Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 249 - 10/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  #15M DE MONTE ALTO
 

Marchas da Dignidade. 29 N, NÓS IMOS!

Se algo tivemos claro na curta andaina do #15M de Monte Alto (levamos camiñando algo máis de tres anos), é que quen establece os mecanismos para que uns poucos se enriquezan a custa do empobrecemento, da dor e da perda de dereitos da cidadanía é o sistema capitalista.

 

  • Noticias relacionadas

 

Un sistema que, para perpetuarse utiliza todos os medios ao seu alcance utilizando, nomeadamente aos medios de comunicación baixo o seu control que se encargan de amortecer a conciencia social e, a medida que medra a resposta social, impoñendo un estado autoritario que, ao mesmo nivel que calquera estado fascista, limita, cando non impide, o exercicio das liberdades máis elementais perseguindo con saña @s que nos saltamos as barreiras que nos impoñen.

 

O sistema permite pechar empresas só coa presunción de que poden gañar menos do que esperaban, botando a millóns de traballador@s ao paro, limitando as prestacións por desemprego condenándoos á miseria porque non atoparán emprego alternativo, e os poucos traballos que oferta son en condicións tan precarias que non os libran da pobreza. Sabemos, tamén, que detrás dos recortes en sanidade, en educación, no dereito á vivenda, servizos públicos, pensións… está un sistema que mercantiliza o que até agora eran dereitos, para maior proveito do capital, apartando do seu goce á cidadanía que non pode pagalos.

 

En definitiva mentres que os grandes banqueiros e capitalistas se forran a mans cheas, transformando a débeda privada en débeda pública, déixannos sen traballo, sen casa, sen sanidade, sen pensións sen estudos. Sen futuro, sen vida!

 

Defendemos sempre no #15M de Monte Alto que a un problema global corresponde dar unha solución ao mesmo nivel e, para levala efecto, compre unificar as loitas.  Formulámonos como finalidade a convocatoria dunha folga xeral indefinida que conxuntamente cunha mobilización contundente e continuada no tempo acabe cun sistema que nolo quita todo para ofrecérllelo en bandexa de prata aos capitalistas.

 

Con esta idea participamos na creación de A Coruña en Loita, unha plataforma que pretendía, dende o ámbito comarcal responder, dun xeito unificado e solidario, aos problemas laborais (EREs, peches de empresas, desemprego…) e sociais que ían xurdindo na localidade da Coruña e área de influenza.

 

Esencialmente por isto é polo que participamos nas accións da Plataforma das Marchas da Dignidade, porque, a un nivel máis amplo (abrangue todo o estado) establece unha dinámica de contestación á situación actual que se corresponde, en gran parte, co que guía a acción da nosa asemblea. Tamén porque no seu seo recolle a participación e o sentimento de múltiples organizacións políticas, sindicais, sociais e cidadanía a título individual que, coma nós, pretenden un cambio radical do modelo político e social.

 

O 15M de Monte Alto, xunto coas marchas da dignidade puxémonos en pé para dicirlle ao goberno e aos capitalistas que se lles acabou a festa, porque poden quitárnolo todo menos a dignidade e é esa dignidade da que sacamos as forzas necesarias para darlles un novo golpe o vindeiro día 29 de novembro enchendo a Praza do Obradoiro, continuando, deste xeito, coa acumulación de forzas necesaria para levar a efecto o proxecto de acabar co sistema.

 

O DÍA 29 DE NOVEMBRO, NOS TAMÉN IMOS!!

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript