Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 251 - 24/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Ignacio Escolar
 

Isto non é transparencia

O pacto entre PP e PSOE para regular as viaxes dos deputados é unha oportunidade perdida que queda moi lonxe das mínimas esixencias democráticas. Para facer isto, mellor non facer nada. Para pactar isto, mellor non pactar nada.

 

  • Noticias relacionadas

De moi pouco serve publicar cada tres meses o importe global que gastou en viaxes o Congreso. Non hai posibilidade de control cidadán nese dato: non hai xeito de saber con ese número se ese diñeiro estivo ben ou mal empregado, se alguén abusou. Sen máis detalles, é unha cifra tan inútil como ofrecer aos cidadáns o gasto trimestral en grampas, a temperatura media no Parlamento ou os metros de moqueta dos seus despachos. Transparencia? Seguirá sendo un gasto tan transparente como o fondo dun pantano.
 
Si hai algúns cambios, pero non son os necesarios. Os grupos parlamentarios terán que asinar unha autorización aos seus deputados para todas as viaxes que non teñan como orixe ou destino a súa circunscrición electoral. É un avance, pero é un avance moi escaso. Serán as direccións dos propios partidos os que 'controlarán' aos seus deputados, un mecanismo que non tería evitado o abuso que motivou esta reforma, o caso Monago. O presidente estremeño formaba parte da dirección do grupo parlamentario do PP no Senado, así que se podería asinar a si mesmo a autorización das súas viaxes a Tenerife para visitar a súa amiga. E todo arranxado.
 
Coñecer as viaxes dos deputados en ningún caso afecta á súa intimidade. Son parlamentarios, non axentes secretos, e en todos os casos nos que se desprazan por razóns de traballo -de verdadeiro traballo parlamentario- deixan rastro público das súas viaxes nos medios; pódese saber onde están a seguir o seu Twitter. Publicar as súas axendas e as súas viaxes non afectaría en nada nin á súa autonomía política nin ao seu labor parlamentario, pero si vacinaría contra os abusos. E o argumento da intimidade -que é falso- non serve como escusa para publicar o gasto total por deputado sen detallar destinos, un dato que seguirá sendo alto segredo de Estado.
 
O pacto entre PP e PSOE, ademais, inclúe unha amnistía: non haberá investigación ningunha sobre como gastou o diñeiro das viaxes ata agora. Os dous grandes partidos -e tamén algúns máis dos pequenos- non parecen interesados en destapar esa cloaca, a pesar de que xa sabemos que se produciron abusos e un deputado, o de Teruel, tivo que dimitir por iso. O Congreso non achegará aos cidadáns nin sequera os detalles máis mínimos sobre este gasto que os cidadáns pagan. No futuro saberase moi pouco. Do pasado non saberemos absolutamente nada.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript