Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 237 - 23/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  EVASIÓN
 

Sobre "beneficios" e "paraísos fiscais"

No 2013, mentres a crise enchía o estado de expedientes de regulación de emprego, desafiuzamentos, desnutrición infantil e recortes -cousa que evidentemente continua a día de hoxe-, as 35 empresas que forman o IBEX declararon ter gañado 19.778 millóns de euros, unhas cifras que os medios nos presentaron como síntoma da mellora da economía.

 

  • Noticias relacionadas

Loxicamente, a idea que se pretende vender é que se estas empresas van ben, a todos nos irá mellor, pero lamentablemente, estes enormes beneficios non contribúen a mellorar a situación das millóns de persoas que sofren a crise. Segundo o informe publicado polo Observatorio de Responsabilidade Social Corporativa (RSC), unha armazón inmensa de paraísos fiscais fai que estas grandes empresas non contribúan ás arcas de Facenda como o terían que facer.
 
Así, Andrés Lara, membro do Observatorio, manifesta que "33 das 35 empresas do IBEX tiñan presenza en territorios considerados paraísos fiscais [...]. É difícil saber canto diñeiro saíu de España cara a estes paraísos, pero non resulta desatinado afirmar que, se este diñeiro se tributara, os recortes serían menores. O máis grave de todo iso, non obstante, é que este comportamento está avalado por todos os Gobernos acaecidos en España, que se preocuparon máis de espremer ao cidadán vía impostos e de recortar axudas sociais, que de poñer en marcha todos os medios necesarios para perseguir a inmensa fraude fiscal".
 
O diagnóstico do informe é claro: "É obvio que a capacidade das administracións públicas en desenvolver políticas públicas que busquen garantir os dereitos das persoas require de recursos. Na medida que unha empresa [...] utilice estratexias de enxeñaría fiscal para evitar cargas impositivas proporcionais ás súas operacións e ingresos [...], non pode asegurarse que o seu comportamento coa sociedade, persoas e institucións [...] sexa responsable". Segundo a Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios da Unión Europea, preto dun billón de euros pérdese pola evasión e elusión fiscal, é dicir, moito máis de todo o PIB recoñecido legalmente en España nos anos de bonanza...
 

Esta é a lista das empresas que utilizan os paraísos, elaborada polo Observatorio de RSC. Hai que tela moi presente cada vez que nos digan: "non" hai "diñeiro" e indicámosvos 4 sinxelas medidas para unha fiscalidade xusta, por Miguel Ángel Luque Mateo, membro de Attac e profesor titular de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade de Almería:
 
1) Restablecemento do imposto sobre o patrimonio, cuxa eliminación foi unha das promesas estrela das últimas eleccións xerais polo PSOE. Este tributo era un mecanismo idóneo para o control tributario, ademais de que supoñía unha recadación duns 2.000 millóns de euros anuais.
 
2) Reforzamento do corpo de inspectores da Axencia Tributaria e aumento das investigacións a grandes fortunas, empresas do IBEX-35, multinacionais, bancos e institucións financeiras e demais entidades que operan con paraísos fiscais. Segundo un estudo da Universidade Pompeu Fabra, por estas vías déixanse de ingresar uns 80.000 millóns de euros cada ano.
 
3) Aumento do tipo de gravame das SICAV (sociedades usadas polas grandes fortunas para investir), do ínfimo 1% actual á porcentaxe con que se gravan as rendas do aforro no IRPF (19-21%-21) como mínimo.
 
4) Desaparición do réxime fiscal especial para empresas de aluguer das entidades de crédito (SOCIMI) creadas para poder arrendar os grandes patrimonios inmobiliarios obtidos dos embargos e desafiuzamentos.
 
fonte: revista cafeambllet.com

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript