Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 236 - 16/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  REPÚBLICA GALEGA!
 

Manifestación. Galiza pola república e polo dereito a decidir

O pasado mércores, día 11, convocados pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica A Coruña, reunímonos dende organizacións políticas, sindicais, da mocidade, estudantís, movementos sociais e persoas individuais para convocar unha manifestación unitaria baixo o lema GALIZA POLA REPÚBLICA E POLO DEREITO A DECIDIR que sairá da Casa do Mar o vindeiro día 19 ás 20 horas.

 

  • Noticias relacionadas

Manifesto da convocatoria unitaria
Galiza pola república e polo dereito a decidir
 
Despois da abdicación do rei Juan Carlos, que non pretende outra cousa que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción, queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, como xa fixeron en agosto de 2011 cunha reforma do artigo 135 da Constitución.
 
Estamos nun momento histórico cun modelo de constitución caduco e que agoniza. O ditador Franco, que encabezou en 1936 un levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou ao príncipe Juan Carlos como o seu sucesor en 1969. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira daqueles que se levantaron contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. Juan Carlos, que nunca condenou a ditadura franquista, xuraba, daquela, lealdade ao ditador e aos “Principios del Movimiento Nacional” e falaba de “la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”.
 
A monarquía é incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.
 
Queremos decidir sobre o noso futuro e por iso esiximos a convocatoria dun referendo para que a cidadanía decida entre monarquía ou república. Esa consulta é un dereito democrático que, segundo sondaxes de opinión, estaría apoiada pola maioría da poboación.
 
Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo  da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado.
 
A Coruña é unha cidade cunha forte tradición republicana e así o manifestou cando puído elixir libremente. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, que acabaron coa monarquía, as diversas candidaturas republicana acadaron 35 concelleiros e só 5 as monárquicas. E nas eleccións a Cortes de xuño de 1931 as candidatura republicanas conseguían 13 dos 16 deputados pola provincia da Coruña.
 
É hora de manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia. Por iso chamamos á cidadanía a participar na manifestación unitaria, convocada para o xoves, 19 de xuño que sairá ás 20 horas da Casa do Mar ata a Delegación do Goberno na praza de Ourense.
 
Organizacións que participaron na reunión e apoian este manifesto: BNG, EU, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, CxG, Fronte Cívica, PCG, Corrente Vermella, Causa Galiza, Nós-UP, Galiza Nova, XCG, CRMH, Ateneo Republicano, CCOO, CIG, Comités, C.S. Gomes Gaioso, 15-M de Monte Alto, 15-M da ría (esta relación está aberta a futuras incorporacións).
 
Acordouse que, independentemente das estratexias de mobilizacións que poidan ter as distintas organizacións, manteremos esta convocatoria co manifesto unitario.
 
Acordáronse tamén unhas consignas unitarias e que o manifesto sexa lido por Manuel Rivas.
 
O luns haberá unha roda de prensa das organizacións convocantes para dar conta do desenvolvemento da manifestación.

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript