Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 238 - 30/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  MOBILIZACIÓN SOCIAL
 

Valoración do Rodea o Parlamento do pasado 21 de xuño

A Central Unitaria de Traballadores/as valora de xeito moi positivo a manifestación das Marchas da Dignidade que tivo lugar o pasado 21 de xuño en Santiago de Compostela so a lenda: Pan, Traballo e Teito, Rodea o Parlamento.

 

  • Noticias relacionadas

A CUT considera plenamente atinxidos os obxectivos marcados para o pasado 21 de xuño: amosar a oposición da clase traballadora galega ante as políticas antiobreiras e regresivas ditadas polo Gran Capital e implementadas pola Troica e os gobernos sometidos ao seu mandato, como é o caso do que ostenta agora o poder na Xunta de Galicia.
 
Para a CUT o factor máis importante desta mobilización popular foi a confluencia na loita de diversas sensibilidades sociais e políticas, de diferentes organizacións obreiras, civís e políticas unificadas baixo unha mesma reclamación: Pan, Traballo e Teito, a esixencia dunha vida digna para a clase traballadora galega.
 
A CUT observa tamén un cambio de estratexia no tratamento que o goberno español fixo desta mobilización das Marchas da Dignidade respecto da do pasado 22 de marzo en Madrid. Naquela ocasión, a represión brutal da policía, a provocación indisimulada e a intoxicación informativa foran as armas coas que se pretendeu deslexitimar as Marchas, agora o goberno do PP emprega unha política de “integración”, tentando desarticular, mediante o aparente diálogo, o potencial subversivo das Marchas.
 
Malia iso, as Marchas continuarán as súas mobilizacións o vindeiro outono ante o absentismo e total complicidade das grandes plataformas sindicais perante as políticas antipopulares ditadas polo goberno de España e da Troica ata atinxir o seu verdadeiro obxectivo: garantir o dereito a unha vida digna para a clase traballadora galega.
 
A CUT quere, por último, parabenizar tamén a súa afiliación polo grande esforzo militante e organizativo que facilitou, xunto co de outras organizacións irmás, o grande suceso da mobilización do pasado sábado.
 
VIVA A LOITA OBREIRA!
Nesta ligazón podes acceder a unha galería de imaxes do 21X.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript