Xuño de 2014
 
 

NÚMERO 236 - 16/06/2014

   CUTUDC / Novidades

  MEDIO
 

"Eu avalei a Corcoesto sen ver o proxecto"

A multinacional da mina de ouro destapa unha conversación na que un cargo da Xunta admite que axudou á empresa a convencer investidores.

 

  • Noticias relacionadas

O recurso ante a Xunta da multinacional Edgewater contra a paralización da mina de ouro de Corcoesto destapa unha controvertida intervención do director do Igape, Javier Aguilera, na tramitación do proxecto. A recorrente reproduce unhas afirmacións verbais efectuadas supostamente polo responsable do instituto de crédito do Goberno galego nas que este alude a unha cea con investidores que sopesaban meter o seu diñeiro na compañía. "Eu fun a unha cea na que avalei estes señores [de Edgewater] ante os seus investidores, verdade que si?, sen coñecer o proxecto", asegura a empresa que dixo Aguilera. AGE esixe ao director do Igape que explique no Parlamento "as súas conversacións e esmorgas" coa multinacional. Aguilera, segundo trasladou onte unha voceira da Consellería de Industria, nin confirma nin nega a autenticidade da transcrición realizada por Edgewater.
 
A cea do director do Igape cos investidores interesados en Corcoesto produciuse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago en febreiro de 2013, cando para a Xunta o filón do municipio coruñés de Cabana de Bergantiños era un proxecto estratéxico. Asistiron o director do Igape e o director xeral de Industria, Anxo Bernardo Tahoces, invitados polo alcalde de Cabana, o popular José Muiño. Segundo explican Industria e Edgewater, no encontro os representantes da Xunta realizaron unha exposición "para poñer en valor as capacidades de Galicia" ante os aspirantes a investir en Corcoesto. A multinacional informa de que se celebraron varios actos similares e defende a súa "transparencia". "Son investidores estranxeiros que lle preguntan ao Goberno como está Galicia, cales son as condicións económicas e as vantaxes fiscais", sinalan fontes da mineira. "O proxecto foi paralizado", subliñan dende a consellería intentando despexar sospeitas sobre a actuación de Aguilera.
 
A Xunta cambiou a súa actitude cara á mina o 15 de xullo de 2013, cando a compañía recibiu un requirimento de Industria no que se endurecían as esixencias de solvencia financeira precisas para autorizar a explotación. Esta circunstancia fixo naufragar o plan de Edgewater, que emprendeu unha batalla xurídica contra a decisión do Goberno.
 
Edgewater considera, di o seu recurso do 16 de abril, que eses novos requisitos son "discriminatorios" e esgrime que Industria foi incapaz de sustentalos nalgunha norma. A única argumentación que recibiu a mineira, explica, é por boca do director do Igape. É aí onde a compañía reproduce as supostas palabras de Aguilera. O cargo da Xunta refírese a esa cea na que avalou a mineira ante os seus investidores como un "argumento moral" que o faculta para despois endurecer as esixencias de solvencia. "Como eu xa dei o paso avalándovos, teño a capacidade e o criterio para dicirvos o que vos estou a dicir", comentoulle Aguieira aos promotores da mina de Corcoesto, segundo o recurso. "É dicir, que todo o contido da esixencia económica sae da moral do director do Igape e do que el considera", conclúe Edgewater. "Noutras palabras: falta unha fundamentación xurídica razoable".
 
AGE censura a "indecente colusión entre intereses privados e altos cargos" do Goberno de Feijóo. "De confirmarse a información recollida no recurso da mineira", advirte o deputado Antón Sánchez, "o director do Igape actuaría de forma totalmente irregular dentro dun procedemento administrativo".

Sonia Vizoso El País

 

 

 

 

 



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript