Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 243 - 29/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  STOP DESAFIUZAMENTOS
 

Quixera que no meu país non houbese heroes

Quixera que no meu país non houbese heroes, que ninguén sobresaíse entre a poboación polas súas fazañas ou virtudes, pois todos xa o estariamos a ser e fariamos o que deberiamos ser e facer. Famoso foi, por exemplo, fai ano e medio, un bombeiro que se negou a colaborar no desafiuzamento dunha anciá da Coruña.

 

  • Noticias relacionadas

No fondo, negouse a atentar contra o dereito de todo ser humano a unha vivenda digna, tal como proclaman o artigo 25.1 da Carta Universal da ONU e o artigo 47 da Constitución Española de 1978. Pero se todos os bombeiros galegos, españois e do mundo fixesen o mesmo que ese bombeiro, Roberto Rivas, é dicir, dar preferencia á súa conciencia fronte ás ordes recibidas, non habería máis heroes bombeiros ou de calquera outro tipo, e o meu país funcionaría de marabilla.
 
Segundo a Subdelegación do Goberno, aquel bombeiro alterou a "orde pública" ao negarse a cortar unha cadea que impedía a entrada á vivenda da anciá desafiuzada, polo que se lle impuxo unha multa de 600 euros e se lle levou ao banco dos acusados. Pero se a poboación española se preguntase daquela de que lle serve unha orde que priva dun dos dereitos fundamentais (e obrase en consecuencia), o meu país iría como a seda.
 
Soño con que un día non moi afastado o Corpo de Bombeiros e os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e os funcionarios públicos e toda a cidadanía en xeral antepoñan os dereitos fundamentais ás leis e normativas dirixidas a lesionar tales dereitos, e non reneguen da súa conciencia ética fronte a unhas normativas e unhas leis que benefician primordialmente aos intereses das grandes fortunas e as grandes empresas.
 
Contan as crónicas que, ao chegar o día da vista do xuízo daquel bombeiro da Coruña, se congregaron no Xulgado voceiros, vicevoceiros, concelleiros e personalidades políticas da cidade apoiando o bombeiro sancionado e pugnando quizais tamén por saír nas fotos de portada e nas primeiras noticias dos telexornais nacionais e locais. Non obstante, quedaban lonxe de alí as bágoas, o desespero e os suicidios doutros miles de damnificados por desafiuzamento e das vítimas da xordomuda indiferenza da maquinaria legal e gobernamental.
 
Asistín a vergonzosos xuízos nos que a maquinaria do sistema tritura ata o último óso de vítimas indefensas. Por exemplo, un xuízo por denuncia dun hipercorpulento policía local, presuntamente lesionado (varias semanas de baixa) por un minúsculo inmigrante duns corenta e moitos anos e de apenas cincuenta e poucos quilos, que un mediodía, ao chegar á casa, viu todos os seus aparellos na rúa e a súa casa pechada a cal e canto por cumprimento dun desafiuzamento. Aquel pobre home subsahariano rematou multado e na rúa, coa única compañía dos seus compañeiros de Stop Desafiuzamentos, e a lacerante ausencia duns supostos representantes políticos locais e autonómicos (que minutos antes fixeran declaracións á prensa, fotos incluídas, e se largaran velozmente despois por onde viñeran, en canto desapareceron os medios).
 
Din que Nelson Mandela afirmou que "os verdadeiros líderes deben estar dispostos a sacrificalo todo pola liberdade do seu pobo ", e desa clase de líderes só restan os vestixios históricos dalgunhas persoas que loitaron incondicionalmente polos dereitos da xente no pasado. Por conseguinte, soño igualmente con que no meu país non haxa un só heroe político, porque todos e cada un deles se dedican a loitar denodadamente, día e noite, por salvagardar e fomentar os dereitos e as liberdades fundamentais da xente que lles votou e que lles paga para iso co pouco diñeiro que aínda lles resta.
 
Hoxe, lamentablemente, case todos os dirixentes están medio aletargados ou totalmente adormecidos entre as plácidas engrenaxes do sistema. Non abonda dicirse de esquerdas, hai que encabezar activamente os movementos e as loitas diarias para opoñerse ao desmantelamento dos dereitos e as liberdades que aínda restan á cidadanía. Non abonda apoiar mediante unha nota escrita as protestas e as accións da cidadanía que combate e que sofre, tamén hai que estar e loitar incondicionalmente co pobo a pé de rúa, e non só a pé dalgunha pancarta de relume co fin de que os medios deixen constancia da súa imaxe e do seu nome.
 
Non obstante, sen dúbida quedan heroes no meu país. Entre outros, coñezo tres: Diana, Diego e Xara, cos cales ti tamén podes contactar doadamente no portal de Internet Esto, non é unha escola e, mesmo se queres, mandarlles un abrazo.
 
Antonio Aramayona

 

 

 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript