Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 237 - 23/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

O Estado Español e Grecia, os dous países coa maior caída salarial

A OCDE destaca que España só está por detrás do país heleno na rebaixa salarial. Tamén é un dos países con máis desigualdade nos ingresos.

 

  • Noticias relacionadas

España foi o segundo país da OCDE onde máis caeu a remuneración salarial no primeiro trimestre (0,6%) deste ano, só por detrás de Grecia (2,6%), mentres que no conxunto da organización subiron un 0,3% e na zona euro un 0,4%, segundo os datos divulgados. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) indicou que os custos laborais progresaron un 0,4% de media entre xaneiro e marzo, fronte ao incremento do 0,1% no último trimestre de 2013, pero nalgúns dos seus membros a tendencia foi a inversa.
 
En concreto, eses custos laborais descenderon un 2,2% en Grecia a causa do baixón da remuneración do factor traballo, un 1,8% en Xapón (neste caso integralmente por unha mellora da produtividade), un 0,8% en España (polo recorte salarial do 0,6%, pero tamén por unha mellora da produtividade do 0,2%) ou en Bélxica un 0,7%.
 
No outro extremo, os custos laborais unitarios encarecéronse nos tres primeiros meses do exercicio un 2,4% en Noruega, un 2,2% en Eslovaquia, un 2% en Holanda, un 1,4% en Corea do Sur, un 1,1% en Estados Unidos, un 1% en Hungría, en Canadá ou en Estonia.
 
Desigualdade crecente
España é un dos países da OCDE que máis incrementou a desigualdade nos ingresos (sen incluír as prestacións sociais), segundo un informe da institución publicado este xoves, no que se recorda que España, xunto con Grecia, foron os países máis golpeados pola crise económica dos últimos anos.
 
En concreto, con datos pechados a 2011, a desigualdade nos ingresos, excluíndo o efecto das prestacións sociais, ampliouse en España e Grecia en 1,5 e 3 puntos respecto a 2010. En Alemaña, Luxemburgo e Portugal, a desigualdade incrementouse en máis dun punto, mentres que descendeu en Australia, Canadá, Irlanda, Israel e Suecia.
 
No seu informe, a OCDE sinala que os impostos e as transferencias, como as prestacións por desemprego, axudaron a "mitigar" o impacto nos ingresos dispoñibles, onde a desigualdade aumentou de forma menos pronunciada.
 
LR

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript