Abril de 2010
 
 

05/04/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Galicia rexistrou 8.333 procedementos xudiciais de violencia de xénero en 2009

 

 

Galicia rexistrou 8.333 procedementos xudiciais de violencia de xénero en 2009, case un 20 por cento máis que en 2008. Así asegurouno en Santiago o fiscal superior da comunidade, Carlos Varela, tras manter unha reunión de coordinación nesta materia con representantes dos diferentes organismos competentes. Estes datos foron extraídos da memoria anual da Fiscalía, que neste momento está en proceso de elaboración e está previsto que se termine nun prazo aproximado dun mes..

 

 

 

Por provincias, o fiscal destacou o incremento "importante" que se produciu nas provincias da Coruña e Pontevedra. Na primeira, rexistráronse 3.446 destes delitos, un 15,78% máis que en 2008; mentres que na segunda foron 3.594, un 29,68 por cento máis. En Lugo produciuse un incremento de case o 18 por cento, con 822 procedementos. En cambio, Ourense foi a única provincia galega en que descenderon, concretamente un 6,76 por cento, con 470 procedementos.

Así mesmo, en 2009 producíronse 1.072 delitos asociados a sentenzas ditadas de violencia de xénero. Arredor dunha terceira parte destes delitos canalizáronse mediante xuízo rápido. No referente ás ordes de protección, foron solicitadas 2.118, case un 4 por cento menos que en 2008, aínda que finalmente se adoptaron 1.537, mediante medidas civís e penais.


Estudo integral

Doutra banda, o fiscal informou das dificultades que lle transmitiron desde os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado, cuxa principal queixa se refire aos recursos "insuficientes" cos que contan para tratar este problema, polo que piden un "aproveitamento máis eficiente" destes medios.

Para intentar paliar estas dificultades, o fiscal apostou pola elaboración dun estudo integral sobre a violencia de xénero en Galicia, para saber como se manifesta esta, en que forma e tipos. Trataríase dunha radiografía "o máis exacta posible" das súas características, como os lugares en que se produce, causas, reaccións das vítimas, parentesco entre maltratador e vítima, perfís do maltratador, dinámicas socioculturais...

O que se pretende é establecer "estratexias de combate máis eficaces", segundo subliñou Carlos Varela, e identificar os "perfís de risco" de reincidencia dos agresores, para así poder "reconducir" os medios policiais cara ás situacións máis perigosas.

A xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller, Laura Rodríguez Manso, dependente da Delegación do Goberno, comprometeuse a "estudar" a proposta, e a trasladarlla ao Ministerio de Igualdade.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Marta González, cualificou esta reunión de "enormemente frutífera e produtiva" e asegurou que a colaboración entre os organismos competentes estaba sendo "leal e enormemente eficaz", co obxectivo de lograr unha "mellor prevención e atención ás vítimas".


Violencia de xénero en Galicia

Segundo indican as estatísticas, Galicia ocupa o sexto posto na listaxe de autonomías con maior número de casos mortais, por debaixo de Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana, entre outras. Deste xeito, na comunidade rexistráronse tres casos mortais que se axusten a estas características.

No que fai ás medidas de apoio ás vítimas, o servizo de teleasistencia móbil contabilizou o pasado ano 466 usuarias en Galicia, fronte ás 13.696 do conxunto estatal. O dispositivo GPS para maltratadores condenados, pulseira identificativa, tivo tres casos rexistrados a novembro de 2009, todos eles en Pontevedra.

Así mesmo, e continuando cos servizos de atención a vítimas, 128 mulleres e 114 menores estiveron nas casas de acollida existentes en Galicia, que presentan un grao de ocupación moi desigual que lideran Ourense e A Coruña. Destaca o centro de urxencia de Vigo, en que ingresaron 43 mulleres, na súa maioría entre 20 e 45 anos, e 39 menores.

Os servizos de atención telefónica para ofrecer información e asistencia a posibles vítimas foron usados desde Galicia durante o pasado ano en 7.070 ocasións no caso do 016 estatal e en 4.030 ocasións no do teléfono 900 habilitado pola Xunta. O 77 por cento das consultas procedían do ámbito urbano, fronte a un 13% do rural e un 10% sen identificar.







 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript