Setembro de 2014
 
 

NÚMERO 239 - 01/09/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Antón Losada
 

O teu sufrimento é un negocio

Entre tanta exaltación da amizade, nin Merkel, nin Rajoy nin o Goberno terán un minuto para explicarnos o gran negocio que lles xera predicar a austeridade e impoñer o sufrimento masivo.

 

  • Noticias relacionadas

Comezou a volta ao cole nos grandes almacéns e a volta ao Parlamento na política. A oposición solicitara máis de corenta comparecencias de membros do Executivo de Mariano Rajoy para dar conta dalgunhas das súas decisións. Como este Goberno está moi ocupado facendo reformas moi importantes que non ten por que explicarnos e non ten tempo para esas caralladas da transparencia e a rendición de contas, o Grupo Popular só aceptou dúas.
 
A ministra de Agricultura comparecerá para explicar o malo que é Putin co seu veto aos nosos produtos agrícolas e o bo que é o Goberno preocupándose polo tema. Ao parecer, agora o problema en Ucrania xa non é a falta de democracia, nin a corrupción, nin que haxa unha guerra, senón que os rusos xa non nos compran tomates.
 
O Incrible Montoro comparecerá para explicarnos que a lei impídelle informar sobre se Pujol se acolleu á súa amnistía fiscal, como fixeron no seu día todos os militantes do PP implicados na trama Gürtel. Todos esperamos moito da lendaria xestualidade do señor ministro.
 
Do que fai o Goberno, nin unha palabra. Non comparecerán para explicar por que baixaron as exportacións si todo vai tan ben, que imos facer agora que as economías de Alemaña ou Francia se pararon, por que enfermos de Hepatite C non reciben na sanidade pública o medicamento que podería curarlos, por que debemos cambiar como se elixe aos alcaldes seis meses antes das eleccións, por que as forzas da orde se inflan a dar porrazos na praza de Obradoiro para que un puñado de emigrantes xubilados non molesten a Rajoy e a Merkel, ou na vala de Ceuta e Melilla para expulsar a inmigrantes como eses que están chegando mortos a centenares á costas italianas.
 
O presidente Rajoy só está operativo para asuntos realmente importantes, como comer pementos de Padrón e queixo con Angela Merkel e deixarnos claro que a austeridade si que veu para quedarse.
 
Entre tanta exaltación da amizade, nin Merkel, nin Rajoy nin o Goberno terán un minuto para explicarnos o gran negocio que lles xera predicar a austeridade e impoñer o sufrimento masivo. O fondo de rescate europeo, o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), pechou 2013 cun beneficio de 253 millóns de euros. Eses beneficios saen dos 352 millóns que pagamos só en intereses polo rescate financeiro da banca española e o rescate de Chipre. Como di a miña filla cando me nota algo obtuso, píllalo agora, papá?

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript