Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 238 - 30/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Ignacio Escolar
 

As trampas na rebaixa de impostos de Mariano Rajoy

Empeza a ser tradición: toda noticia propagandística do Goberno de Rajoy acaba escondendo moita letra pequena que convén coñecer, e que só aparece un par de días despois, cando o Executivo xa colocou o titular. A rebaixa de impostos non é unha excepción. Estas son as trampas que Cristóbal Montoro non nos contou.

 

  • Noticias relacionadas

1. Os impostos non baixan para todos. Para algúns subirán, pola vía de eliminar deducións que -casualmente- son as máis progresivas das moitas que hai. Apenas se  tocan as que favorecen aos máis ricos: especialmente a dedución por plans de pensións privados -que só se reduce de 10.000 a 8.000 euros-, nin tampouco as de compra de vivenda. Pero si se recortan dúas: aos mozos que viven de aluguer e aos despedidos. Os primeiros só poderán deducirse dos seus impostos a metade do que ata agora se descontaba mentres que os segundos terán que pagar impostos pola indemnización por despedimento. Non é un cambio menor. Ata o venres, a indemnización por despedimento non tributaba.
 
2. Co cambio de tramos, hai moitos traballadores españois para os que a rebaixa no IRPF apenas se notará. Os que hoxe gañan entre 20.200 e 33.007 euros ata agora cotizaban a un tramo máximo do 30% no IRPF. O ano que vén, cos novos tramos, será o 31% e o seguinte o 32%. Significa isto que pagarán máis? Non exactamente, porque a rebaixa nos tramos máis baixos tamén lles beneficia no seu tipo efectivo, polo que no cómputo final pode que acaben pagando menos. Pero a reforma é tan deliberadamente complexa que é difícil de asegurar e é precisamente neste tramo -no que casualmente se encontra o salario medio español- onde a rebaixa fiscal menos xenerosa será.
 
3. En porcentaxe, a reforma de Rajoy beneficia especialmente ás rendas máis baixas e ás rendas máis altas. Pero en números absolutos, a diferenza entre ámbalas dúas non ten cor. Segundo estes interesantes cálculos de Cinco Días, un traballador cun salario bruto de 15.600 euros, aforrará 394 euros na declaración da renda de 2016. Para alguén que gañe 90.000 euros, a rebaixa será de 2.446 euros. E para unha nómina de 300.000 euros anuais, o regalo de Montoro será de 11.649 euros anuais.
 
4. Canto cambiará a recadación coa nova reforma fiscal? Como quedarán os impostos se a esta rebaixa fiscal lle descontamos os impostos que antes Rajoy subiu? Por agora, non hai resposta oficial cos detalles exactos. Os cálculos, con seguridade, xa están feitos no Ministerio de Facenda, pero non se farán públicos ata que se publique a memoria económica da lei. Cando se producirá tal milagre? A saber.
 
5. Para os autónomos, a tomadura de pelo é sideral. Cando Rajoy chegou ao Goberno (prometendo rebaixas fiscais, recórdeno ben), a súa retención subiu do 15% ao 21%. Entón aseguraron que en realidade só sería así ata o 31 de decembro de 2013, e que para entón baixaría ao 19%. Foi outra promesa falsa -xa estamos en 2014 e o 21% segue en vigor-, e agora venden como gran novidade que para xaneiro de 2015, un ano máis tarde, a retención será do 19%: catro puntos máis que cando Rajoy chegou. Bernardo Vergara, neste chiste, explícao fenomenal.
 
6. O imposto de sociedades para as grandes empresas pasará do 30% ao 25% en 2016. En teoría, isto non significa que os seus impostos baixen porque moi poucas pagaban esta cantidade, grazas á enorme maraña de deducións que aplican, e que nalgúns casos se reduce. Pero na práctica, está por ver que o tipo efectivo realmente aumente -como asegura o Goberno-, porque o novo sistema fiscal segue sendo tan complexo ou máis que o anterior e as deducións non se recortan tanto como moitos esperaban.
 
7. Entre as rarezas do imposto de sociedades hai unha que Montoro quixo vender coma se fose Robin Hood. A banca seguirá pagando un 30% "para que devolva á sociedade ese esforzo que fixo", segundo explicou o seu número dous en Facenda, Miguel Ferré. A realidade? É xusto ao revés. A decisión de manter o 30% en vez do novo 25% é un novo favor do Goberno ao sector financeiro, outro máis. Se o imposto de sociedades baixase para a banca, tamén baixarían os seus créditos fiscais: as bonificacións que agora se poden deducir polas perdas doutros anos. Grazas a Robin Hood Montoro, a banca aforrará 2.500 millóns de euros que o Estado non recadará.
 
8. A rebaixa non sairá gratis. Segundo os cálculos do Goberno, a súa rebaixa fiscal supoñerá 9.000 millóns menos de recadación que -na súa teoría- se recuperarán grazas a unha maior actividade económica. Este milagre, tan amentado polos liberais, está por demostrar, e nin sequera a Unión Europea o acaba de crer. España prometeu recortar en 30.000 millóns o gasto público, polo que a rebaixa eleva esta cifra a 39.000 millóns: case catro puntos do PIB. E eses recortes xa se sabe onde rematarán: nuns servizos públicos de peor calidade.
 
9. Como di Ignacio Zubiri -catedrático de Facenda da Universidade do País Vasco e un dos maiores expertos españois en fiscalidade-, é "unha reforma fiscal ineficiente e inxusta, que nin mellora a eficiencia nin a equidade nin estimula o crecemento, nin favorece a coerción do déficit". Beneficia ás rendas medias altas e altas, en detrimento das clases medias baixas e baixas, que aforrarán uns poucos euros pero perderán moito máis cos recortes do Estado do benestar. Con Rajoy gañan os de sempre, unha vez máis.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript