Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 240 - 08/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES
 

Wert decretará dous anos de pago para licenciarse na universidade pública

O ministro de Educación, Cultura e Deportes, José Ignacio Wert, non renuncia a pasar á historia como o ultraliberal que implantou o pagamento das licenciaturas nas universidades públicas do Reino de España e abriu a vía das hipotecas ou créditos bancarios para poder estudar.

 

  • Noticias relacionadas

Esa é a previsión do real decreto que prepara o seu departamento co fin de ampliar a dous anos os másters de pagamento para obter a licenciatura en todos os títulos universitarios.
 
Na reunión que mantivo a finais de xullo cos responsables autonómicos de ensino universitario e despois cos reitores, Wert xa lles dixo que modificará por decreto a estrutura de todas as carreiras universitarias para completar o proceso de Boloña. A principal modificación substancial consiste en reducir a tres anos os estudos para obter os títulos de grao. Agora son catro anos ou 240 créditos lectivos. A redución dos graos a 180 créditos ou tres cursos, complementarase coa ampliación a dous anos dos másters de pagamento para obter a licenciatura, que agora son dun ano.
 
Despois duns recortes orzamentarios e un incremento das taxas de matrículas que expulsaron das universidades públicas a uns 45.000 estudantes nos dous últimos anos, segundo datos oficiais, os novos axustes preséntanse en forma de barreira económica para os fillos dos traballadores e da clase media. O custo dos másters na Universidade Complutense de Madrid, a primeira en número de alumnos, oscila entre 4.000 e 7.000 euros anuais. Se ata agora tiñan que pagar un máster dun ano, a partir da entrada en vigor do novo decreto, no curso 2015-2016, terán que afrontar o pagamento de dous anos para poder licenciarse.
 
Varios profesores universitarios consultados coinciden en que se a carga docente actual xa é escasa para formar axeitadamente a un futuro avogado, xornalista, biólogo, enxeñeiro ou mestre, a redución dos títulos de grao a tres anos restaralles solvencia e capacitación profesional. Pero ao titular de Educación esa observación xeral impórtalle menos que a concepción mercantilista da educación. "Queremos ser como Reino Unido, non como Malta", din que dixo na última reunión cos reitores.
 
De momento, o proxecto de implantar dous anos de pagamento nunha carreira de cinco nas universidades públicas foi rexeitado de plano polos gobernos autonómicos do País Vasco e de Asturias. Se as autoridades educativas vascas consideran pouco fundada e fundamentada esa reforma, as asturianas engaden que non se debe aplicar cando nin sequera se coñecen os resultados dos novos plans de estudo de grao.
 
Wert pediu aos reitores que lle envíen os seus argumentos antes de que remate setembro. Os dalgunhas universidades privadas xa se escoraron a favor da modificación. Os das universidades públicas que, de momento, son maioría abafadora, informaron ás distintas facultades e están en fase de consulta. A asfixia económica que padecen leva algún a aceptar a vía do pagamento como unha posible saída, se ben son conscientes de que a maioría dos alumnos de familias humildes abandonarán os estudos ao obter o título de grao.
 
Á parte da considerable redución de estudantes universitarios que, de feito, xa se está a producir nas licenciaturas -apenas o 10% dos estudantes das carreiras de letras opta por licenciarse e pagar o máster dun ano-, a inquietude fundiu nos claustros porque a redución da carga docente obrigatoria supoñerá un novo axuste de persoais que, en termos xerais, afectará a un de cada catro profesores.
 
A maior parte das universidades regularon os másters para que sexan rendibles, de modo que se non logran un determinado número de alumnos nunha materia, sinxelamente se deixa en suspenso, non se imparte ou se elimina do programa. Esta experiencia viviuse con especial tensión en case todas as facultades universitarias nos tres últimos anos, con rescisións masivas de contratos e supresión de departamentos. Segundo as informacións solicitadas polo cronista de fontes directas e en varios medios de comunicación de ámbito autonómico, a opinión da maioría dos claustros de profesores é contraria á nova reforma por razóns académicas, económicas e laborais.
 
En cambio, outro dos aspectos contido nas modificacións que proxecta Wert antes de abandonar o Ministerio, cal é a inclusión dos coñecementos profesionais entre os méritos académicos e investigadores para obter a certificación como profesores universitarios, apenas suscitou oposición ou receos corporativos.
 
Cuartopoder

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript