Novembro de 2014
 
 

NÚMERO 248 - 03/11/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - David Rodríguez
 

Sociedade precaria

Non diga sociedade do risco, non diga sociedade líquida, diga sociedade precaria. A precariedade é o espírito dos tempos. Do primeiro lume acendido no fondo dunha cova no afastado paleolítico aos sistemas públicos de seguridade social da Europa do século XX, a do ser humano é unha loita por se dotar de redutos nos que se sentir a salvo, mundos artificiais estables onde a imprevisibilidade da vida á intemperie poida ser domesticada.

 

  • Noticias relacionadas

 

Pero xa non. Hoxe o canto á ideoloxía da intemperie escóitase a diario, coreada ao unísono por todos os altofalantes e repetidores do sentido común à la page. O canto á matogueira e ao suxeito desgaxado da sociedade que, coa soa axuda do seu machete, sabe abrir carreiro entre as silvas; o canto eufemístico á competitividade, á liberdade individual e á capacidade emprendedora é a música de fondo dos nosos días.
 
Da precariedade estritamente laboral, na que aspirar a un posto de traballo remunerado con certa perdurabilidade no tempo como para permitirse edificar unha vida digna semella unha esixencia demasiado rigorosa para as capacidades do mercado de traballo, á precariedade horaria e a súa incompatibilidade coas máis elementais aspiracións humanas, como poida ser parir e criar un fillo ou unha filla. Da precariedade alimentar dun sistema que xa exterminou ao campesiñado e que hoxe só ofrece alimentos industriais de baixa calidade á precariedade enerxética dos que xa non poden permitirse luz ou calefacción (de novo o lume da cova) e cuxa fenda no acceso a estes recursos non fará máis que aumentar a medida que a crise enerxética global avance.
 
Toda institución que, coas súas eivas, puidese actuar como abrigo -da familia ao Estado- vese galvanizada até, como dicía o clásico, esvaecer no aire, devorada polo Saturno económico que a todos nos quere expostos, vulnerables e dispoñibles.
 
Na teoría dos marcos ideolóxicos que desenvolve George Lakoff baseándose nos descubrimentos da neurociencia este divide aos individuos progresistas e reaccionarios en función de se neles predomina o marco mental da protección ou da disciplina. A analoxía coa escatoloxía xudeocristiá é obvia, distinguindo ao Yavhé protector que acolleu ao ser humano no paraíso do Yavhé castigador que enviaría ao ser humano ao desterro fóra do paraíso. Hoxe é o Yavhé castigador, o Yavhé que non ofrece ningún tipo de contrapartida á mera represión, o que trunfa. Así, o ser humano expulsado do paraíso, botado ao mesmo horizonte mortal que o resto das bestas, coñecerá na súa carne o sufrimento e a dor de vivir na intemperie.
 
É falsa a dialéctica que conduciría inexorablemente, de querer situar ao ser humano racional no centro, a Auswitz. O mundo despois de Auswitz desprazou ao ser humano a un recuncho infecto até convertelo nun animal. O ser humano do ultracapitalismo globalizado é o ser humano naturalizado. O ultracapitalismo globalizado non recoñece institucións políticas, polo que o ser humano só pode ser considerado en tanto que ser vivo, non ser político. Trátase do ser humano pre-prometeico, o ser humano que volveu renunciar ao lume que o quecía nas noites de inverno.
 
Paradoxalmente, este ser humano naturalizado non só é o que peor convive coa Natureza en toda a historia da especie, senón que, de feito, está a destruíla. No novo barbarismo tecnoloxizado dos mercados financeiros globais, o medio natural sacrifícase, precarízase, sen ofrecer recambio algún, en forma de segunda natureza artificial, co que substituílo. Demostrando así que racionalidade e tecnoloxía non sempre van xuntas: hai unha tecnoloxía conducente ao darwinismo social incompatible coa Natureza. Hai unha tecnoloxía ilustrada conducente á protección social, única garante da sostibilidade ambiental. Semella obvio que para o seu bo funcionamento respectivo, na Natureza e nas sociedades humanas deben rexer leis totalmente diferentes.
 
Ollen ao seu redor, vexan a precariedade en toda parte. Que clase de aprendices de bruxo son as elites que rexen os destinos do mundo dende o último terzo de século até os nosos días? Quen era un Reagan, un Blair, un Aznar, unha Merkel, os xefes do FMI ou do BCE, os executivos de Lehman Brothers, ou de Bankia, ou das caixas galegas, e tutti quanti, senón líderes precarios, irresponsables curto-pracistas e mediocres?
 
Ollen para Gaza ou para Ucraína, ollen para Iraq ou Afganistán e verán por todas partes a seres humanos reducidos a mera carne sufrinte, semellante a gando despezado no matadoiro. Ollen para a África negra que se desangra nos estreitos do sur de Europa e por epidemias incontroladas como o ébola e non verán nada máis que un grande caos, un polvorín de inestabilidade en mans de pirómanos que xa comezou a estoupar.
 
O Funambulista Coxo
 
Publicado o 29 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.
 
[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
 
Recollido de Ártabra 21

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript