Abril de 2010
 
 

05/04/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Peche de filas dos grupos do Concello de Santiago coa USC

 

 

Os tres grupos do Concello compostelán únense nunha declaración contra o pacto da docencia clínica e "calquera iniciativa orientada á división ou segregación" de Medicina

 

 

O mes pasado foron os alumnos, fai algúns días os seis candidatos a reitor e a semana pasada tocoulle á corporación municipal. Socialistas, nacionalistas e populares puxéronse de acordo para manifestar cunha única voz a súa oposición a "calquera iniciativa orientada á división ou segregación da titulación de Medicina". Fixérono nunha declaración institucional que responde "ás dúbidas e interpretacións" xurdidas polo acordo asinado o 26 de febreiro entre os reitores das tres universidades galegas e a Xunta e que "aconsellan pechar filas por parte de toda a cidade coa USC", subliña.

O pacto que levanta as suspicacias refírese á docencia clínica nos hospitais e outorga a dependencia administrativa dos médicos que se impliquen na formación do alumnado de Medicina da USC á universidade máis próxima ó seu centro de traballo, de modo que os do Chuac dependerán da Universidade da Coruña (UDC) e os do Chuvi, da de Vigo. Este cambio, advertiu a propia facultade, é "inaplicable" e coloca o profesorado e o alumnado "nunha situación de inseguridade administrativa, académica e xurídica".

Dentro e fóra da Universidade de Santiago de Compostela, interprétase como unha cesión ante a presión localista coruñesa para conseguir o segundo ciclo de Medicina, coa complicidade da Consellería de Sanidade, a xestora dos hospitais, dirixida pola ex concelleira popular herculina Pilar Farjas.

A corporación advirte tamén que expor a división do ensino da medicina nun momento de crise económica "só contribuirá a empobrecer un sistema que vén demostrando dende hai séculos unha pro­bada eficacia e solvencia tanto nos apartados da investigación como da docencia". "Un dos piares do prestixio da USC é o ensino da medicina, que cunha hipotética división ou segregación, ademais de supor un aumento do gasto, produciría unha diminución da eficacia e da calidade", engade.

Precedente na Coruña

En 2007, o tres grupos do concello da Coruña solicitáronlle á Xunta que os médicos do entón aínda Juan Canalejo implicados na docencia clínica de Medicina dependesen da Universidade da Coruña.

Renuncias históricas

A resolución do pleno da corporación municipal sobre Medicina fai tamén memoria e bota a vista atrás vinte anos para engadir argumentos en defensa de que a facultade compostelá continúe sendo a única de toda Galicia.

Segundo reza o documento, no momento da división da USC nas actuais tres universidades, a institución nai renunciou a outras titulacións para manter a exclusividade nesta."A división ou a segregación (de Medicina) do ámbito da USC suporía unha ruptura dos principios do mapa de titulacións aceptados no momento histórico da segregación dos colexios universitarios para a creación das universidades da Coruña e de Vigo, mediante o que a USC renunciou a outras titulacións para manter en exclusiva a docencia de Medicina", di a declaración.

Amais, os tres grupos municipais aproveitan a declaración para expresarlle tamén o seu apoio ó Campus da Saúde como "proxecto de Galicia" e solicitar para el "o compromiso de todas as administracións públicas".

 

Cada unha das tres organizacións políticas maioritarias de Galiza deberían, algún día, sentarse e falar claramente do país que queren e, dentro del, entre outras cousas, da(s) universidade(s) que queren construír.

 

Non nos parece normal que as mesmos partidos políticos que nunha localidade fan pronunciamentos nun sentido, noutra localidade e, sempre en función do beneficio electoral, se pronuncien en sentido contrario.

 

Circunstancias coma dos estudos de medicina, caixas de aforro…, fan menos cribles as propostas dos “políticos” poñendo de manifesto a nula idea de país que, nalgún dos casos, representan.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript