Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 249 - 10/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  CORRUPCIÓN
 

Cando os tres poderes se sentan á mesa en tempos de crise

A mediados do pasado mes de outubro, o ex ministro do interior e exsecretario xeral do PP, Acebes, gozaba xantando discretamente no reservado dunha peña gastronómica de Madrid.

 

  • Noticias relacionadas

 

Ía acompañado de Manuel Marchena -actual presidente da sala segunda do Tribunal Supremo-, de Pedro Calvo -ex responsable de Seguridade do Concello de Madrid-, Alfonso Carrascosa -propietario da famosa empresa Legalitas que tan prolixamente se anuncia dende a cadea de emisoras de CÓPEA. Ata aquí podería resultar todo case "normal", se entendemos por "normal" a feliz relación entre individuos que exercen ou exerceron diferentes funcións no poder executivo, lexislativo e o mundo dos negocios multimillonarios.

 

A coincidencia non tería chamado a atención de ninguén se non se producira un incidente de tráfico entre as escoltas dun coche oficial e un condutor. O certo é que o incidente permitiu que varios suxeitos indiscretos e posiblemente adscritos ao roxerío, descubrisen que alí se estaba a celebrar un xantar xigantescamente pantagruélico. Segundo contan os entremetidos suxeitos que deron o aviso sobre a cuchipanda, sobre a enorme mesa debuxábase o seguinte panorama: unha fonte con case dous quilos de angulas, outra de percebes e unha botella magnum de Petrus que custa máis de 2.000 euros. E de prato forte, unha descomunal costeleta de Ávila por cabeza. Unha comida de nada, imos. Desas que adoitan servirse en calquera fogar deste país.

 

A verdade é que resulta difícil imaxinar que era o que podía celebrar ali Angel Acebes, o ex brazo dereito incorrupto do presidente Aznar. Unhas horas despois coñeceríase que o xuíz Ruz decidira proceder á súa imputación por comprar accións no ultradereitista "Liberdad Digital" con diñeiro da Caixa B do Partido Popular.

 

En calquera caso, esta cegadora estampa gastronómica pode servirnos de exemplo aos que xa perdemos o traballo, a casa e as poucas esperanzas que nos quedaban, de que non nos encontramos solos nas penurias, que os nosos prohomes institucionais comparten cos menesterosos as carencias e miserias na que nos meteu esta maldita crise.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript