Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 243 - 29/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Juan Torres López
 

De onde vén e que facer coa débeda?

Hai catro falsidades que se utilizan habitualmente para confundir a poboación respecto á débeda e para combater aos movementos e partidos progresistas.

 

  • Noticias relacionadas

 

A primeira é que a débeda se orixina porque a xente normal e corrente viviu por enriba das súas posibilidades, o que produce loxicamente un gran sentimento de culpa e leva a que a xente asuma que hai que pagala sen chiar.
 
A segunda é que a débeda pública se orixina porque se realizan demasiados gastos sociais.
 
A terceira é que os gobernos e os partidos de esquerda en xeral son os partidarios de aumentar sempre a débeda porque non ven perigo ningún niso.
 
A cuarta é a acusación de que os partidos ou movementos progresistas ou de esquerda non pagan a débeda e provocan así problemas económicos moito maiores.
 
Vexámola unha por unha
 
As familias non son responsables da débeda
En 2008, as familias españolas só eran responsables do 20% da débeda total española (pública e privada). Ademais, e segundo o Banco de España, a metade das familias españolas non estaba endebedadas naquel ano. No caso do 40% das familias máis pobres de España, as tres cuartas partes da súa débeda era a relativa á vivenda, e se esta era alta non era polo seu gusto senón polo prezo establecido polos bancos que lle prestaban.
 
Pola contra, o 57% do total da débeda española orixinárono os bancos e as grandes empresas. En todo caso, pois, foron estes que viviron por enriba das súas posibilidades e non a xente normal e corrente a quen se lle pasou a factura.
 
A débeda non está orixinada polos gastos excesivos en benestar
En 2008, a débeda pública só representaba o 19% da débeda total española Ademais, é evidente que a débeda pública non creceu en maior medida cando se foi consolidando o Estado de Benestar en España senón precisamente cando este se debilitou como consecuencia das crises, tal e como vén sucedendo dende 2007. Nese ano, España tiña unha das porcentaxes máis baixas de débeda de toda a Unión Europea (36,3% do PIB, fronte ao 65,2% de Alemaña, ou o 64,2% de Francia ou o 103,3% de Italia).
 
Pola contra, a débeda incrementouse vertixinosamente cando a crise, a falta de actividade e as reformas fiscais favorables aos grupos de renda máis alta e ás grandes empresas e bancos produciu unha gran caída nos ingresos públicos. Ao que hai que engadir a gran cantidade de diñeiro destinado a axudar á banca.
 
E dunha forma moi particular, a débeda increméntase extraordinariamente dende que se estableceu que os bancos centrais non poden financiar os gobernos.
 
Dende entón, os gastos extraordinarios ou a caída nos ingresos que provocan aos gobernos as crises financeiras ou as circunstancias extraordinarias deben ser financiados pola banca privada a tipos de interese de mercado ou mesmo máis altos por culpa dos especuladores.
 
Os datos son claros: se se quitan os gastos financeiros dedicados ao pagamento de intereses, a inmensa maioría dos países que forman parte do euro (entre eles España) rexistran superávit orzamentarios, salvo nalgúns anos excepcionais. Ou dito doutro modo, se os gobernos tivesen sido financiados polos bancos centrais aos mesmos tipos con que tan xenerosamente financian agora aos bancos privados, a débeda pública dos países sería mínima, case insignificante.
 
E aquí aproveito para sinalar outra mentira complementaria dos economistas liberais cando din que, se iso fose así, é dicir, se os bancos centrais financiasen os gobernos, se produciría unha inflación moi perigosa.
 
É outra falsidade porque para que ese financiamento provocase inflación deben darse necesariamente tres condicións: que o diñeiro dos bancos centrais chegue á economía (por iso o que agora dan aos bancos non produce suba de prezos), que cando chegue á economía se dedique ao consumo (e, non como acontece agora en maior medida, a reducir a débeda) e, ademais, que non aumente paralelamente a produción de bens e servizos. Polo tanto, se ao mesmo tempo que os bancos centrais financian os gobernos aumenta de modo proporcional a produción de bens e servizos (que é o que se busca) non hai perigo ningún de inflación. E a débeda pública apenas se existiría salvo que, loxicamente, outras circunstancias estean a provocar crise e axudas extraordinarias aos grupos privilexiados constantemente.
 
Quen incrementa a débeda son os bancos e os gobernos de dereitas
Tamén é falso que sexan os gobernos de esquerdas os que crean máis débeda.
 
Non hai que esquecer nunca que crear débeda e aumentala constantemente é o negocio da banca. Polo tanto son os banqueiros os que máis que ninguén están interesados en que aumente e os que fan todo o posible para que os gobernos tomen medidas que a provoquen (diminuíndo os ingresos da xente ou as empresas que non contan con financiamento propio, promovendo a venda de vivendas en lugar do aluguer, ou simplemente corrompendo aos gobernos e políticos).
 
A historia mostra claramente que as etapas de maior débeda están unidas a fases nas que os bancos estiveron máis desregulados e tiveron máis liberdade para facer negocios e tamén que foron cos gobernos de dereitas (Reagan, Bush, as ditaduras militares... ou agora Rajoy en España) cos que se alcanzaron os niveis máis altos de déficits ou débeda de todos os tempos nos seus respectivos países.
 
Pola contra, os gobernos de esquerdas ou progresistas, case sempre e salvo algunha excepción, tiveron que tragar esa débeda previamente acumulada: ou tiveron que facer mil equilibrios para pagala (como a Venezuela bolivariana, por certo) ou, a pesar de facer quitas ou reestruturacións que beneficiaron tamén aos acredores, tiveron que asumir unha gran parte dela (como recentemente en Ecuador).
 
A débeda é impagable, non é que non se queira pagar
Por último, é falso tamén que os movementos ou partidos progresistas, como Esquerda Unida ou Podemos, digan caprichosamente que non pagarían a débeda se gobernasen. Ogallá puidera ser así e que a débeda desaparecese sen máis dun día para outro!
 
Ao respecto, a min paréceme que hai que ir por partes.
 
En primeiro lugar, os economistas máis sensatos, sexan da cor que sexan e ata os que traballan en organismos como o FMI, saben e mesmo recoñecen publicamente que a débeda que se acumulou no mundo, en Europa ou mesmo (aínda que en menor medida) en España é materialmente impagable (de feito, se se quixese pagar neste momento, non habería medios de pagamento abondo para iso de tanto como creceu. É imposible, por exemplo, que unha boa parte das empresas españolas, como recoñeceu o FMI, xere no futuro beneficios abondo para poder rematar coa súa débeda.
 
Polo tanto, a cuestión non radica en dicir se se quere pagar ou non, senón en ser intelixentes e poñer sobre a mesa solucións que non sigan paralizando a actividade produtiva, afundindo ás economías e xerando máis débeda! Non ten sentido empeñarse en facer fronte a un imposible en algo que non convén a ninguén salvo, claro está, á banca que en 2013 se meteu no peto só na Unión Europea e en concepto de intereses, 365.017 millóns de euros en 2013 e 6,2 billóns de euros dende 1995. O que hai que facer é formular é como saír do bucle infernal no que estamos, por exemplo, a reestruturar unha determinada porcentaxe da débeda para convertela en perpetua a 100 anos. E, por suposto, recorrendo a outras fontes de financiamento menos onerosas que as da banca privada.
 
Outra cousa é, por outro lado, que unha parte importante da débeda fose literalmente ilexítima ou odiosa, é dicir, o resultado de decisións tomadas materialmente en contra das decisións ou desexos da cidadanía. En cuxo caso, os pobos teñen o dereito, despois de que iso se demostre con toda claridade, a repudiala. Estados Unidos, sen ir máis lonxe, quizais sexa o país que en maior número de ocasións ou promoveu ou amparou ou estableceu o exercicio deste dereito.
 
Se mañá nos vén un banco e nos reclama 10.000 euros non lle dicimos de entrada que non o imos pagar. Simplemente citámonos inmediatamente e comprobamos a orixe desa débeda. Se é correcto e lexítimo, non nos quedará máis remedio que pagalo, aínda que a súa orixe non nos compraza en absoluto.
 
Desgraciadamente, os gobernos españois dos últimos anos dilapidaron recursos de todos os españois. Unha clase política corrupta tirou o diñeiro público para enriquecerse (aínda que nin sequera así se pode dicir que esa sexa a causa da nosa débeda total), os bancos pediron prestado centos de miles de millóns para facer negocio financiando a especulación inmobiliaria que agora non poden devolver e fixéronse reformas encamiñadas a permitir que os máis ricos apenas paguen ou que destruíron a nosa capacidade de xerar ingresos. Todo iso provocou unha débeda xigantesca, aumentada pola manipulación nos mercados e pola existencia de institucións europeas que se dedican a salvagardar os intereses duns países e duns grupos sociais e financeiros fronte aos demais.
 
Ante iso non serve facerse ilusións nin ser inxenuos. A traizón dos partidos ata agora gobernantes pagarémola cara e o que cabe facer non é crer que todo é doado e que se lle pode dar a volta á situación en 24 horas. Fará falta moita man esquerda, moita transparencia e democracia para que a xente saiba o que pasou, moita intelixencia para garantir a estabilidade e que a situación non se volva peor do que hoxe está, e fomentar un sentido moi amplo e xeneroso do patriotismo para reunir a unha inmensa maioría social que incorpore a rexeneración de España ao maior número posible de compatriotas. E aínda así, quédanos moito sufrimento por diante porque a estafa e o roubo ao pobo foron xigantescos.
 
Juan Torres López
Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Sevilla e membro de ATTAC

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript