Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 237 - 23/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Ignacio Escolar
 

Sovaldi, 400 miligramos

Nos próximos anos é moi probable que cheguen novos medicamentos milagre contra o alzhéimer ou o cancro. Se nada cambia, o seu prezo dependerá do máximo beneficio.

 

  • Noticias relacionadas

Cada día, preto de mil persoas no mundo morren de hepatite C. Hai 350.000 vítimas anuais, 185 millóns de persoas infectadas e hai tamén un remedio case máxico para esta enfermidade: unha medicina tan eficaz como prohibitiva. Ten unha efectividade superior ao 90%, pero menos do 3% dos enfermos poden pagala.
 
A pílula milagrosa chámase Sovaldi. O seu prezo é de mil dólares por cada pastilla con 400 miligramos dunha molécula recentemente sintetizada, chamada sofosbuvir. Dependendo do tipo de virus, o tratamento completo sae por 84.000 ou 168.000 dólares. Só en España, hai 900.000 afectados e 10.000 mortos ao ano. Aquí custa entre 50.000 e 100.000 euros, pero o Sovaldi non está cuberto pola Seguridade Social.
 
Gran parte destes centos de miles de enfermos de hepatite C en España dos que agora o Estado non se fai cargo foron infectados nos hospitais públicos. Este virus non se transmite con facilidade. Contáxiase por vía sanguínea: intercambio de xiringas, uso de material médico non esterilizado e, por suposto, as transfusións de sangue. E durante décadas en España, ata 1992, non foi obrigatorio analizar as bolsas de sangue para detectar se o doador estaba infectado. Hai enfermas, como Aurelia G., que foron contaxiadas en hospitais públicos por medio de transfusións de sangue contaminado cando daban a luz.
 
A empresa que patentou o Sovaldi chámase Gilead. Dende que sintetizaron esta medicina, a súa cotización en bolsa disparouse. As vendas da súa pastilla milagre contra a hepatite C supoñerán só este ano 1.277 millóns de euros para Gilead. Tratar a todos os enfermos do planeta ao prezo actual de Sovaldi custaría máis de 8 billóns de euros, unha cifra equivalente á suma do PIB anual de Alemaña, Francia, España, Reino Unido e Italia. O custo real de produción do medicamento? Entre 50 e 100 euros por paciente: mil veces menos do que cobran por el. Aínda incluíndo o investimento na patente -un dato que Gilead non quere dar- o sobreprecio segue sendo disparatado.
 
En Estados Unidos, Sovaldi abriu un gran debate, onde moitos defenden, con razón, que o Goberno debería intervir contra o gran pharma para que estes novos medicamentos estean ao alcance de todos. Outros países, como India, xa anunciaron que fabricarán xenéricos sen respectar a patente -a diferenza de España- porque o primeiro é a saúde da súa poboación.
 
Sovaldi é só o principio. Nos próximos anos é moi probable que cheguen novos medicamentos milagre contra o alzhéimer ou o cancro. Se nada cambia, o seu prezo dependerá do máximo beneficio, non do custo de desenvolvemento nin menos aínda da competencia porque unha patente médica é un monopolio nun mercado onde o consumo non é unha opción. É a bolsa ou a vida: canto estarías disposto a pagar por non morrer?

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript