Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 241 - 15/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Ignacio Escolar
 

Así se adxudicou a nova praza de touros de Burgos a un condenado por corrupción

A construtora que gañou o concurso para reformar a praza de touros de Burgos non fixo a oferta máis barata. Nin a segunda oferta máis barata. Nin tampouco a terceira. A UTE formada por Inmobiliaria Río Vea e Sacyr que gañou o contrato co Concello, gobernado polo PP, era unha das máis caras das seis que se presentaban ao concurso.

 

  • Noticias relacionadas

Vai custar aos burgaleses cinco millóns e medio de euros: 800.000 euros máis que a oferta máis económica. Un dos arquitectos municipais que avaliou as ofertas non vía diferenzas entre as melloras propostas polas seis construtoras, pero a obra levarase unha das máis caras. Que pasou para que Río Vea e Sacyr gañasen este substancioso contrato?
 
O misterio enténdese mellor cando se sabe quen é o dono da Inmobiliaria Río Vea. Trátase de Antonio Miguel Méndez Pozo, o empresario polo que todo pasa en Burgos dende hai máis de tres décadas. É o presidente da Cámara de Comercio, da Fundación Atapuerca e da Fundación Silos. É o dono do xornal máis importante da provincia, o Diario de Burgos, da emisora local de Onda Cero, da televisión local La 8 e da televisión autonómica de Castilla y León, que comparte con José Luis Ulibarri, imputado na Gürtel e propietario do outro xornal da ciduad, El Correo de Burgos. É o empresario máis beneficiado polas adxudicacións públicas na cidade -dende o hospital privatizado ata o polémico bulevar de Gamonal-. É o home máis poderoso de Burgos, a pesar de que foi condenado nos noventa a sete anos de cárcere nun soado caso de corrupción urbanística. Pasou só nove meses entre reixas.
 
A adxudicación da nova praza de touros de Burgos é un bo exemplo de como funcionan os concursos públicos en España, onde criterios completamente subxectivos son os que priman para decidir quen se leva o contrato. No caso da rehabilitación da praza de touros de Burgos, o concurso establecía tres criterios: o prezo, as melloras sobre o proxecto orixinal e a proposta técnica. A puntuación máxima do concurso era de 100 puntos, dos que 65 dependían do prezo, 22 das melloras e 13 da proposta técnica. A simple vista, vendo estes números, o prezo parecía o criterio determinante. Nada máis lonxe do que realmente aconteceu.
 
Ao concurso da praza de touros presentáronse seis construtoras: FCC, Construtora San José, Dragados, Acciona e dúas UTE (unión temporal de empresas), a de Sacyr con Río Vea e a de Ferrovial con outra construtora local, Aroasa Uno, do grupo Arranz Acinas, unha familia que é á súa vez socia de Méndez Pozo noutros moitos proxectos e que tamén estaba na polémica adxudicación de Gamonal.
 
Os prezos aos que cada unha destas construtoras se comprometían a realizar a obra eran os seguintes:
 
A oferta máis barata era a de FCC, pero foi eliminada pola mesa de contratación do Concello de Burgos por considerar que o seu prezo era excesivamente baixo, unha baixa temeraria. Segundo a lei, cae nunha baixa temeraria cando se ofrece unha rebaixa superior ao 10% da media aritmética de todas as demais ofertas do concurso. Non obstante, a lei cambiou hai uns anos e hoxe pódense aceptar esas ofertas se a mesa de contratación considera que a empresa que dá ese prezo é solvente e xustifica o motivo. No caso de FCC, argumentou que podían rebaixar o prezo se contrataban un provedor distinto ao que recomendaba o Concello de Burgos para realizar a cuberta da praza de touros. Pero, a pesar de que o prezo que ofrecía FCC era só un 10,67% inferior á media, quedou fóra por unha desviación de 0,67 puntos porcentuais. A ollos do Concello de Burgos, a construtora FCC -unha das maiores multinacionais españolas, que cotiza no Ibex 35- non era o bastante solvente para afrontar esta obra.
 
De non ser excluída por baixa temeraria, FCC conseguiría 9,639 puntos máis que a inmobiliaria de Méndez Pozo e gañaría o concurso folgadamente.
 
Eliminada FCC, a construtora de Méndez Pozo seguía por detrás doutras dúas, que ofreceran prezos máis baratos: Construtora San José e a UTE entre Ferrovial e Aroasa. E o seguinte criterio para decidir o concurso, as melloras, mantiveron esta vantaxe.
 
O Concello de Burgos encargou o informe sobre as melloras a un arquitecto técnico, funcionario de carreira de longa experiencia. O arquitecto deu a máxima puntuación ás seis ofertas, 22 puntos, por considerar que as seis cumprían con todos os requisitos.
 
Así que só quedaba o terceiro criterio para dar a volta ao concurso e así aconteceu. O informe sobre a proposta técnica avaliaba aspectos como a preparación da obra ou a organización. En teoría era a cuestión de menor importancia entre os tres criterios do concurso: só afectaba a 13 puntos sobre 100. Non obstante, este informe -elaborado por outra arquitecta municipal interina- foi determinante. Outorgou 12 puntos dos 13 posibles a Sacyr-Río Vena, mentres que as construtoras rivais que deran prezos máis baratos tiveron moita menos sorte. Construtora San José conseguiu só 7 puntos de 13, mentres que Ferrovial-Aroasa levou 10.
 
Este foi o resultado final do concurso. Unha vez máis, en Burgos gañou Méndez Pozo.
 
Fontes do sector aseguran a eldiario.es que o Concello de Burgos "recomendou" extraoficialmente ás grandes construtoras que optaban ao concurso que se aliasen con socios locais, con empresas máis pequenas da zona. Casualmente, as dúas ofertas que contaban con aliados da cidade -as dúas UTE nas que participaban Méndez Pozo e Arranz Acinas- conseguiron as puntuacións máis altas, malia que os seus prezos non foron os máis baratos. Foi o último informe técnico, un xuízo de valor subxectivo, quen decidiu o gañador.
 
Unha obra innecesaria
Dende a oposición municipal, consideran que a adxudicación deste concurso foi un "apaño" para unha obra que, ademais, a cidade non necesita. A débeda de Burgos supera os 400 millóns de euros e a praza de touros usarase apenas unha semana ao ano. "Abondaría cunha obra duns dous millóns de euros para manter a actual praza", asegura a eldiario.es Antonio Fernández Santos, concelleiro do PSOE.
 
O Concello argumenta que a nova praza de touros se poderá usar tamén para eventos deportivos. Non obstante, fará falta unha segunda fase da obra para que tal cousa suceda porque o actual proxecto non inclúe nin vestiarios, nin calefacción, nin refrixeración & hellip; nin sequera hai unha pista deportiva. Será necesaria unha nova adxudicación, que custará polo menos outros dous millóns de euros, para que o baloncesto poida chegar á reformada praza de touros. Ademais, o equipo local, o Club Baloncesto Tizona, xa conta cun pavillón deportivo que moi rara vez se enche e que se podería ampliar cun custo bastante inferior.
 
Para os taurinos, a reforma tamén é un fracaso porque a cuberta non será retractil, polo que a nova praza de touros será un recinto permanente pechado. Ao igual que sucedeu co bulevar de Gamonal, os supostos beneficiados por este investimento están en contra.
 
A Asemblea de Gamonal e outras organizacións da cidade decidiron mobilizarse contra esta nova obra millonaria do alcalde Javier Lacalle. O lema das protestas, que arrancarán este venres ás 12:00 na praza maior da cidade, é tan simple como directo: Manda Méndez.

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript