Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 240 - 08/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  SAÍMOS REALMENTE DA CRISE?
 

Descubre os malabarismos de Rajoy para evitar o castigo dos seus electores

Segundo escribe Diosdado Toledano no dixital "Rebelion" nun artigo titulado "EPA, "minijobs" á española, e semana laboral de 30 horas", a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do 2º trimestre de 2014 indicou unha redución do paro de 310.400 persoas en relación ao trimestre anterior deixando a cifra de paro en 5.622.900, e unha taxa do 24.47%.

 

  • Noticias relacionadas

Segundo Toledano, este dato foi utilizado polo goberno de Mariano Rajoy, xunto ao lixeiro crecemento do 0,4% do PIB do primeiro trimestre do ano, para xustificar as súas políticas de recortes e as "reformas estruturais" aplicadas, en particular a reforma laboral. De igual forma goberno de Artur Mas intentou rendibilizar o resultado desta enquisa.
 
Non obstante, unha lectura máis atenta da EPA móstranos outros datos preocupantes que rebaixan o interesado optimismo do goberno en relación á evolución do desemprego. Os fluxos de entrada e saída á ocupación neste trimestre, aínda que mellores que en trimestre anterior continúan sendo moi elevados: 1.349.800 novos ocupados por 995.400 novos desempregados, o que indica a gran precariedade do mercado laboral e a rotación de emprego existente. En efecto, seguen aumentando os contratos a tempo parcial ata o 16,39% do mercado de traballo e tamén aumenta a taxa de temporalidade en 82 centésimas ata o 23,95%.
 
O TRUCO DO TRABALLO PRECARIO
 
No seu artigo, Diosdado Toledano pon ao descuberto que os contratos a tempo parcial corrixen á baixa a valoración real en horas traballadas do emprego existente, se ben a Contabilidade Nacional indica que se crearon 127.000 postos de traballo a tempo completo durante o último ano, tamén recoñece que durante o mesmo período descendeu o número de horas traballadas en 28,5 millóns (un 0,4% no segundo semestre respecto do mesmo período en 2013).
 
Por outra parte, a lixeira mellora do emprego distribuído entre todos os grupos de idade ten a súa excepción nas persoas maiores de 55 anos sen emprego que son condenados á exclusión social.
 
Os datos sobre os movementos migratorios,- prosegue Toledano - que permitirían avaliar de modo máis realista a evolución do mercado de traballo non aparecen na presentación da EPA. Segundo datos oficiais do INE en 2013 marcharon ao estranxeiro 547.890 persoas, das que 79.306 eran de nacionalidade española. Tendencia emigratoria que se consolida en 2014. Outros estudos indican que o número de mozos españois que emigraron dende 2008 achégase ao millón.
 
AS NEGRAS PERSPECTIVAS ECONÓMICAS EUROPEAS
 
Toledano cre contrariamente á opinión mantida polo presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, que a situación económica da UE non permite lanzar as "campás ao voo" sobre a saída de España da crise. A recesión en Italia, o estancamento da economía francesa, e a contracción do 0,2% da economía alemá neste trimestre, así como a persistencia nas políticas de axuste e austeridade, xunto aos crecentes temores á deflación, a forte apreciación do euro respecto do dólar, e as repercusións negativas sobre a economía europea derivados do conflito en Ucraína e a espiral de sancións impulsadas por EUA, máis ben anuncian o perigo dunha nova e fatal recaída da economía.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript