Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 241 - 15/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

De inauguracións e recortes

O pasado día 12 realizouse, coa pompa correspondente, a inauguración do curso académico 2014-2015. Estes actos son unha manifestación clasista nos que se fai unha demostración de quen é o eixo da institución universitaria. @s que, aínda pertencendo á comunidade universitaria, non temos toga e birrete estamos relegad@s aos últimos lugares.

 

  • Noticias relacionadas

Os discursos tamén teñen, xa desde hai algún tempo, o seu ritual, o reitor de turno expón a situación da universidade como terminal tanto no eido económico como no da investigación e académico, fai un relatorio das carencias, reclama unha política de bolsas que palíe as dificultades económicas d@s alumn@s diante da carestía das matrículas e da situación socioeconómica, nomeadamente reclama máis financiamento e clama contra a taxa de reposición (tamén é frecuente que, neste caso, poña énfase na do PDI). O presidente da Xunta, ou representante, cando este non se atreve a presentarse (ocorreu a última vez que se realizou na Coruña)  ben sinala os esforzos que o goberno realiza para que as universidades gocen do financiamento que teñen ou aparece cunhas migallas como no caso do día 12 que ofreceu 3,75 millóns de euros para os servizos de apoio á investigación.
 
Nestes actos e nalgunha entrevista a algún medio de comunicación e, como máximo, nalgún esporádico pronunciamento da CRUE son os únicos momentos en que os señores reitores teñen a ben sacar á luz a situación en que se desenvolve o ensino nas universidades públicas da comunidade autónoma de Galicia.
 
Pronunciamentos a prol da universidade pública e todo o que representa xa os fixemos nos Claustros de todas as universidades. Unha vez que se sabe que sacar á luz a situación do ensino superior en actos institucionais, medios de comunicación e incluso charlas de café, non cambia en nada a situación, fai falta subir un chanzo na reivindicación institucional. Parécenos imprescindible, na situación actual da universidade, que as tres universidades públicas galegas, de xeito unitario e institucional, convoquen medidas de forza que fagan tremer o discurso oficial.
 
Caso da Universidade da Coruña
 
O reitor da Universidade da Coruña pasa por ser un dos máis belixerantes contra a política de recortes dos gobernos central e autonómico. Reclama dende todos os medios aos que ten acceso contra o afogamento ao que se somete ao ensino superior e, nomeadamente, á institución que representa.
 
O discurso do sr. reitor da Universidade da Coruña ten unha eiva, que as políticas contra as que clama tamén as aplica. Sufrímolo na nosa pel co recorte na acción social.
 
O seu razoamento para aplicar a tesoira nesta partida é idéntico ao dos gobernos cando recortan o orzamento da súa, nosa, universidade. Este discurso tamén ten os seus buratos, na reunión Universidade-Sindicatos e Agrupación Electoral (29/07/2014) para tratar da devolución da parte devengada e non pagada da extra de decembro de 2012 sinalouse que a débeda total ascendía a 1.010.794,43€, a representación da universidade indicou que podía facer fronte, este ano, a un terzo desa cantidade. A pregunta que transcende é, se en xullo se nos dixo que se pode proceder ao aboamento de 336.931,477€  este ano, porque se nos enganou cando se nos impuxo o recorte en base a que se chegaba ao máximo que se podía chegar na partida de acción social?
 
Nunha das entrevistas máis recentes que lle realizaron ao reitor, podíase ler que “Temos que ser perseverantes para convencermos aos gobernantes de que muden estas políticas de recortes e repago”. Tomámoslle a palabra, imos ser perseverantes contra os recortes e repagos que nos impoñen dende os gobernos central, autonómico e el mesmo. Que non lle estrañe, polo tanto, que nos vexamos na obriga de deslucirlle outro acto institucional, aínda que a el, ao secretario xeral e vicerreitor@s lles pareza mal.
 

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript