Outubro de 2014
 
 

NÚMERO 244 - 06/10/2014

   CUTUDC / Novidades

  TRATADO DE LIBRE COMERCIO (TTIP)
 

EE.UU. - UE: Axenda Oculta

Dende mediados de 2013, a Unión Europea e os EE.UU. están a negociar o Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP polas súas siglas en inglés) que pretende crear a maior zona de libre comercio do mundo.

 

  • Noticias relacionadas

Non son secretos os principios neoliberais nos que se inspiran os negociadores, pero si todo o que está ligado á cociña das negociacións. É precisamente a falta de información respecto de como se están decidindo acordos absolutamente transcendentais para a marcha do mundo e as condicións de vida das cidadás e cidadáns, de todos e cada un de nós, o que esixe acender tódalas alarmas. Con maior razón cando, malia o secretismo e a confidencialidade aos que se comprometeron os negociadores, sabemos por algunhas filtracións de determinados acordos previos que desactivan os mecanismos que, mal que ben, viñeron facendo con relativo éxito de muro de contención contra os mercados e os especuladores internacionais, facilitándolles así o camiño para o asalto definitivo.
 
Porén, escamotear a información á que a comunidade internacional e a cidadanía dos estados e países democráticos que conformamos a UE teñen dereito, coa finalidade de impedir desa maneira o debate público e o xuízo crítico, non constitúe máis ca a punta do iceberg dese asalto. Tras as filtracións, grazas unha vez máis ao poder de fiscalización que facilitan as novas tecnoloxías da comunicación, a Comisión europea temeu que a contestación fixese abortar o andado, e optou por amolecela mediante unha iniciativa que, permitíndolle aparecer como unha institución de talante aberto e participativo, non pasa na práctica dun ritual enmascarador: unha consulta en liña sobre a protección de investidores e o mecanismo de resolución de disputas entre investidores e Estado, certamente un dos asuntos máis polémicos do Tratado.
 
Por que o dicimos? Porque a consulta resulta practicamente impermeable para o cidadán común, pois que no caso de querer acceder a ela coa intención de pronunciarse ao respecto, verase abocado a todo tipo de dificultades –preguntas técnicas de elevada complexidade, redaccións ambiguas e linguaxes técnicas que impiden a necesaria comprensión da documentación legal e especializada que se lle ofrece–, o que leva a pensar se en lugar de propiciar a participación, o que realmente tenta conseguir a Comisión é botar para atrás a cantos e cantas se propuxeran cívica e democraticamente influír para que todo se faga con luz e taquígrafos, primeiro, e teña deseguido unha plasmación nos acordos finais. Porque, contra o que puidese parecer a primeira vista, a consulta así formulada nada ten a ver coa cidadanía á que en teoría se destina, senón cos que controlan os procesos dos que se valen os poderes establecidos para seguiren tendo a tixola polo mango. A consulta está formulada á medida de tecnócratas, de lobbistas e de expertos.
 
Porén, o que está detrás dese polémico asunto posúe tódalas características dun auténtico tsunami. Non se poden traducir mellor os efectos que producirá o dereito das empresas para reclamar calquera lucro cesante que derive das decisións dos Estado. Este dereito será reclamado ante un tribunal ad hoc cuxas resolucións non serán recorribles, actuando sempre baixo o principio de primacía do dereito internacional e, xa que logo, impoñéndoo ao dereito interno de cada Estado. É este tipo de mecanismos o que lle permitiu a Phillip Morris demandar aos gobernos de Uruguai e Australia polas súas normativas antitabaco.
 
O anterior é simplemente un exemplo dunha lóxica que tende a supeditar o interese público ao dereito privado, e máis especificamente aos intereses das corporacións, de maneira que a promulgación de normativa sanitaria, alimentaria, ambiental, laboral ou de calquera outro tipo estaría sempre subordinada a que non afectase os intereses mercantís. O pasado 24 de xuño, o ministro García-Margallo deixaba moi clara a idea de xustiza subxacente cando declaraba que “o goberno se compromete a atender as preocupacións das multinacionais”, e que estas “teñen dereito a impoñer determinadas condicións para instalarse debido ao seu poder económico”.
 
Claro que a Comisión Europea ten un longo historial de supeditación dos dereitos civís aos mercantís. Abonda con reler algunhas das más polémicas propostas aparecidas na falida constitución europea, como aquela na que se dicía que “os cidadáns europeos terán dereito a buscar un traballo” (sic). Maastricht antes e Lisboa despois adoeceron dese mesmo mal deixando de prestarlle atención a todo o que non fose cederlle espazos ao mercado á custa da sociedade. Neste proceso negociador con representantes dunha e outra beira do Atlántico atrévense ao máximo nesa dirección, porque xa non é que lles entreguen ás empresas o construído cos impostos de todos, é que lles entregan directa e gratuitamente o cadro de mando. Nas negociacións en curso están a discutir en secreto a creación dun Consello de Cooperación Regulatoria, no que as empresas multinacionais terían voz respecto de normas e regulacións europeas e norteamericanas. Unha voz amparada por un tratado internacional e, polo mesmo, superior ás constitucións dos estados.
 
Non se trata só dun ataque á democracia, senón tamén dun ataque ao propio concepto de estado. Durante moitos anos, os pregoeiros neoliberais trataron de convencernos de que o estado-nación era unha reliquia do século pasado que agora resultou anegado polo tsunami da globalización. Non era teoría, era propaganda. O que aparece nos documentos filtrados da negociación EE.UU-UE amosa que están en sancionar algo tan perigoso e obsceno como isto: lonxe da lei natural que impoñería a desaparición dos Estados existiría unha lóxica depredatoria que, mediante o dinamitado da capacidade reguladora, quere reducir os cidadáns a simples operarios-consumidores. O que fai pensar, en definitiva, na destrución controlada dos seus dereitos.
 
Coa crise económica no disparadeiro, pensaron algúns que o capitalismo se tería que refundar –ata un conservador como Sarkozy o dixera a micrófono aberto–, e que as condutas de risco se moderarían para non acabarmos todos no abismo. Pero non. Son eses mesmos os que se empeñan en darlle fol. Como sucede agora cos protagonistas que toman parte nas negociacións transatlánticas e tentan que todo o acordado nolo acaben impoñendo como feitos consumados. Non o podemos consentir. Facéndoo en secreto e sen información, de costas aos intereses da cidadanía en xeral e da europea en particular, carecen de lexitimidade e reverten de maneira salvaxe nos sistemas democráticos as perversións máis destrutivas do capitalismo de sempre.
 
Como queira que o Tratado ten que ser ratificado no seu día polo Parlamento Europeo, nada mellor que tomar conciencia desa nova espada de Damocles que pendura sobre a nosa condición de cidadáns libres, aproveitar as filtracións que rebentan a axenda oculta dos negociadores, e tomar partido a prol da esixencia de transparencia e democratización dos procesos nos que se adoptan decisións que teñen, como é o caso, efectos directos sobre as nosas vidas. Antes de que sexa demasiado tarde.
 
Publicado en Tempos Dixital | Opinión - Editoria| 29.09.2014.
 
Enlaces relacionados:
 
O 'Acordo Transatlántico' en Ártabra 21. | Acceder.
 
Recollido de Ártabra 21

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript