Abril de 2010
 
 

12/04/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

UNIÓN EUROPEA: AS RAZÓNS DA CRISE

 

 

A crise franquea unha nova etapa. Tras organizar o endebedamento dos estados, as clases dirixentes aprovéitanse del para reforzar as políticas de austeridade.

 

 

 

 

Pretextando o nivel do déficit público grego (12,7% do PIB en 2009), especuladores e axencias de notación esixen un "firme compromiso político". Os dirixentes apresúranse a tranquilizalos preparando programas reaccionarios: conxelación dos salarios e das pensións, suba do IVE, substitución dun funcionario de cada dez, etc. A violencia dos ataques é inaudita. O verdadeiro obxectivo do cumio de Bruxelas era poñerse de acordo sobre os medios para impoñer un programa así. Pero, como chegou a esta situación a Unión Europea?

As causas do endebedamento.

En 1986, coa Acta Única, concedíase a prioridade absoluta á competencia, a libre circulación de capitais e a preparación da moeda única. Aos criterios do tratado de Maastricht (1992) supónselles asegurar a converxencia das economías da zona. E para compensar os efectos sociais da competencia, decídese aumentar os fondos entregados aos estados máis pobres (Irlanda, Grecia, Portugal e España) para asegurar a "cohesión económica e social". Pero este mecano europeo é ilusorio. Entre 1988 e 1998, o ratio entre o PIB das 25% rexións máis ricas e o das 25% rexións menos ricas permaneceu constante. As desigualdades non diminuíron. O presuposto federal europeo supera a penas o 1% do PIB (o dos Estados Unidos chega ao 20%). E os medios consagrados ás novas adhesións son ridículos. Sobre todo, a lóxica predominante é a da competencia comercial, social e fiscal. As economías europeas seguiron con dinámicas diverxentes. Mentres os prezos aumentaban un 46% en Grecia entre 1997 e 2009, a evolución era do 19% en Alemaña. Estes dous países teñen non obstante a mesma moeda, o euro, e conseguintemente a mesma taxa de interese fixada polo Banco Central Europeo (BCE) en función da inflación media. Nos estados nos que a inflación era máis forte, a débil taxa de interese incitaba a pedir prestado. En Grecia, é o estado o que se endebedou masivamente. En Irlanda, en España e en Portugal, é o endebedamento privado o que alcanza niveis moi elevados.

A hipocrisía dos dirixentes.

Grecia, Irlanda, España e Portugal viron aumentar o seu déficit comercial. O que non ten nada de novo. É mesmo o que permitiu durante anos aos capitalistas alemáns exportar masivamente unha produción que non podía ser vendida en Alemaña debido á austeridade salarial. O Financial Times recoñéceo: "debido aos excedentes estruturais do sector privado e das contas correntes de Alemaña, é case imposible que os seus veciños poidan reabsorber o seu déficit presupostario, salvo se están dispostos a soportar unha ralentización duradeira das súas economías... a demanda interna deficiente de Alemaña non pode ser universalizada". Máis sinxelamente: todos os países non poden ser exportadores netos. As declaracións de Merkel e Sarkozy son hipócritas e intentan só ocultar o fracaso da Unión Europea (UE). Os países hoxe sinalados co dedo son precisamente os que debían beneficiarse da axuda da UE porque o seu PIB por habitante era moi inferior á media comunitaria.

A débeda: un problema ?.

A débeda pública non é problemática en se mesma. Se resulta dunha suba dos gastos públicos en infraestruturas, educación ou saúde, e se os intereses non son exorbitantes, a débeda é mesmo desexable. Pero a débeda acumulada no último período non cumpre estas condicións. En Grecia, provén particularmente da ausencia dun sistema eficaz de recadación de impostos, e da complicidade entre a burguesía grega e os grandes bancos. Grecia paga intereses moi elevados. En Francia, a parte dos gastos públicos no PIB culminou en 1996 e oscila dende entón nun nivel inferior. Non obstante, a parte da débeda pública no PIB non deixou de aumentar. Como é posible?. Isto significa simplemente que o aumento enorme da débeda é imputable á baixada dos ingresos. Só en 2008, as bolsas fiscais constituían unha falta de ingresos de 73 mil millóns de euros! /1. En canto á factura das reducións de cotizacións sociais, sábese que chega a 42 mil millóns para 2009 /2. Son eses privilexios os que fan aumentar a débeda. En lugar de pagar impostos, os rendistas prestan diñeiro ao estado. En 2008, este entregoulles 54,6 mil millóns de euros en intereses. É preciso que isto se remate, e non virá a solución nin de Bercy nin de Bruxelas.

Islandia.

No outono de 2008, o sistema bancario islandés afúndese. Os tres maiores bancos, que foran privatizados en 2003, son renacionalizados. Quen vai pagar as débedas?. Os gobernos británico e neerlandés indemnizan os seus cidadáns e esixen que os contribuíntes islandeses, xa afectados pola suba do paro, paguen a conta. É dicir, ¡12.000 euros por habitante! A UE exerce entón unha chantaxe sobre a demanda de adhesión formulada por Islandia. O Parlamento islandés cede, votando a lei Icesave. O Fondo Monetario Internacional (FMI) está satisfeito e as axencias de notación conceden unha boa nota ao estado islandés. Para facer oír o seu rexeitamento, a poboación organiza entón manifestacións inéditas dende hai medio século e impón un referendo. O 6 de marzo de 2010, a lei Icesave é rexeitada polo 93% dos votantes.

Ao contrario do que din os lobbys financeiros, non se trata de botar o custo da crise sobre "contribuíntes estranxeiros", senón de poñer os financeiros e os seus representantes fronte á súa propia responsabilidade. Xa sexa islandeses, británicos ou neerlandeses, non corresponde aos traballadores pagar a crise!.

Grecia.

Conxelación salarial no sector público, supresión de primas, retroceso de dous anos da idade de xubilación, tales son as medidas decididas polo goberno "socialista" de Papandreu, tomando como pretexto a débeda pública. Decisións cargadas de sentido. Recordemos que con máis do 2,8% do seu PIB consagrado ao armamento, Grecia é a campioa dos gastos militares. Os traballadores replicaron coa folga. Grecia dános un aviso do problema que todos os traballadores europeos terán pronto en fronte: fronte á ofensiva dos banqueiros e os seus representantes, só unha forte mobilización social pode cambiar radicalmente as regras do xogo. Pero para estar á altura do que está en xogo, hai que ir cara á construción dunha fronte de resistencia coordinada en Europa. Pois malos golpes prepáranse por todas as partes. O goberno "socialista" portugués anuncia xa privatizacións masivas.

As súas solucións e as nosas.

O Banco Central Europeo reflotou os bancos privados en dificultades, pero o tratado de Lisboa prohíbelle facer o mesmo cun estado membro! É pois noutros países da UE onde Grecia vai pedir prestado para devolver os seus créditos (entre eles os dos bancos). O único importante do cumio de Bruxelas do 25 de marzo era saber se, para impoñer un plan de austeridade á poboación grega, a burguesía europea ía apoiarse no FMI. A repartición dos papeis quedou definida: o FMI desempeñará o papel do "policía malo" e a UE o do "policía bo". E as súas receitas non farán máis que agravar a crise e subir o paro. Pois néganse a poñer impostos ao capital. Ao dos ricos armadores, ao da Igrexa ortodoxa (exonerada de impostos), dos bancos, etc. Pero é a escala europea á que hai que instaurar estes impostos.

Fronte ao endebedamento privado, hai que arrancar subas salariais. Fronte ao paro, hai que impoñer a repartición do tempo de traballo. Fronte á crise, a nosa solución é o control social dos bancos e das empresas.

NOTAS:

1/. Rapport de la Commission des finances, de l'économie et du plan de l'Assemblée nationale.

2/. Rapport de la Commission des finances du Sénat.

Traducido por Faustino Eguberri de http://www.npa2009.org/content/union-europeenne%E2%80%89-les-raisons-de-la-crise

Tradución de Alberto Nadal





 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript