Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 236 - 16/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN . Isaac Rosa
 

O típico artigo coñazo contra o Mundial de fútbol

Antes de que mo digades, xa mo digo eu: non me gusta o fútbol porque non o entendo; son un infeliz por perderse algo tan grande; síntome superior intelectual e moralmente a vós; son un incoherente e un hipócrita porque teño afeccións e comportamentos que tamén son criticables; son un amargado e un resentido porque quedo fóra do entusiasmo maioritario; son un puto coñazo. Hala, xa mo dixen eu, así non vos quito tempo nin atención que necesitaredes para o non-stop futboleiro das próximas semanas.

 

  • Noticias relacionadas

Poucas cousas espertan máis antipatía que escribir contra o fútbol. Xa podes opinar sobre calquera outra cousa: monarquía, relixión, nacionalismo, touros, ETA. En ningún caso recibirás tanta incomprensión e desprezo como cando criticas o negocio do fútbol, a demasía informativa, a súa omnipresencia. Se queda en pé algún consenso entre nós, ese é sen dúbida o fútbol, que ademais nos últimos tempos recibiu un verniz intelectual para vencer as últimas resistencias.
 
Así que odiádeme, pero non podo evitalo: non me gusta o fútbol. E cando digo fútbol non me refiro ao deporte, senón ao mesmo que vos gusta a vós, que non é o fútbol sen máis, senón esta mestura de espectáculo e negocio que estes días alcanza o seu esplendor.
 
Acaba de empezar o Mundial e eu xa estou saturado de especiais informativos, páxinas de xornal, telexornais centrados no monotema, redes sociais balompedizadas, citas canceladas para non coincidir con partidos, aprazamentos, despregamento publicitario, abdución xeneralizada e rebaixe de tensión social.
 
Que si, que eu tamén teño as miñas afeccións, e paréceme perfecto que a xente teña vías de escape, distraccións e paixóns, pero ningunha é tan intensa nin acaparadora como o fútbol. Por non falar do patrioterismo de medio pelo que de súpeto estala, todo “rojigualdo” por todas as partes e todos unidos nun mesmo soño e patatín patatán. Non, non me aconselledes que pase do asunto e viva a miña vida, que aproveite para ir ao cine durante o partido, porque a realidade é que non hai exterior no fútbol, acapárao todo.
 
Xa oio os compañeiros de militancias: o fútbol non é de dereita, non fai falta que me citedes a tal ou cal pensador, poeta ou revolucionario afeccionado ao fútbol, é o mesmo argumento de autoridade que usan os taurinos. E dou por feito que por moito fútbol que haxa non se vos esquece o rei e o referendo, nin da fronte ampla, os recortes, os desafiuzamentos, a lei do aborto; e que non faltaredes ás próximas manifestacións, que en todo caso intentarán non coincidir cos principais partidos.
 
Tamén sei que non sodes insensibles ás protestas dos brasileiros, nin á represión das protestas, nin á dilapidación mundialística nun país con tantas desigualdades, nin aos traballadores mortos na construción de estadios alí ou na próxima sede de Qatar. Sei que sodes capaces de berrar gol ao mesmo tempo que retuiteades todas esas denuncias.
 
Admírame a vosa capacidade de disociación cando do fútbol se trata. Sodes capaces de gozar, tolear, celebrar, aínda sabendo que é un negocio xigantesco en mans dunha organización corrupta como a FIFA, turbios magnates propietarios de clubs, patrocinadores a cal máis odioso, gobernantes que fan a vista gorda (dende países que se pregan aos organizadores, ata concellos que recualifican terreos para o propietario do equipo local). E xogado por millonarios precoces, convertidos en modelo social, e que se acaban rindo das vosas peticións de que doen as primas (como xa pasou en competicións anteriores onde se abriu o mesmo debate).
 
As cousas están a cambiar, non somos os mesmos de hai uns anos, maduramos como sociedade, o noso nivel de esixencia subiu, queremos transformar este país falido... Pero o cambio máis impresionante será o día que deixemos de ver un partido do Mundial en solidariedade cos que alí protestan, ou o día que abandonemos ao noso equipo como rexeitamento a dirixentes mafiosos e privilexios fiscais e urbanísticos que reciben dos gobernantes con tanta frecuencia. Ese día si que crerei que todo é posible.
 
Ben, pois xa está. Alguén tiña que escribir o típico artigo coñazo contra o Mundial, e tocoume a min. Íavos pedir desculpas pola impertinencia, pero teño a tranquilidade de non vos ter amolado o goce do próximo partido. Ola? Hai alguén aí?

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript