Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 238 - 30/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

A Mesa califica de extremadamente cínicas as escusas de Feixó para eliminar o galego do ensino

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014. - A Mesa pola Normalización Lingüística reaccionou esta mañá ás declaracións de Feixó tras o Consello da Xunta nas que, ante as críticas da RAG motivadas polo estudo sobre a situación do galego na Educación Infantil das cidades galegas presentado e elaborado pola Mesa, xustificaba a erradicación do galego no ensino infantil argumentando que o Goberno “está cumprindo coas súas obrigas legais, que son garantir o coñecemento do galego en pé de igualdade co castelán e cumprir e facer cumprir o decreto, sancionado polo TSXG, do plurilingüismo”.

 

  • Noticias relacionadas

A Mesa lembrou que só o 2,42% dos centros de Educación Infantil das cidades declaran utilizar maioritariamente o galego, e só no 4,15% o nivel de uso do galego está no 50%, segundo os datos que recolle o informe feitos público pola entidade en defensa da lingua, e que o propio presidente coincide en valorar como preocupantes.
 
Desde a asociación en defensa do idioma sinalaron que “hai que ser moi cínico” e ter “moi pouco respecto á intelixencia da cidadanía” para que unha das primeiras medidas do teu goberno sexa “aprobar un decreto contra a presenza do galego no ensino, e que cando se comezan a facer evidentes os efectos dese decreto teñas o descaro de dicir que só te limitas a cumprir a lei”.
 
“Parece que este decreto xa non convence nin ao presidente, que se dedica a lamentarse nos Consellos da Xunta de o ter que cumprir” ironizaron desde A Mesa.
 
Neste sentido, o presidente da asociación, Marcos Maceira, sinalou que “se a Feixó tampouco lle gusta este decretazo só o ten que derrogar, que é o que solicita o conxunto da comunidade educativa e a maioría do país”.
 
Así, desde a Mesa reclamaron máis unha vez a Feixó que derrogue este decreto e volva ao consenso do Plan xeral de normalización da lingua galega, así como que asuma os mandatos do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e da Carta europea das linguas, “que tamén son de obrigado cumrpimento e legalmente de rango superior ao decreto lingüicida de Feixó.”, sentenciou Marcos Maceira.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript