Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 237 - 23/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

Só o 2,42% dos centros de infantil das cidades declaran impartiren maioritariamente aulas en galego

A Mesa presenta o estudo 2013/14 sobre o galego nas aulas de infantil, que mostra a aceleración do proceso de eliminación do galego do ámbito educativo.

 

  • Noticias relacionadas

A Mesa pola Normalización Lingüísitica presentou o estudo 2013/14 sobre a presenza do galego nas aulas de infantil das sete cidades galegas, no que foron consultados 289 centros públicos e concertados da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago de Compostela. Como resultado para o conxunto de Galiza, só o 2,42% dos centros de Educación Infantil das cidades (fronte os 3,19 do curso pasado), declaran impartir maioritariamente a docencia en galego e só o 4,15% declara impartir a metade das horas lectivas na lingua propia do país. Do 94,43 restante que imparten maioritariamente en castelán, só 2 centros indican chegaren ao 33% de docencia en galego.
 
Á ausencia da lingua galega das aulas, súmase a ausencia de materiais didácticos en galego, nunha porcentaxe inferior mesmo á da presenza do galego. Só 11 dos 289 centros de infantil consultados dispoñen de material didáctico en galego, como cadernos de aprendizaxe. É rechamante que os propios centros se queixen de que malia as súas solicitudes a Xunta non fai nada por dotalos de material, o que para a Mesa é indicativo da falta de interese da administración por dotar os centros que usan o galego de ferramentas de traballo dignas.
 
Para as Mesa pola Normalización Lingüística estes datos son indicativos de como funcionou o Plan de demolición lingüística da Xunta de Feixó e de como se está a acelerar do proceso de eliminación do galego do sistema educativo.
 
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, cualificou o goberno de Feixó de “quinquenio negro para lingua galega”, marcado por un “desprezo que loxicamente se corresponde co desprezo que en xeral mostra cara ao pobo galego”. “Galiza é o único territorio do Estado español con lingua propia diferente do castelán onde acontece algo semellante do que está a acontecer nas cidades galegas” salientou Maceira.
 
Neste sentido, a Mesa chamou máis unha vez a Xunta a deixar de perseguir o galego no ensinio e retornar ao consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade parlamentar sendo Feixó Vicepresidente, e derrogar dunha vez por todas o actual Decretazo contra o galego que tan nefastas consecuencias está a ter para a lingua propia de Galiza.
 
Documentos
Estudo sobre a lingua na educación infantil - 0.84Mb

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript