Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 240 - 08/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  FACUA
 

O Goberno deu liberdade ás eléctricas para aplicar subidas tarifarias descomunais

FACUA-Consumidores en Acción realizou unha análise sobre a evolución das tarifas eléctricas que pon de manifesto que o cambio regulatorio que se produciu este ano non só non vai provocar baixadas tarifarias, senón que dá liberdade total ao sector para aplicar subidas descomunais mediante prácticas oligopolísticas imposibles de evitar co novo modelo imposto polo Goberno.

 

  • Noticias relacionadas

Coa tarifa media do mes de agosto, o usuario medio xa paga un 1,4% máis que no mesmo mes do ano pasado. Así,  coas tarifas aplicadas do 1 ao 31 de agosto, un consumo mensual de 366 kWh cunha potencia contratada de 4,4 kW supón un recibo de 75,87 euros (co 27,19% de IVE e imposto sobre a electricidade incluídos). Os usuarios con menor nivel de consumo experimentaron unha subida maior, dado o enorme incremento que aprobou o Goberno para a tarifa fixa pola potencia contratada. Así, un usuario cunha potencia de 4,4 kW e un consumo de 250 kWh paga coas tarifas de agosto un 3,0% máis que coas do mesmo mes de 2013.
 
As baixadas que se produciron meses atrás chegaron ao seu fin e o mercado de futuros pon de manifesto que os usuarios están condenados a pagar cantidades cada vez máis elevadas polo seu consumo eléctrico, dado que o Goberno se nega a aprobar un sistema no que as tarifas se establezan sobre a base dos custos reais da xeración enerxética.
 
Coas tarifas vixentes en xaneiro, o usuario medio pagaba 67,62 euros (un 16,0% menos que en xaneiro de 2013), 66,33 en febreiro e marzo (17,6% menos que nos mesmos meses do ano anterior), 63,98 en abril (14,4% menos que un ano atrás), 71,46 en maio (4,4% menos), 75,31 en xuño (0,7% máis que en xuño de 2013), 73,88 en xullo (2,4% menos) e 75,87 en agosto (un 1,4% máis que os 15,90 céntimos vixentes en agosto do ano pasado). Os importes indicados para as facturas do usuario medio nos tres primeiros meses do ano inclúen o desconto aplicado con posterioridade ás tarifas que se aprobaron de forma provisional.
 
Nos oito primeiros meses do ano, o prezo medio mensual por cada kWh consumido foi de 13,93 céntimos en xaneiro, 12,76 en febreiro, 12,76 en marzo (trala refacturación que se produciu ao descontar 3,03 céntimos a cada kWh consumido durante o primeiro trimestre),12,12 en abril, 14,17 en mayo, 15,22 en xuño, 14,83 en xullo e 15,37 en agosto .
 
En canto ás tarifas fixas por cada kW de potencia contratada, en xaneiro estaba en 3,78 euros, o prezo vixente desde agosto de 2013, cando o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo aprobou unha subida do 62,8% con respecto aos 2,32 euros establecidos desde abril de 2012. En febreiro, o Goberno volveu subir a tarifa outro 17,9%, situándoa en 4,46 euros por kW. O incremento acumulado do prezo do kW en pouco máis dun ano foi do 92,2%.
 
O pasado abril, FACUA denunciou ao Goberno de España ante a Comisión Europea ao considerar que a nova fórmula para fixar as tarifas eléctricas (o denominado Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor que substitúe á Tarifa de Último Recurso) vulnera as directivas comunitarias sobre electricidade, dereitos dos consumidores e cláusulas abusivas. A asociación espera que Bruxelas interveña expedientando a España e se produza a paralización do caótico modelo tarifario imposto polo Goberno.
 
FACUA advirte de que o establecemento de tarifas diferentes en función do tipo de contador e da súa integración nun sistema de telexestión que nin sequera se atopa aínda validado xera unha clara discriminación entre os consumidores, aos que se lles aplican condicións diferentes. A iso súmase a falta de transparencia sobre os prezos, que non son comunicados aos usuarios antes da súa aplicación e resultan dificilmente entendibles para a gran maioría.
 
Doutra banda, FACUA sinala na súa denuncia que a forma de cálculo do prezo da electricidade aprobada polo Goberno de España vulnera elementos de carácter básico en materia de protección dos consumidores na UE, xa que as tarifas varían de forma substancial sen que as comercializadoras lles remítan información respecto diso con anterioridade.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript