NÚMERO 241 - 15/09/2014
CUTUDC / Novidades
Para achegármonos á literatura do occidente de Principado convén partir do feito de que se produce nunha área xeográfica administrativamente non galega, onde a lingua autóctona non gozou do mesmo respaldo político, social e cultural que en Galicia e onde a miúdo a progresiva conformación do sistema literario e os movementos pola normalización lingüística e oficialización do galego en xeral tan só afectaron tanxencialmente.
A iso habería que
engadir a existencia en Asturias doutra lingua
autóctona, o asturiano, cunhas variantes dialectais
moi marcadas, tradicionalmente denominadas bables,
onde algunhas veces atopamos encadradas as falas
galegas e os textos que nelas se producen.
O autor galegoasturiano máis coñecido ao longo do
século XX, antes da época autonómica, foi o
primeiro presidente do Seminario de Estudos
Galegos, Armando Cotarelo Valledor, natural da
chamada daquela A Veiga de Ribadeo, polas súas
pezas teatrais, publicadas e representadas na
década dos anos vinte e posteriores, e porque a
Real Academia Galega lle adicou o 17 de maio de
1984. O resto dos escritores, salvo para algún que
outro lector de periódicos mariñaos, pasaron
desapercibidos en Galicia e permaneceron
circunscritos ao ámbito comarcal do oriente de Lugo
e do occidente de Asturias.
A partir de 1963, coa aparición da Historia da
literatura galega contemporánea de Ricardo
Carballo Calero (Galaxia, Vigo), como epígonos do
Rexurdimento, empezamos a ter noticia de tres
“poetas da dereita do Eo”, Antolín S. Mediante,
Conrado Villar Loza e Ramón García González;
ordenados polo historiador segundo o grao de
galeguidade das respectivas obras, un trazo que,
visto con ollos actuais, radicaba en que tiveran o
galego literario como referente ou ben utilizaran a
variante dialectal propia, dúas posturas que teñen
convivido nesta área xeográfica ata os nosos días.
Coa diferencia de que, actualmente, utilizar formas
do galego normativo é considerado como demérito
polos partidarios de construír unha literatura
autónoma xebrada da de Galicia.
Presupoñemos en Carballo unha información limitada
dos devanditos autores, xa que só utiliza como
apoio bibliográfico a Antología de poetas
asturianos de Pedro G. Arias (Instituto de
Estudios Asturianos, 1958), onde os tres figuran
entre os escritores en bable. Deducimos que
descoñecería que García González publicara o
libriño Amarguras d’un viaxe en 1920, que
Villar Loza editara o “pasillo en dialecto tapiego
en un acto y en prosa” Un feixe de tapiegadas
en 1922 (estreado en Tapia en febreiro de 1921)
ou que Mediante, cando xa contaba cunha ampla obra
espallada polos xornais das dúas bandas da ría e a
quen Arias cualificaba como “poeta terruñero, muy
leído por el campesinado de ambas riberas del Eo”,
fora galardoado na Festa da Poesía organizada en
Lugo pola Asociación de Prensa en 1925, baixo o
tema “á mellor poesía en galego”, polo poema “A un
moíño desfeito”,
[…] Moín de rego cativo, / con sede nunca saciada,
que, nas landreadas paredes / inda parece que
gardas
a quentura dos afeutos / que, mentras no gran
mazcabas,
ó teu arrimo prenderon / en muitas sinxelas almas.
[…]
Chama a atención a última ausencia se pensamos que
a composición fora recitada polo secretario do
xurado na velada de entrega de premios, onde
actuaba de mantedor Antón Villar Ponte e onde
figuraban entre os compañeiros premiados Ramón
Otero Pedrayo coa “crónica periodística” “La poesía
gallega” e Antonio Couceiro Freijomil con
“Retranqueiro”, “cantares galegos” dos que publica
unha mostra no número 23 da revista Nós, coa
indicación de que fora premiada no Certame lucense.
No manual citado, polas lóxicas limitacións,
tampouco se fai ningunha referencia aos textos
destes e doutros escritores divulgados por Las
Riberas del Eo, La Comarca, Castropol,
El Agricultor, Brisas del Eo, Ecos
Vegadenses e demais cabeceiras mariñás.
Hoxe sabemos que o Rexurdimento con oriundos de
entre o Navia e o Eo comeza a visualizarse
timidamente a finais do XIX e principios do XX con
autores coma o veigués Antonio Cuervo Fernández, o
boalés Bernardo Acevedo Huelves ou o tapiego Carlos
Pérez Méndez, recollidos por Xosé Miguel Suárez
Fernández en Unde letras falan. Antoloxía da
poesía en galego-asturiano (1891-2006) (Trabe,
Uviéu, 2006). Mais, a medida que pasan os anos,
acaba por producirse un cambio significativo. Este
maniféstase ao longo de 1913 (cincuenta anos
despois dos Cantares gallegos de Rosalía),
especialmente a raíz da publicación de “A Veiga de
Ribadeo” de Mediante, pola transcendencia popular
que tivo este canto á Veiga, de 298 versos, e polos
múltiples recoñecementos ao autor, entre os que
salienta no mundo literario o de Federico Magadán
Vidal, que lle dedica o soneto “Gratitú”,
[…] Cantache ben, poeta, e de por vida,
deuda de gratitú, deuda sagrada,
contigo ten A Veiga contraguida. […]
A presenza de escritos nos xornais continúa nos
anos seguintes e, ás obras obras que xa
mencionamos, poderiamos engadir a comedia El
trato de Francisco F. Arias Campoamor, estreada
nas Figueiras en 1926, ou moitas das poesías de
José Fernández García “Pepe Muestras”, escritas na
fala de Navia.
Durante os anos que preceden á Guerra Civil, unha
serie de manifestacións de carácter cultural van
modificar sensiblemente o mundo literario; de tal
maneira, que dan en marcarse trazos diferenciais
con respecto á mentalidade e aos estilos
decimonónicos que predominaran. Vai resultar
fundamental o labor desenvolvido en torno á
Biblioteca Popular Circulante de Castropol, fundada
xa en 1922, en relación coa popularización da
lectura, o folclore e o teatro, no que tamén se
contempla o de monicreques para nenos.
Deste tempo consérvanse varios orixinais e
traducións ou adaptacións teatrais, así como textos
narrativos publicados no quincenario El Aldeano.
Entre os artífices, como ben sinala Xosé Miguel
Suárez Fernández en El “Teatro Aldeano” da
Biblioteca Popular Circulante de Castripol
(1929-1934) (Ámbitu, Uviéu, 2009), cómpre
citar, entre outros, a Manuel Marinero, Francisco
Marinero, Vicente Loriente, Mª Ramona Penzol,
Claudio Penzol, Ramón Martínez “Xuanín de Xonte” e
Alejandro Sela, ao que pertence este fragmento de
“Os santurrois” (El Aldeano, nº 30,
30-XII-1930):
Duas ou tres casas en cada pueblo son abondas pra
que se xunten os devotos d’os santurrois, que son
muitos. Van os novos de cada casa, y’unha vez
c’outra, os santurrois vellos, pr’acompañalos. Eu
sempre acompaño a os meus fiyos porque, s’ei decir
a verdá, gústanme a min tanto como a elos, y
ademais, gústame acompañar as fiyas, porque n’estos
tempos non se poden deixar solas. ¡Haivos cada
xilitron por ei!
Cun pequeno conxunto dos escritores nacidos durante
a segunda década, entre os que se acha Sela,
seguindo De Pondal a Novoneira (Xerais,
Vigo, 1984) de Xosé Luís Méndez Ferrín,
individualizamos o grupo xeneracional de 1936, como
xa fixemos público en Évos un amaicer guapo.
Aproximación á poesía en lingua galega do
Principado de Asturias (Universidade de Vigo,
2007). Son autores que, ademais de
proporcionárenlle un novo aire á narración, mostran
na poesía a pegada do modernismo e das vangardas.
Do concello de Castropol coñecemos bastante ben a
obra de Alejandro Sela, Francisco Fidalgo
Villaveirán e Amador Fernández Mejeras. A eles
únese Ovidio Martínez Álvarez “Ovidio de Queipo”,
natural de Boal, moi amigo de Amador. Con obra
espallada por diferentes xornais, coinciden os
catro no ribadense Las Riberas del Eo, ás
veces colaborando dous deles no mesmo número.
Alejandro Sela, a quen Suso Fernández Acevedo n’A
herdade que nós temos. Historia e escolma da prosa
en galego do Eo-Navia (Universidade de Vigo,
2008), considera “un dos precursores da tradición
prosística en galego no Eo-Navia”, deixou, asinando
cos pseudónimos “Fulano de tal” e “El tío Pepe”,
unha serie de narracións sobre temas etnográficos e
de costumes. Escribe nunha lingua fiel ao sistema
familiar, na que non deixan de aparecer dobretes en
formas coma non e nun, vellos
e veyos, cando e cuando,
para e pra, pra este e preiste,
etc.
Fronte ao sistema anterior, Mejeras, que salienta
polo uso do soneto, a oitava real e outros metros
clásicos, utiliza sempre o galego común. Poeta
formado no seminario de Mondoñedo, onde coincide
con outros escritores, figura ao lado de Fidalgo
Villaveirán no número fundacional do xornal
Atalaya, que elaboran nas Figueiras
(Castropol). Pola contra, o sistema literario de
Fidalgo é cambiante. En escritos de xuventude, coma
o sainete [As dúas riquezas], fai convivir
formas orientais galegoasturianas (tolluras,
adelante, mía, el...) con
outras de maior uso (diante, miña,
Bonifaciño...). En cambio, a partir de 1950, no
poema e nas narracións que lle coñecemos, acomoda a
escrita aos trazos dialectais do lugar onde ve a
luz o programa de festas que recolle o texto.
Pola súa parte, a musa poética de Queipo, quen
frecuentara en Madrid os ambientes literarios do
Café Gijón, sabe integrar as variantes boalesas
entre as maioritarias, como podemos observar por
esta estrofa de “Bagoas e tristuras” (Las
Riberas del Eo, núm 3384, 27-IV-1940):
Eu qu’a y’alma atormentéin,
con amoriños lexanos
y chorosos:
Diréivos que equivoquéin
¡Experiencia d’os meus anos,
mentirosos...!
ProLingua
Quen somosspan> | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript