J. (2003). Las rentas básicas. El modelo fuerte de implantación territorial. Barcelona: El Viejo Topo.
MUÑOZ RODRÍGUEZ, D. (2009). "De barrios en lucha a barrios a combatir: breve repaso a algunas cuestiones a tener en cuenta sobre barrios periféricos", en SÁEZ, M. e MUÑOZ, D. (2009). Nuestros barrios, nuestras luchas. Experiencias de intervención en barrios periféricos. Valencia: La Burbuja / Zambra / Baladre; pp. 151-172.
SÁEZ, M. (2004). "La Renta Básica y mucho más: una realidad de lucha en el territorio español", en IGLESIAS FERNÁNDEZ, J.; BUSQUETA, J.M. y SÁEZ, M. (2004); Todo sobre la Renta Básica. Barcelona: Virus Editorial / Baladre; pp. 17-60.
. . .
CONTACTO
baladre@coordinacionbaladre.org
www.coordinacionbaladre.org
www.rentabasicadelasiguales.coordinacionbaladre.org
 
Recollido da páxina de ODS-Coia: Oficina Dereitos Sociais Coia

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript