Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 251 - 24/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Eleccións a Claustro.Que pasa no colectivo?

Por primeira vez na historia desta universidade non se cubrirán a totalidade dos postos que o PAS ten no Claustro. Non fará falta nin votar porque dos 27 postos asignados ao noso colectivo só se presentaron 24 candidaturas que representarán directamente, sen proceso electoral, ao Persoal de Administración e Servizos neste órgano colexiado.

 

  • Noticias relacionadas

Lonxe queda a loita por unha maior representación nos órganos colexiados, cando Meilán e compañía impoñían unha representación simbólica e centrabámonos en alcanzar unha representatividade homologable ao resto das universidades.
 
Pensamos que o PAS, como parte da Comunidade Universitaria, debe estar representado en todos os órganos consultivos e decisorios para, como mínimo facer que se escoite a súa voz. Esta circunstancia faise máis necesaria nestes momentos nos que, como vemos, o equipo de goberno impón medidas cada vez máis restritivas ao colectivo, utilizando precisamente o Claustro para marcar as liñas xerais de actuación que despois concreta no Consello de Goberno e no Consello Social.
 
Somos conscientes de que aínda sendo foros nos que é obrigado que sexamos escoitad@s isto non significa que se acepten as nosas propostas (rexeitadas case sistematicamente) pero pensamos que a representación do colectivo nos órganos colexiados é unha parte moi importante, tamén, do proceso mobilizador.
 
A representación do PAS no Claustro elixe a dúas representantes no Consello de Goberno, Sen ir máis lonxe proximamente iniciarase a discusión, no Consello de Goberno, dos orzamentos para o ano 2015, a proposta terá que comunicárselle á representación do PAS que, á súa vez, a trasladará ao colectivo que poderá, deste xeito, articular os mecanismos de resposta que considere axeitados.
 
Situacións como o sucedido nestas eleccións, son propias ou ben de momentos de moita mobilización nos que precisamente do que se trata é de transcender a loita “institucional” ou ben de momentos nos que sucede todo o contrario nos que a desmobilización e desinterese é tan relevante que non hai forzas para asumir as responsabilidades propias de alternativas de organización colectiva. Só fai falta votar unha ollada á situación pola que transitamos para decatarse de que é este segundo factor o que determina a falta de candidat@s
 
A falta de interese demostrado nestas eleccións é un duro pau para @s que seguimos a reivindicar a representatividade do colectivo diante da diminución imposta polo equipo reitoral ao realizarse a concentración dos servizos (UXAIs, UADIs, conserxerías…)
 
Estamos segur@s de que a deixadez e incompetencia demostrada polas organizacións que deberían ocuparse de dinamizar a organización do colectivo acabará pasándolles factura.
 
O ocorrido non fará que deixemos de reivindicar a representatividade que lle corresponde ao PAS.  Non seremos nós quen fagamos deixadez das nosas responsabilidades. Sabemos que o que pensamos tamén é o sentimento de moita parte do colectivo e o que sucedeu non será un freo tampouco para a nosa actividade reivindicativa. Daremos a cara tanto diante dos que nos gobernan como detrás das pancartas se for necesario.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript