Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 240 - 08/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Ignacio Escolar
 

Cousas que pasan en verán para que non se decate ninguén

Un repaso a tres noticias que deberías coñecer se estiveches de vacacións, eses acontecementos escondidos con estivalidade e aleivosía.

 

  • Noticias relacionadas

1. Máis diñeiro ás agachadas para comprar armas
 
É tradición: cada verán, dende que o PP goberna, Mariano Rajoy aproveita o último Consello de Ministros antes das vacacións para aprobar por decreto, ás agachadas e sen debate parlamentario, unha inmensa inxección de diñeiro público para o Exército; para pagar os fabricantes de armas. En 2012, foron 1.782 millóns de euros. En 2013, outros 877 millóns. E este agosto foron 833 millóns de euros.
 
Algo extraordinario é, por definición, un suceso inusual. Pero un crédito que se repite cada verán non pode ser "extraordinario". Por que utiliza Rajoy este procedemento para financiar o Ministerio de Defensa? Doado: porque hai que pagar os tanques, avións e demais aparatiños bélicos que encargou o Goberno de José María Aznar nos gloriosos anos da guerra da illa do Perexil e outras grandes fazañas bélicas. E porque, se apuntase o custo real do Ministerio de Defensa nos Presupostos Xerais do Estado, quedaría claro cales son as prioridades deste Goberno. En setembro de 2013, Montoro presumiu de recortar un 3,2% o Ministerio de Defensa nos "Presupostos máis sociais da historia de España". E agora, de tapadillo, engadiron o 15%.
 
833 millóns de euros, por comparar, é 49 veces máis que o que gastou este verán o Goberno no seu cacarexado plan contra a pobreza infantil, que custou 17 millóns.
 
2. O Concello de Burgos adxudica a un condenado por corrupción a súa nova grande obra
 
Acórdanse de Gamonal? E de Michel Méndez Pozo? O construtor condenado por corrupción urbanística que estaba no negociado do polémico bulevar da cidade, o mesmo que é dono do xornal local, o que se levou o gran negocio do Hospital de Burgos privatizado e cuxo fillo presumía de pagar viaxes aos concelleiros, o home máis poderoso da cidade dende hai xa tres décadas... volveu a gañar outro gran concurso público aprobado polo PP.
 
En Burgos, ao parecer, é prioritaria a construción dunha nova praza de touros. E urxente. Tanto que o Concello decidiu sacar adiante a adxudicación en pleno mes de agosto.
 
Méndez Pozo foi condenado a 7 anos de cárcere por corrupción urbanística -só cumpriu 9 meses-. E moitas das súas obras públicas na cidade, como o caro Hospital de Burgos, acumularon atrasos e avultados aumentos de presuposto. A pesar destes antecedentes, Méndez Pozo segue gañando os concursos públicos na cidade onde nunca cambia nada.
 
3. O superdecreto que modifica unha trintena de leis dun plumazo
 
Sen debate parlamentario. Sen aceptar emendas. Sen escoitar á oposición e en pleno verán. O superdecreto ómnibus "para o crecemento da competitividade e a eficiencia" (tachín, tachín) foi aprobado ás bravas en metade de agosto, aproveitando que moi poucos miraban. Este paquete de grandes éxitos inclúe entre outras cousas a privatización parcial de Aena, a cesión do Rexistro Civil aos rexistradores da propiedade, varias rebaixas fiscais ou un aumento dos horarios comerciais.
 
Dunha tacada, o Goberno cambiou unha trintena de leis que afectan a nove ministerios distintos. Ao parecer, non tiveron tempo en todo o ano. Quen dixo que en agosto non se traballa!

 

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript