Outubro de 2014
 
 

NÚMERO 245 - 13/10/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Escravitude na UDC

O 2 de outubro soubemos, a través dunha denuncia da CIG, que a Universidade recorre, de novo, á explotación máis miserable para reforzar uns servizos infradotados. Fíxoo con anterioridade, tamén o denunciamos e apoiamos @s traballador@s que con contratos tipo Labora, de falsa inserción social, decidiron denuncialo pola vía xudicial e que gañaron as demandas.

 

  • Noticias relacionadas

Neste caso e, segundo se sinala na denuncia, a situación de subemprego afectaría, na xestión de bolsas a:
 

-       Dúas desempregadas do SEPE (antigo INEM) que “voluntariamente” deben prestarse a esta “colaboración social” para non perder os dereitos adquiridos (prestación social e subsidio de desemprego) e ás que lles esixen un perfil profesional e traballar sen contrato.
 

-       Dúas de TRAGSA (empresa de traballo temporal) que cobrarán 600 euros brutos ao mes por xornadas de vintecinco horas semanais.

 

O denunciado mostra, unha vez máis, a catadura ética dun equipo de goberno que, presumindo de “progre” (algúns até asinan manifestos “alternativos” á dereita gobernante, outr@s están próxim@s a partidos da autodenominada esquerda), explota calquera greta legal que lle permita actuar como o podería facer calquera escravista.
 
Temos que sinalar que neste servizo hai unha praza, de Auxiliar administrativo, vacante que o xerente se nega a cubrir rexeitando, no seu día, que aparecese no último concurso de méritos.
 
É importante o espallamento da denuncia, tanto dentro da institución como, para coñecemento xeral, nos medios de comunicación,  pero tamén é imprescindible manifestarllo directamente aos que son responsables desta situación, reclamándolles se dea marcha atrás neste impresentable e irregular comportamento e reivindicar, de paso, que a institución contrate ao persoal que for preciso para o bo funcionamento dos servizos recorrendo ao procedemento regrado, é dicir, ás listas de agarda, único xeito de asegurar que se leven a termo os principios de igualdade, capacidade e mérito. Sabemos que, con esa finalidade, a APA se puxo en contacto co resto de sindicatos que compoñen a Xunta de Persoal para solicitar unha reunión urxente co xerente, a esta proposta responderon a CIG e CCOO que xunto coa APA se reunirán coa Xerencia o luns día 13 de outubro.
 
O denunciado non pode pasar desapercibido para a comunidade universitaria, temos que reaccionar áxil e contundentemente. O equipo de goberno, que fai tempo esgotou a súa marxe de credibilidade, ten que eliminar de raíz este proceder e cesar fulminantemente a quen tivese a responsabilidade política desta actuación.

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript