Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 238 - 30/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADE
 

Resumo da reunión coa Xerencia realizada o pasado día 27

O venres, día 27 realizouse a reunión conxunta Comité de Empresa-Xunta de Persoal de PAS coa Xerencia. A representación da institución mostrou, unha vez máis, a súa intransixencia rexeitando a restitución dos días derivados da antigüidade e pospoñendo a decisión sobre a aplicación da xornada reducida que si gozarán os traballadores e traballadoras da Xunta.

 

  • Noticias relacionadas

A reunión tivo dúas partes diferenciadas, na primeira a Xerencia reuniuse coa Xunta de Persoal (desta xuntanza informaravos o órgano de representación). Na segunda parte realizouse a reunión conxunta do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal coa Xerencia da que vos informamos a continuación.
 
Como vos anunciamos asistimos á reunión coas seguintes propostas:
 
Aplicación da sentenza que obriga á restitución dos días derivados da antigüidade (canosos).
 
O xerente, aínda que comparte os criterios xurídicos expresados na sentenza e entendendo, tamén, que son correctos, sinala que, de ningún xeito se pode aplicar ás universidades públicas galegas pois é unha sentenza que só afecta ao ámbito no que se ditou (Euskadi). Indica que só cando exista unha sentenza semellante no ámbito estatal ou galego procederá a aplicarse na UDC, mentres que isto non suceda aplicarase literalmente o que determina o Estatuto Básico do Empregado Público.
 
O xerente mostrouse inflexible. Non serviron para nada as apelacións á autonomía universitaria nin á restitución dos dereitos eliminados.
 
Unha vez máis, a universidade, aínda que ten constancia da legalidade e da lexitimidade da proposta que presentamos, négase a aceptala sinalándonos como único camiño para a restitución dun dereito que, segundo a sentenza, foi ilegalmente eliminado a vía xudicial.
 
A Xunta de Persoal e Comité de Empresa acordamos, previamente á reunión, propoñer dúas alternativas para compensar na Universidade a ampliación da redución de xornada de verán que a Xunta de Galicia aplicará aos seus traballadores e traballadoras.

1.    Peche institucional durante unha semana no mes de decembro

2.    Servizos mínimos durante dúas semanas (última de decembro e primeira do mes de xaneiro) de xeito que as traballadoras e traballadores puidesen gozar de días libres, sen redución dos días de asuntos particulares, nunha das quendas. Para facilitar esta posibilidade os centros e servizos permanecerían pechados en quenda de tarde.

 
A Xerencia móstrase contraria á aplicación dunha medida que entende non é extrapolable ao ámbito da Universidade. Sinala que cada institución ten o seu regulamento de xornada e que a Universidade non se sente vinculada polas directrices da Xunta neste terreo.
 
Sacamos a relucir, unha vez máis, o dereito a reclamar a restitución do recortado e que a instrución da Xunta fundamenta esa reclamación pois non sería máis que a extensión dun dereito que @s traballador@s da administración autonómica recuperan.
 
O xerente, despois da discusión, indica que se analizará a proposta e que lle dará resposta.
 
Temos que sinalar que tanto na aplicación da sentenza que obriga á restitución dos días derivados da antigüidade (canosos) como na extensión da instrución da Xunta sobre a xornada reducida agardabamos moito máis da institución. Si se rexeita a restitución de dereitos que non custan nin un só euro ou directamente se nos conmina á utilización da vía xudicial para que se nos restitúan é porque non existe desexo ningún de que os recuperemos.
 
Devolución da parte devengada da paga extra de decembro de 2012. Sinala o xerente que o día 26 rematou o prazo dado á Xunta para que ingrese as cantidades necesarias para afrontar o seu pagamento, de ser negativa a resposta a Universidade ten intención de acudir ao contencioso para forzar a incorporación orzamentaria. Segundo sexa a resposta da Xunta a Universidade está a considerar, tamén, a posibilidade de proceder ao recoñecemento administrativo a traballadores e traballadoras do dereito á restitución das cantidades que correspondan, procedendo á negociación cos representantes d@s traballador@s do plan de pagos.
 
A cantidade total reclamada á Xunta de Galicia é de 1.010.000€ que sería o diñeiro necesario para proceder á restitución do recortado a tod@s @s traballador@s da Universidade.
 
Segundo sabedes no DOG do martes  17 de xuño publicouse a RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2014 pola que se procede á execución da sentenza correspondente ao P.A. 300/2012 en relación co proceso selectivo para a provisión de catro prazas de condutor vacantes na relación de postos de traballo de persoal laboral desta universidade por Resolución reitoral do 18 de febreiro de 2011.
 
Sinalouse a obriga da Xerencia de, cando menos, proceder á comunicación aos órganos de representación do traballador da decisión tomada pola Universidade e, ao mesmo tempo, a posible irregularidade do procedemento.
 
Convocatorias de Técnico Superior en Relacións Internacionais e Técnico en Prevención de Riscos Laborais-Xefe de Servizo, a Xerencia sinala a súa intención de recorrer ao Supremo as sentenzas desfavorables.
 
Xornada partida durante o verán no CITEEC e CIT. Sinálase que @s traballador@s agardan a instrución que, expresamente, determine a quenda que teñen que realizar.
 
O Xerente indica que xa deu instrucións para que se envíe a determinación que sinala será de quenda partida durante o mes de xullo e xornada continuada durante o mes de agosto.
 
Despois da reunión sinálaselle ao xerente o establecido no Convenio Colectivo que determina:
 
Artigo 36. Complemento de dispoñibilidade (xornada partida)
O persoal suxeito ao réxime de xornada partida permanente percibirá un complemento mensual, agás nos meses de xullo e agosto.
 
Sinalamos, por unha parte que isto significa que durante os meses de xullo e agosto a quenda debe ser continuada (por iso non se cobra) e, por outra parte que o Convenio ten maior rango que a regulamentación de xornada.

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript