Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 248 - 03/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

A Mesa denuncia as represalias da Axencia Tributaria contra a asociación por reclamar o seu dereito de utilizar o galego

A asociación en defensa da lingua anunciou que recorrerá a sanción da Axencia Tributaria perante todas as instancias administrativas e mesmo xudiciais que sexa preciso para denunciar esta “agresión intolerábel” dos nosos dereitos lingüísticos.

 

  • Noticias relacionadas

 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2014. A Mesa pola Normalización denunciou nunha rolda de imprensa celebrada esta mañá as represalias da Axencia Tributaria contra a asociación en defensa do idioma por reclamar o seu dereito a recibir as notificacións desta administración en galego.
 
Segundo denunciou A Mesa, a Axencia Tributaria remitiulle onte a notificación dun expediente sancionador por “resitencia, obstrucción, excusa a las actuaciones de la Administración Tributaria”.
 
Os feitos orixináronse o pasado 15 de xullo cando A Mesa pola Normalización Lingüística recibiu unha notificación de requerimento da Oficina de Xestión Tributaria de Santiago de Compostela en relación coa certificación do cambio de representante legal da entidade derivada do cambio de directiva levada a termo na súa última asemblea nacional. Ao estar a dita notificación unicamente en español, A Mesa presentou por escrito ante sede compostelá da Axencia Tributaria unha solicitude reclamando seu dereito a recibir esa notificación en lingua galega e que se tramitase o procedemento neste idioma.
 
Tras pasaren varios meses sen obter resposta, A Mesa volveu presentar esta solicitude por escrito ante a Axencia Tributaria o pasado 10 de setembro, sen obter tampouco resposta por parte da Administración até que o día de onte, 28 de outubro, recibiu unha notificación (máis unha vez, excluíndo o uso do galego) na que se lle comunicaba o inicio dun expediente sancionador por “resitencia, obstrucción, excusa a las actuaciones de la Administración Tributaria”.
 
A Mesa calificou a resposta da Axencia Tributaria de “ilegal” e “indecente”, e anunciou que recorrerá a sanción da Axencia Tributaria perante todas as instancias administrativas e mesmo xudiciais que sexa preciso para denunciar esta “agresión intolerábel” dos nosos dereitos lingüísticos.
 
Neste sentido, o presidente da Mesa Marcos Maceira asegurou que as ameazas de sanción económica da Axencia Tributaria non farán calar á Mesa, nin axudarán a que desista de reclamar o seu dereito de utilizar o galego ante a administración, dereito recollido en toda a lexislación vixente. Deste xeito, Maceira denunciou que este é un paso máis na deriva totalitaria do goberno popular: “Esta é outra mosta de como o Goberno do PP usa as administracións de todas e todos para impor a súa ideoloxía excluínte por medio da represión”.
 
Así, Maceira lembrou que a Mesa leva meses denunciando os pasos atrás que a Administración do Estado está a dar desde a chegada do PP ao Goberno no recoñecemento da realidade plurilingüe do Estado e o respecto á oficialidade das linguas diferentes do español. O caso da Axencia Tributaria é un dos máis sangrantes, pois está a levar a cabo un proceso de erradicación do galego en todas os trámites, modelos de documentos, etc. que até hai uns anos se podían facer en galego, incumprindo a propia lexislación do Estado e tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas
 
A Mesa reiterou que a súa solicitude de recibir as notificacións da Axencia Tributaria na lingua propia e oficial de Galiza é un dereito recoñecido e amparado pola lexislación vixente, e denunciou a manobra perversa de identificar a reclamación dos dereitos legalmente recoñecidos coa “resitencia e obstrución” ás actuacións da administración, como suxire esta sanción.
 
A Mesa lembrou que toda a lexislación e xurisprudencia vixente recoñece o dereito da cidadanía galega a exixir que calquera notificación, de calquera Administración Pública con sede no territorio da Comunidade Autónoma de Galiza, que afecte os seus intereses, estea redixida en galego e que o procedemento se tramite na lingua oficial elixida pola persoa interesada. Así, a Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común recoñece no seu artigo 35 como un dereito dos cidadáns nas súas relacións coas Administracións Públicas o de “utilizar as linguas oficiais no territorio da súa Comunidade Autónoma”. Do mesmo xeito, no seu artigo 36 sinala literalmente:
 
“A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán. Non obstante o anterior, os interesados que se dirixan aos órganos da Administración Xeral do Estado con sede no territorio dunha Comunidade Autónoma poderán utilizar tamén a lingua que sexa cooficial nela. Neste caso, o procedemento tramitarase na lingua elixida polo interesado”.
 
Neste sentido a Constitución estabelece no seu artigo 3 o carácter oficial das linguas das comunidades autónomas, xunto co castelán, nos seus respectivos territorios. Isto significa, segundo a interpretación do Tribunal Constitucional, que aquela declaración vincula a todos os poderes públicos radicados e con competencias nos correspondentes territorios, icluídos, por tanto, os do Estado no sentido estrito. De acordo con isto, o Estatuto de Autonomía de Galiza recoñece que o galego é a lingua propia de Galiza e insta a que os poderes públicos garantan “o uso normal e oficial dos dous idiomas” e potencien “o emprego do galego en todos os planos da vida pública” (art. 5.3). Do mesmo xeito, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recoñece no seu artigo 4.1 que o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e no artigo 6.3, do devandito texto legal, insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns. O dereito dos administrados a seren atendidos oralmente e por escrito na lingua cooficial da súa elección tamén se recolle no artigo 54.11 da Lei 7/2007, do estatuto básico do empregado público e mais o artigo 10.3 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, entre outros.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript