Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 241 - 15/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  CRISE-ESTAFA
 

Catro de cada dez familias españolas, con dificultades para chegar a fin de mes

O 40% das familias españolas con fillos tiveron dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes no 2013, segundo un informe que recolle datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), de Eurostat, a Comisión Europea (CE) e outras organizacións.

 

  • Noticias relacionadas

O estudo revela que entre os fogares con fillos, as familias monoparentais e as numerosas son as que teñen máis altos índices de risco de pobreza. Concretamente, en 2013 case a metade dos fogares monoparentais e un 40% das familias numerosas estaban en risco de pobreza, fronte ao 26,4% das familias formadas por dous adultos e dous fillos. Ademais, das cifras despréndese que ter máis de dous fillos en España aumenta o risco de pobreza nun 50%.
 
Segundo indica o informe, en España o risco de pobreza infantil é do 29,9%, taxa que supera a porcentaxe de poboación entre 18 e 64 anos en risco de pobreza (21,9%) e o de maiores de 65 anos nesta situación (14,8%). Concretamente, o informe sinala que as nenas, nenos e adolescentes españois son actualmente "o colectivo máis vulnerable ao risco de pobreza e exclusión social".
 
Por comunidades autónomas, o informe apunta que Andalucía, Cataluña, Comunidade Valenciana e Comunidade de Madrid reúnen 1,5 millóns dos 2,5 millóns de nenos españois que están en risco de pobreza. Así, de cada 100 nenos en risco de pobreza, 25 encóntranse en Andalucía, 15 en Cataluña, 10 en Valencia e 10 máis en Madrid.
 
Para os autores do informe, a pobreza infantil "non" é só un problema social senón fundamentalmente unha vulneración de dereitos que os Estados teñen a obriga de remediar". Non obstante, apuntan que se produciu "unha vulneración progresiva dos dereitos da infancia a partir de 2007".
 
O estudo apunta como outro factor clave da pobreza e o benestar infantil a situación laboral dos pais e recorda que a destrución de tres millóns de postos de traballo e o aumento da precariedade laboral provocaron que se tripliquen dende 2007 os fogares con nenos onde ningún dos coidadores traballa, chegando a 943.000 en 2013.
 
Por outro lado, respecto ás transferencias sociais á infancia e á familia, o estudo apunta que "gran parte dos analistas sociais considéranas insuficientes en diversos ámbitos". Concretamente, indican que o investimento do goberno en programas destinados a este colectivo é significativamente baixo (5,4% do gasto social) en comparación coa media europea, que se sitúa no 8%.
 
EP

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript