Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 238 - 30/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  DEREITOS HUMANOS
 

58 millóns de nenos no mundo nunca pisaron unha escola

Arredor de 58 millóns de nenos entre 6 e 11 anos en todo o mundo están sen escolarizar, segundo o informe de seguimento sobre educación no mundo publicado este xoves pola Unesco. A estes menores habería que sumar os 63 millóns de adolescentes que non reciben ningunha educación regulada.

 

  • Noticias relacionadas

 

En rolda de prensa, a directora xeral da Unesco, Irina Bokova, criticou que apenas se produciron avances na taxa de escolarización infantil respecto a 2007, e vinculou este problema coa falta de investimento.
 
"Produciuse unha diminución da axuda internacional para educación", lamentou, e de seguir así, "non" haberá "posibilidade ningunha de alcanzar o obxectivo de universalizar o ensino primario para 2015". De manterse a tendencia actual, o 43% da poboación infantil que actualmente está sen escolarizar "nunca pisará unha escola". Isto significa que 15 millóns de nenas e 10 millóns de nenos xamais recibirán instrución ningunha.
 
Por iso, non podemos seguir inmóbiles ante estes datos", senón que "temos que dar o sinal de alarma e solicitar a vontade política necesaria para garantir que se respecte o dereito á educación de todos os nenos", reclamou Bokova.

A falta de avances a escala mundial débese tamén ao elevado crecemento demográfico en África subsahariana, unha rexión onde actualmente hai 30 millóns de nenos sen escolarizar.
 
A maioría destes nenos nunca empezarán a escola, e aqueles que o fagan corren o risco de abandonala de forma prematura. De feito, máis dun de cada tres nenos africanos que se incorporaron ao sistema educativo en 2012 abandonarano antes de chegar ao último grao de primaria, asevera o informe.
 
En canto aos adolescentes, Asia meridional é, malia as melloras experimentadas, a rexión con maior poboación entre 12 e 17 anos sen escolarizar (26 millóns). En África subsahariana son 21 millóns os adolescentes que non asisten a clase, cifra que seguirá aumentando de manterse a tendencia actual.
 
SI, PÓDESE
O estudo recolle e analiza os casos de éxito de 17 países que con "vontade política" lograron elevar de forma moi significativa a escolarización infantil, que mellorou un 86% de media nestes estados.
 
Nepal, Burundi, Vietnam, Marrocos, Ghana e Nicaragua son algúns destes exemplos, a partir dos cales a Unesco extraeu unha serie de recomendacións para os gobernos.
 
A Unesco pide eliminar as taxas de matrícula, poñer en marcha programas de transferencia de renda directa ás familias máis desfavorecidas, prestar maior atención ás minorías étnicas e lingüísticas, aumentar o investimento en educación, mellorar a calidade do sistema e avanzar na paz e resolución de conflitos.
 
O fin da guerra civil en Nepal, en 2006, contribuíu a que dun 24% de nenos sen escolarizar durante o ano 2000 se pasase a un 1% en 2013. Durante este mesmo período, Marrocos reduciu un 96% a súa poboación sen escolarizar grazas ao plan para incorporar o seu dialecto local ao ensino.
 
Burundi suprimiu os dereitos de matrícula escolar en 2005 e, nun prazo de seis anos, as inscricións en ensino primario pasaron do 54 ao 94%.

"Estes países enfróntanse a circunstancias moi distintas, pero todos eles comparten a vontade política necesaria para lograr un auténtico cambio nos seus sistemas de ensino", sinalou Bokova. Ao seu xuízo, "as súas experiencias demostran que é posible lograr un verdadeiro avance e poden servir a outros países de exemplo". Debémosllelo aos nenos, concluíu.
 
Axencias

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript