05/04/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Se nos datos do último censo se asegura que
o 20% das rapazas e dos rapaces de entre 15 e 19
anos son analfabetos funcionais en galego, como se
pode corrixir ese problema reducindo máis a
presenza do idioma propio?
Se un neno ou unha nena nunha cidade non
ten contacto escolar co galego en toda a educación infantil,
como pode ter a preparación en primeiro de primaria para
recibir o 50% do ensino en galego?
Tantas carestías teñen os macromercados
editoriais en inglés e en español como para que a partir de
agora vaian recibir axudas públicas da administración
galega, segundo sinala o artigo 13.2 do anteproxecto do
decretazo?
Xa que hai moitísimo material pedagóxico en español e
inglés e hai tantos aspectos aínda non cubertos
en galego, por que se reducirán as axudas á
edición de material no idioma propio do país?
Cales son os criterios de “tradición” que, segundo
asegurou o conselleiro de Educación, fan
recomendábel que non se impartan en galego as
materias de física e química, matemáticas e
tecnoloxía?
Expedientarase ao profesorado que imparta estas
disciplinas no idioma propio do país, ese que o
artigo 5 do Estatuto sinala que os poderes
públicos deben promocionar e que a Lei de
normalización lingüística estabelece que se
debe introducir progresivamente no ensino?
Por que o galego vai ser o único idioma con algún rango de
oficialidade en todo o Estado español que será
excluído legalmente da docencia dalgunhas
materias?
Por que Galiza será a única comunidade do Estado español
con lingua propia diferente do castelán que non
vai nin permitir legalmente ningún proxecto de
inmersión no idioma propio?
Por que tamén Galiza vai ser a única comunidade do Estado
español na que se posibilitará que os nenos e
as nenas non escoiten o idioma propio até
faceren os seis anos, salvo en contextos
infraacadémicos e extraescolares?
É verdade que todo este proxecto do decretazo responde a
un plan elaborado na sede madrileña do PP e que
por iso non lles importa a opinión contraria de
sindicatos, asociacións de nais e pais,
institucións culturais e organizacións
estudantís?
Alguén coñece algún goberno democrático, en calquera lugar
do mundo, que leve a cabo unha reforma
educativa tendo tal nivel de rexeitamento?
Para que se finxe un diálogo co sector e se piden informes
á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura
Galega, se ningunha destas opinións foi nin tan
sequera valorada con seriedade?
Por que a Xunta e os seus altofalantes repiten que “a
partir de agora os pais van poder escoller a
lingua da docencia” se iso, ademais de
antipedagóxico, non é o que di o decretazo?
Que fará o Goberno galego cando o Consello de Europa
sinale que este decretazo vulnera, punto por
punto, un tratado internacional de obrigado
cumprimento polo Estado español como é a Carta
Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias?
Que acontecerá o curso vindeiro se o Goberno de Núñez
Feijóo continúa con esta imposición unilateral?
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript